Biblioteca IES Agra de Raíces.

29/6/16

E MARÍA CANOSA VOLTOU AO SEU INSTITUTO...

Despois duns aniños, a que fora brillante alumna do IES "Agra de Raíces" voltou ás súas aulas. Agora María é unha escritora multipremiada, unha enxeñeira de camiños e máis unha esperta colaboradora dun programa cultural de grande éxito na cadea estatal de Galicia, polo que tela connosco falando de literatura foi unha grande honra para nós (e unha grande emoción para ela, segundo contou).



No club de lectura lemos o seu libro Druidas, no que a rapaza Lúa se vai formando como a derradeira (por agora?) druída, grazas ás ensinanzas de seu avó, versado herdeiro das artes destes antigos sabios celtas que exercían de médicos e sacerdotes, grazas aos coñecementos que posuían da natureza, coa que vivían en harmonía máxica.

María contounos moitas cousas do seu labor coma escritora, pero sobre todo da xénese do libro, inspirado nas experiencias de seu avó, que tivo que vivir, durante a guerra civil, en íntima comunidade coa natureza, a escuridade das covas e as bestas salvaxes.

Fermoso peche para a odisea anual do club de lectura "Libros coma area!" do IES "Agra de Raíces" de Cee.



Ata o curso que ven!

28/6/16

ESCARLATINA MORREU DE ESCARLATINA

 Escarlatina morreu de escarlatina, Amanito envelenouse cunha Amanita e Nicotino fumaba moito, por iso morreron, pero Román e o seu gato Dototo teñen a oportunidade de rescatar a Escarlatina (e á súa araña Lady Horreur) do inframundo, se conseguen facer un prato que guste a vivos e mortos.






É divertido este libro polas situacións, a linguaxe, o acento francés da araña que fala... pero esa non é a súa única virtude: defende o dereito a perseguir un soño, promove a solidariedade, consegue un ambiente único e... inclúe auténticas e fantásticas receitas.

Escarlatina, a cociñeira defunta é un estupendo libro de Ledicia Costas, Premio dos Clubs de Lectura de Galicia por ter sido a autora máis lida durante o curso pasado.


26/6/16

REBELDES DE SUSAN HINTON E AS BANDAS XUVENÍS

Cando Francis Ford Coppola adaptou The Outsiders e Ramble Fish, baseadas na primeira e a terceira novela de Susan Hinton, esta autora de Oklahoma xa vendera millóns de exemplares.

Aquí séguense as venturas e desventuras de Ponyboy, a súa relación cos seus irmáns Darry e Sodapop e as tensións entre a súa banda, os Greasers, e os Socs.

Este libro serviunos para falar da violencia á que se ven expostos os mozos, moi especialmente os que pertencen ao mundo da marxinalidade pola súa situación familiar, pola pobreza ou ambiente social do mundo onde viven.

Ligues, rifas e mesmo mortes irán modelando a personalidade deste intelixente mozo que finalmente conta as súas experiencias na redacción escolar que se converteu neste relato.

Moi interesante.

XÚPITER NON TIÑA CORAZÓN

Emocionante e aleccionadora pareceunos este libro. 

Un rapaz, unha rapaza, non debe confiar nas "amizades" que se fan por internet, dar a descoñecidos os seus datos nin abrirlles o seu corazón, pois a nube oculta xente de todo tipo e é moi doado facer dano a persoas sensible, moi especialmente en certas edades e pasando por circuntancias críticas...

Ledicia Costas fai un libro fermoso e didáctico que os rapaces e as rapazas non deberán esquecer.

 A nós deunos para falar do acoso, da amizade, de como se debe utilizar internet e tamén para falar da observación astrónomica.