Biblioteca IES Agra de Raíces.

3/12/12

Xuntanza Enderezo Descoñecido e novo libro Mecanoscrito da segunda orixe


Gran éxito o libro Enderezo Descoñecido proposto no club de lectura do 2º ciclo. Hoxe comemos no instituto e estivemos case dúas horas falando deste libro, lemos xuntos numerosas frases e analizamos cada un dos remites e remitentes das cartas, datas de envío, despedidas, etc. todo o que a uns e a outros nos resultara digno de mención cando o lemos.

Parabéns a todas e todos os lectores porque con este libro expresaron opinións e detalles fantásticos!!!!
Agora a polo seguinte, desta vez animámosnos con Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo, á volta das vacacións comentarémolo, agora a estudarrrrr.

Xuntanza Trece anos de Branca e novo libro A la sombra del maestro

O venres no 21 recreo tivemos a xuntanza do club de lectura do 1º ciclo, a lectura a tratar era Trece anos de Branca. Houbo todo tipo de opinións sobre o libro aínda que en xeral gustoulles a todos.
Esta semana empezamos con A la sombra del maestro de Juan Farias, á volta das vacacións comentaremos esta lectura. Agora estes días a estudar moito!!!!

26/11/12

Trece anos de Branca e Enderezo descoñecido

Novamente volvemos ler no club de lectura Libros coma area, Trece anos de BrancaAgustín Fernández Paz , esta vez os lectores serán os novos membros do club que o curso pasado non estiveron no club nin sequera no instituto, vailles a gustar moito.
Agustín Fernández Paz
Branca, enferma de hepatite, revisa dende a súa cama, as fotografías da súa vida: a súa infancia, os problemas no cole, as súas amigas, a relación entre os seus pais, o seu primeiro amor...

Dende aquí damos os nosos parabéns a Agustín Fernández Paz que acaba de recibir o Premio da Crítica pola súa novela Fantasmas de luz.

Ó mesmo tempo estamos lendo no outro club de lectura Enderenzo Descoñecido de Kressman Taylor.
Preciosos libro no que dous amigos que se intercambian cartas. Un vive en California e o outro é alemán que regresa ó seu país en 1932. 
Kressman Taylor pretende trasmitirnos o que estaba pasando cos xudeus en Alemania nesa época.
Non conto máis e deixo que vos mesmos o interpretedes!!!



13/11/12

Xuntanza!!!!!!!!!!!!

Reunímonos no 2º recreo do MARTES 14 na aula taller de Matemáticas
(2º andar, enfrente á aula de música)

Imaxe de  http://bibliovedrunavirtual.wordpress.com/

6/11/12

El capitán Alatriste

Un areeiro 2011-2012 foi o encargado de elixir o 1º libro para comenzar o club de lectura. A obra recomendada por Jesús de 3º de ESO foi El capitán Alatriste de Arturo Pérez Reverte e a súa filla Carlota.
"No era el hombre más honesto ni el más piadoso, pero era un hombre valiente"...así empeza O capitán Alatriste, a historia dun soldado veterano dos terzos de Flandes que malvive como espadachín a soldo no Madrid do século XVII......



Benvidos a tod@s areeiros e areeiras ó club Libros coma area!!!

17/10/12

Areeiros reunímonos un ano máis!!!

Ola a todas e a todos!!!!
Aquí estamos de novo un curso máis no Agra de Raíces, así que aproveitando a coincidencia, biblioraíces convócavos para arrancar un curso máis co club de lectura Libros coma a area.
A primeira reunión e presentación do club será o MÉRCORES 24 NO 2º RECREO ÁS 12:05h na BIBLIOTECA, esperámosvos a todas e a todos e podedes invitar a amigas e amigos interesados pola lectura que queiran compartir connosco un rato do seu tempo e non acostumen a lernos por aquí.

13/6/12

BRANCA E PAZ REMATAN O CURSO

Agustín Fernández Paz
Para rematar este curso, leremos un marabilloso libriño do coñecido e premiado autor galego Agustín Fernández Paz.

