Biblioteca IES Agra de Raíces.

14/12/22

 

ORGULLO DE CLUB

O club de lectura "Libros coma area!" non pode sentirse máis orgulloso da nosa compañeira Lúa Iglesias de 1º de Bacharelato, pois resultou ser a gañadora da XIX edición do concurso de poesía ANOMAR que cada ano organiza a Asociación Recreativa e Cultural dos Tilos.

 

Velaquí tendes o seu poema para que o poidades desfrutar.


Xúrovos que está dentro de min.
É ela, estou segura de que é ela
a que se unirá a min con lazos de sangue
dende a vida ata a morte,
preseguíndome sempre.

É o meu punto de partida nos finais sen rematar.

Dende que teña á Lúa desfacéndoseme nos dedos
ata que todo o seu peso se asente na miña pel,
maltratándoa e deixando cicatrices sobre ela.

Dende que os meus pulmóns collan milleiros de folgos de xasmín
ata que se fagan tan diminutos que o aire non me chegue,
pedindo auxilio
deixándome aterrorizada.

Ámoa, ámoa tanto...

Tanto que me fago invisible
a cada segundo que intenta xogar ás agochadas,
loitando cos seus monstros
e se fai responsable de todas as miñas extremidades,
de cada exhalación que pola miña boca sae.

Tanto que somos imparables.

Tan inseparables que nos vemos moi de vez en cando.
Tanto que choro cando sae do meu corpo
e volvo a ser dona de min mesma.
Tanto que me asusta cando aparece.
Tanto que me paraliza cando marcha.
Tanto que me treme a alma.
Tanto que me move.
Tanto que me pode.
Tanto que me fala.
Tanto que me toca.
Tanto.

9/12/22

 

A ESCURIDADE CHEGA AO CLUB

Os días 1 e 7 de decembro reuníronse os dous equipos do grupo de 1ºESO/2ºESO, tras sentarnos no noso espazo preferido da biblioteca, os nenos e nenas do club comentaron os libros Coraline de Neil Gailman (día 1) e Las brujas de Roahl Dahl (día 7). Coa colaboración da profesora Lara Trillo, o noso alumnado falou dos aspectos que máis lles chamaron a tención destas obras e compararon con outros libros similares do xénero da fantasía escura. Tras intercambiar os libros, agora os dous equipos lerán a obra que xa desfrutaron os seus compañeiros e posteriormente reunirémonos para compartir as súas experiencias.


Aquí temos ao grupo que xa leu Coraline


Os primeiros en ler Las brujas

En breves informaremos das reunións do grupo de 3ºESO/4ºESO/1ºBACH que tamén teñen un duelo de libros con La puerta de Manel Loureiro e Infamia de Ledicia Costas.