Biblioteca IES Agra de Raíces.

12/2/20

Encontro literario con Ana Santiso, autora de Cidade Cemento

O luns, 10 de febreiro, visitou o noso centro a poetista e ilustradora Ana Santiso para participar nun encontro literario co alumnado do club de lectura, do Club de Letras, os estudantes de 4º ESO e os que cursan a materia de Coeducación para o século XXI, de 1º Bacharelato. 

A actividade comezou cunha presentación da autora realizada polas cinco alumnas do club de lectura de 1º ESO. A continuación, os estudantes de Coeducación entrevistaron á artista, interrogándoa sobre a súa traxectoria profesional e literaria, as técnicas gráficas que emprega nas ilustracións dos seus propios textos e das obras doutros autores cos que colabora, así como sobre a súa interesante e intensa actividade como muralista. 







Finalmente, Ana falou máis polo miúdo das artes gráficas que ela practica e do proceso de composición das imaxes, partindo sempre de modelos da realidade para imprimirlle logo o seu selo persoal e creativo. Para que o auditorio puidese coñecer de primeira man o desenvolvemento da súa técnica, acompañou as súas explicacións de bosquexos que mostrou ao público e de imaxes dixitais en distintos procesos de elaboración, de forma que se puidesen ir observando as distintas fases no tratamento das mesmas ata chegar ao resultado final desexado. 






O salón de actos, que acolleu esta primeira parte do encontro con Ana Santiso, de 10.25h a 12.05h, decorouse para a ocasión coas caricaturas que os estudantes de Debuxo artístico de 1º Bacharelato realizaron arredor da figura da autora. Queremos expresarlle o noso agradecemento tanto aos alumnos pola súa inestimable colaboración como á súa profesora, Mirta Pequeño, por guiar o traballo e orientalos cara a consecución de resultados finais de extraordinaria calidade. 












Moitas grazas a todos/as!



Xogos confeccionados polo club de lectura de 1º ESO sobre a obra Cidade Cemento, de Ana Santiso

O pasado 4 de febreiro, as cinco alumnas do club de lectura de 1º ESO (Naiara Carreira, Yaiza Castro, Andrea Iglesias, María Mouzo e Sofía Van Der Zwan) convocaron unha sesión extraordinaria do seu grupo de lectura para poñer en práctica os xogos de mesa que confeccionaron arredor da obra Cidade Cemento, de Ana Santiso, que nos visitou no centro este luns. 

As cinco estudantes estiveron a preparar o encontro literario coa poetisa e ilustradora desde comezos de xaneiro. Cidade Cemento é un álbum ilustrado onde as imaxes se combinan cos versos desta artista ecléctica para reflexionar sobre o poder da imaxinación, que permite fuxir dun existencia gris e anodina. Tras a lectura e revisión da obra, os membros do grupo prepararon dous xogos de mesa arredor do seu contenido. O primeiro deles é un puzzle composto por 17 fichas que conteñen as ilustracións da autora e outras tantas que reproducen os versos que describen cada imaxe. O xogo consiste en asociar cada imaxe co texto correspondente. 








O outro xogo ideado polas alumnas que forman o club “Arroaces de Gures” foi a selección das palabras clave da obra e a súa distribución en 17 sobres. Cada un deles contiña dous deses termos entre os que se establecía unha rima asonante. O obxectivo do xogo consistía en crear un pareado con eses dous vocablos e que a reunión de todos eles emulara o estilo da autora e o ton filosófico que ela emprega no seu texto.







O martes, 4 de febreiro, de 10.25h a 11.15h, as cinco alumnas puxeron en práctica os dous xogos con algúns dos seus compañeiros de 1º ESO.




Moitas grazas a todos/as pola vosa colaboración!

5/2/20

Próxima visita da poetisa e ilustradora Ana Santiso

O vindeiro luns, 10 de febreiro, visitará o noso centro a poetisa e ilustradora Ana Santiso para participar nunha charla-coloquio co alumnado do club de lectura Libros coma area!, do Club de Letras e cos estudantes da materia de Coeducación de 1º Bacharelato. Este encontro literario celebrarase de 10.25h a 12.05h no salón de actos do instituto. Os estudantes aproveitarán para entrevistar a Ana Santiso e coñecer máis polo miúdo a súa traxectoria artística, así como o proceso de confección do seu álbum ilustrado Cidade Cemento

A continuación, de 12.25h a 14.05h, terá lugar un obradoiro na nosa biblioteca no que os integrantes dos catro grupos do club de lectura e do Club de Letras realizarán un exercicio plástico e de escritura creativa coa nosa convidada. Contaremos, ademais, con moitas outras sorpresas. 