Branca, enferma de hepatite, revisa dende a súa cama, as fotografías da súa vida: a súa infancia, os problemas no cole, as súas amigas, a relación entre os seus pais, o seu primeiro amor...

Poético e precioso libriño que che fará gozar.

28/5/12

Visita de Alexandre Nerium

O cabaleiro do mar estivo de charla cos areeiros durante unha hora, a súa maneira de explicar, a súa forma de recitar, de falar....todo isto e moito máis deixounos a todos abraiados un tempo. El foi o que nos animou ó concurso de poesía e el foi o que entregou o premio ó poema 9, o máis votado por vós mesmos e que está exposto na entrada anterior. Parabéns á gañadora e a todas e todos por participar!!!



25/5/12

VISÍTANOS O "CABALEIRO DO MAR"


O luns visítanos o poeta fisterrán
Alexandre Nerium, quen se presenta así na Biblioteca Virtual Galega:

Agardando á raxor tenue do día
ouvindo ese xemer dos xaramiños,
o axirido da fame das gaivotas,
o isócrono rinchar das brogas irtas,
-nesoutro abril, se arduo, arrecendente-
tróuxome miña nai Manuela ó mundo.

Pois si: pechará por uns intres o Museo do Mar de Fisterra (que dirixe) para compartir con nós un dos nosos "Mediodías Literarios" no IES "Agra de Raíces": agasallará un libro seu ao vencedor (ou vencedora) do noso Concurso de Poesía e contaranos algo da súa relación coa poesía e a literatura... e ao mellor nos di tamén como se fai para pescar a navalla a pulmón, cousa que non debe de ser moi doada, segundo din por aí!

Se queres saber máis de Alexandre Nerium, mira na Wikipedia a súa obra ou olla este artigo de La Voz de Galicia, por exemplo.

23/5/12

POEMAS PRESENTADOS AO CONCURSO

Neste documento podedes ver os poemas que @s areeir@s presentaron ao noso concurso de poesía.
Xa sabedes: se sodes do noso Club de Lectura, mandade un correo ao e-mail da biblioteca (agraderaices@gmail.com) e votade polo poema que más vos gustou. Lembrade que cada poema está identificado cun número, que é o que vós debedes poñer no voso voto.
O máis votado será o gañador, e xa sabedes que Alexandre Nerium faranos unha visita o próximo luns 28 de maio para falar un rato con nós e agasallar ao gañador ou gañadora do concurso cun libro seu.
Votade, por favor!
POEMAS CONCURSO

21/5/12

Rematada A chamada da selva

Actividade completada durante a semana cultural. Coincidindo coa semana cultural no noso instituto, fixemos a última reunión da lectura A chamada da selva de Jack London. Houbo varias versións sobre a obra, dende membros do club que non foron capaces de rematala pola dureza do tema que aborda, ata outros que nomearon a obra como unha das mellores lidas durante o curso. Todos coincidiron no ben escrita que está e no boa que é pero as opinións foron moi distintas sobre moitos dos capítulos.

29/4/12

Fotos do roteiro da PRAIA DOS AFOGADOS

No Templo Votivo de Panxón, dos anos 30 do século XX
E fomos ao roteiro, e pasámolo bastante ben.

Ensináronnos o importante que é a toponimia para os mariñeiros e cales son as súas características; dixéronnos como atopar as nasas no medio do mar e nós mesmos fixemos de referencias; explicáronnos como saber que hai no fondo do mar nun determinado punto, pois non é o mesmo que haxa area (peixes planos) que rochas ou que un barco afundido (pintos, maragotas, meros)... e outras moitas cousas do mar moi interesantes.

Visitamos despois a Praia da Madorra e vemos o Templo Votivo do Mar de Panxón, neste caso por fóra, por estar pechado... A mágoa foi que non entramos na lonxa nin no templo e que non estivese, en persoa, o mismísimo Domingo Villar, para preguntarlle un par de cousas.


Para ver todas as fotos, picade AQUÍ.

25/4/12

SAÍMOS NA PRENSA!


Hazte famoso en www.revistate.com
Aquí podedes ver a unha parte dos "Areeiros"
Tras anunciar a próxima lectura no noso club dos 18.345 números publicados ata o momento por esta revista, NG veu facernos unha entrevista e mesmo SACOUNOS NA PORTADA DO NÚMERO 13.346!


Pasa pola biblioteca a ver este número de National Geographic!









17/4/12

E xa estamos con A CHAMADA DA SELVA


Pasamos agora no club de lectura "Libros coma area" a un clásico: Jack London.


Este autor autodidacta estadounidense de finais do século XIX e principios do XX morreu (suicidado?) coa idade de 40 anos, tras escribir máis de vinte novelas, moitos artigos periodísticos e varios ensaios.

Tamén é autor de varios libros de memorias máis ou menos recoñecidas, como a súa marabillosa e moi recomendábel Martin Eden, que vén de reeditarse por Alba Editorial.

Jack London escribiu moito máis que Cairo branco e A chamada da selva, as obras máis coñecidas, sobre as que mesmo se fixeron varias películas e telefilmes. Nós aquí na biblioteca xa temos Cairo Branco en español e en inglés, Polos mares do Sur, Unha odisea nórdica, A chamada da selva en galego, español e inglés e máis un libro de Contos editado por Tris Tram... máis Martin Eden que xa está encargada. Descobre a Jack London.

Por certo, vari@s d@s nos@s areeir@s (e xa somos 22!) están lendo A chamada da selva nun libro electrónico.

O MARTES 24: ROTEIRO!

Panxón, imaxe aerea de Google Maps
O martes 24 imos facer o Roteiro que a editorial Galaxia organiza polos escenarios onde se desenvolve A praia dos afogados, a novela de Domingo Villar que lemos no noso club de lectura fai uns meses.
Iremos con alumnos e alumnas de 4º de ESO que leron o libro para a disciplina de Lingua Galega e máis con varias profesoras de galego.

9/4/12

Nunca seré tu héroe

Foi elixida como próxima lectura Nunca seré tu héroe de María Menéndez Ponte. Os mesmos alumnos propuxeron este libro para que charláramos con eles sobre un tema moi familiar á súa idade, a adolescencia.
Esta semana xa teremos a reunión e comentaremos as impresións sobre a lectura e as distintas visións. Quédavos por aquí unha pequena sipnose e tamén un vídeo dunha alumna doutro centro que o recomenda.
Andrés está farto do colexio, dos granos, das charlas da súa nai, da plasta da súa irmá, de Jorge o birlamozas, da vida en xeral e do profe de Historia en particular. Dani, o seu amigo do instituto, e el propuxéronse cambiar o mundo e fan un conxuro que lles fará inmunes ás fantasmadas dos ricos, pelotas e demais aves carroñeiras, e converteraos en heroes. Bueno, polo menos iso é o que estaba previsto. Se logo as cousas se torcen.....veremos o que ocorre..... 

16/3/12

Imaxes de areeir@s en reunións de A praia dos afogados

Recompilación de imaxes das reunións do club de lectura sobre A praia dos afogados.Rematamos a 1ª lectura e agora leremos unha proposta dos areeiros alumn@s, xa vos iremos contando. Esperamos que vos guste o vídeo!! Música Luar na Lubre.

12/3/12

Rematamos ca Praia dos afogados

Areeiros e areeiras comemos xuntos!!!! A derradeira xuntanza de A praia dos afogados será comendo no instituto para ter máis tempo e poder charlar sen que toque o timbre e nos teñamos que ir. Xa vos mostraremos aquí probas gráficas da nosa xuntanza.

7/3/12

XUNTANZA O VENRES 9

 A piques de que tod@s os areeir@s rematemos a lectura facemos unha reunión no 2º recreo deste venres para comentar novidades e establecer a data da xuntanza definitiva, a ver se conseguimos quedar a comer!!!

26/2/12

O carné d@s areeir@s

Este é o noso carné, o que nos identifica como AREEIR@.

Ata onte, nalgunhas localidades da bisbarra, un AREEIRO ou linguado de area era o que en moitos outros chaman ACEDÍA, (Pegusa Lascaris para os científicos).