Darémosvos cumprida información desta visita nos próximos días!


27/1/20

Calendario 2020 do club de lectura Libros coma area!


Dentro da campaña de animación lectora organizada polo club de lectura do IES Agra de Raíces no Nadal, atópase a confección dun calendario no que rexistrar as datas e os eventos realizados polo noso club durante o ano 2020. Na decoración do mesmo, colaboraron varios membros dos distintos grupos. Así, Andrea Iglesias debuxou a portada do libro que o club de 1º ESO leu no 1º trimestre: Memorias dun neno labrego. Érika Cives fixo a de Fóra do normal, lida polo club de 2º ESO; Aroa Lema e Sofía Hawley elaboraron cada unha a súa propia versión da portada de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, obra escollida no 1º trimestre polo grupo de 3º ESO; e Helena García preparou a de O club da calceta, revisada polo grupo de 4º. Velaquí podedes ver e descargar o produto final. 

Grazas a todas polo magnífico traballo realizado!

















26/1/20

Os membros do club de lectura de 1º e 4º ESO, agora tamén axudantes voluntarios na biblioteca escolar


O interese dos grupos de lectura de 1º e 4º ESO ("Arroaces de Gures" e "Baleas de Caneliñas") polas actividades de dinamización lectora levou a todos os seus integrantes a converterse en axudantes voluntarios nas tarefas da biblioteca, adscribíndose na convocatoria “Bibliotecas Escolares Solidarias” para o curso 2019-2020.

Ademais de apoiar ao profesorado encargado da biblioteca nas tarefas habituais de localización e ordenación de obras nos estantes correspondentes, selección dos volumes destinados a reparación ou expurgo e recordatorio aos usuarios do comportamento correcto na biblioteca, tamén se dedicaron a recomendar aos seus compañeiros/as as obras que máis lles gustaron e participaron activamente na confección dos trípticos e suxestións de lectura emitidos polo club de lectura. Na actualidade, estanse a ocupar da decoración da estantería correspondente ás obras de igualdade de xénero, recén estreada na biblioteca do centro. 




14/1/20

Sesión do club de lectura do profesorado arredor da novela Los asquerosos, de Santiago Lorenzo

O luns, 13 de xaneiro, tivo lugar a terceira xuntanza do club de lectura do profesorado do IES Agra de Raíces arredor da obra de Santiago Lorenzo, Los asquerosos, unha das novelas máis destacadas e eloxiadas pola crítica no ano 2019.

Os membros do club disertaron arredor da orixinalidade da obra, da complexidade psicolóxica do protagonista e da súa evolución mental e vivencial ao longo da historia, así como das súas abúlicas relación familiares e persoais. O personaxe principal vese condenado a unha soidade, primeiro forzosa e despois desexada, como única forma de vida satisfactoria para el. 

Non perdades a ocasión de achegarvos á súa lectura para coñecer e valorar unha historia e uns personaxes singulares, que invitan á reflexión social.


11/1/20

Próxima visita da poetisa Victoria Carande ao club de lectura de 4º ESO

Victoria Carande Herrero, autora do poemario Litoral interior, participará nun coloquio cos integrantes do club de lectura de 4º ESO do IES Agra de Raíces o vindeiro 19 de febreiro. Os membros do club están a analizar os sonetos que compoñen esta obra, recoñecendo neles a habilidade da escritora e ilustradora para extraer e suliñar a beleza que existe na cotidianidade do ser humano. Victoria Carande eleva á categoría de arte a fermosura da natureza, dos obxectos, dos lugares e dos sentimentos que nos rodean a diario. 

Trátase dunha artista integral que combina poesía e debuxo nun poemario que supón un vínculo de unión excepcional entre a tradición áurea do soneto e a modernidade das súas palabras.