Un areeiro está moi rico, pero non le.

Hoxe, un areeiro segue a ser unha acedía, pero un AREEIR@ É UN LECTOR DO CLUB DE LECTURA "LIBROS COMA AREA" DO IES "AGRA DE RAÍCES".


NON NOS CONFUNDAS! NÓS TEMOS OS DOUS OLLOS
MIRANDO MÁIS OU MENOS PARA O MESMO LADO!

Además, colegas areir@s, estade atentos, porque en varias librarías de Cee colaboran con nós: aquelas nas que atopes o carteliño verde que tes aquí:



PARABÉNS POR SER AREEIR@!

24/2/12

Grande o éxito da 1ª quedada

Hoxe foi a 1ª reunión logo de comenzar a lectura, non todos traían as tarefas ben feitas co libro lido ata a páxina recomendada (260), pero non pasa nada, seguimos lendo pouco a pouco, xa que a cousa estase poñendo moi moi interesante!!!
Houbo comentarios coma os seguintes:
- Leo Caldas fuma moito ehhh
- Está claro que hai un asasino pero...queda moito por investigar..
- E vós, credes o de Sousa? porqueee, o inspector cre a historia que se está contando no pobo..
- Claro, é que..dende que lle deron a foto con aquel aparello, claro que pode pensar que foi el...
- A min o Marcos Valverde non me gusta nadiña, creceu moito economicamente en tan pouco tempo.
-E que me dicides de Rafa Estévez...Neste caso incluso houbo tempo para comparalo cun dos compañeiros do club, que non é galego, e seguramente pensa a miúdo coma Estévez
Concluimos a reunión con un paseo virtual con google map chegando á lonxa de Panxón, porto, igrexa...ata a casa de Xusto Castelo.
Agardamos impacientes a próxima quedada!!!

23/2/12

Un blog catalán en galego que fala sobre A praia dos afogados???

Un recorte do blog
Pois si, e non volo perdades: fai un percorrido por un monton de localizacións da obra que estamos a ler, con moitas fotos e datos: cando esteades no blog, picade na etiqueta A praia dos afogados e dade un paseo por esta obra, en varias etapas.
Estupendo blog en galego dun catalán sobre a literatura galega.
Visitade o blog A LEI DE LEM, de Daniel González Martín.



A praia dos afogados na gran pantalla

Unha noticia do xornal de xaneiro deste ano anuncia que antes de final de ano poderemos desfrutar da versión cinematográfica de "A praia dos afogados". Deixámosvos aquí a noticia e agardamos con ansiedade este momento.

10/2/12

1ª lectura elixida por unanimidade!!

Libros coma a area decidiu empezar a súa andaina entrando no mundo da investigación policial cunha das novelas máis comentadas nos clubs doutros institutos. Acompañaremos ó inspector de policía Leo Caldas na resolución do seu caso na novela A praia dos afogados de Domingo Villar. 
"Leo Caldas, inspector de policía, enfróntase a un novo caso. Esta vez a aparición do cadáver dun mariñeiro, alcumado O Rubio, nunha praia de Panxón dálle bastantes quebradeiros de cabeza. Hai momentos nos que a investigación parece estancarse, pero el sempre tenta abrir novas vías que permitan resolver este misterio, acompañado do seu axudante, Rafael Estévez, un aragonés de armas tomar que contrasta co carácter do seu superior."

6/2/12

Arranca a súa andaina o club de lectura de biblioraíces

Biblioraíces xa ten Club de Lectura e arrancamos esta semana. LIBROS COMA AREA será o nome do noso club. Dende a biblio pretendemos con isto fomentar entre o noso alumnado o hábito de ler, na idea de que a mellora pola súa parte de habilidades avanzadas de lectura optimice o seu desenvolvemento académico e o cualifique para afrontar os retos da sociedade moderna. Entre as actividades destacadas, a parte da lectura en común, está a realización de excursións, visitas de escritores, proxeccións de películas,contacontos...e lecturas conxuntas con Nautilus Club de Lectura da Bibliofernandoblanco.