Biblioteca IES Agra de Raíces.

28/10/16

13 ANOS DE BRANCA

(Da páxina oficiai de Agustín Fernández Paz)

Aos trece anos, Branca contrae unha hepatite que a obriga a gardar repouso absoluto durante dous meses. Para pasar o tempo, e animada pola súa nai, comeza a facer un álbum de fotos. As vivencias esquecidas que lle devolven as fotografías permitiranlle evocar toda a súa vida: as experiencias vividas nos anos de infancia, as relacións familiares, os amigos, o descubrimento de sentimentos tan cruciais como o amor, os medos, as incertezas…
Este libro ofrece un excelente retrato dunha moza adolescente, trazado con gran sensibilidade e penetración psicolóxica, e escrito nun estilo sinxelo e depurado. Un relato cheo de autenticidade e tenrura, no que destaca, ademais, a súa orixinal construción a modo de puzle, que provoca o interese na persoa que o le e incítaa a  proseguir para poder completar o universo da protagonista.

De novo revisamos o diario que Branca escribiu durante a súa hepatite, obra premiada do mestre Fernández Paz. 

Os ARROASES DE ESTORDE (13 alumnos e alumnas e dúas profesoras) van comezar a campaña con esta estupenda lectura, que atrapa dende a primeira liña.

20/10/16

DE VOLTAS AO MORTOBÚS CON LADY HORREUR

ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA

(Da páxina do libro na editorial Xerais)

Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.


Dado que este libro tivo moito éxito entre os nosos areeiros do curso pasado, decidimos propoñerllelo aos nosos novos areeiros, para que morran de medo, de risa ou de fame. Comezarán con el os nosos ARROASES DE ÉZARO.



As receitas que aparecen non están elixidas ao chou e son perfectamente factibles, como nos explica (entre outas moitas cousas) a autora, Ledicia Costas, neste programa de "Galicia para o mundo".






19/10/16

SOMOS 50 AREEIROS... LENDO!


Isto si que é medrar!



As catro profesoras e o profesor que nos ocupamos do club de lectura xa estamos "capitaneando" os catro grupos que fixemos dentro do club "Libros coma area!" e xa estamos repartindo as primeiras lecturas (cuxos exemplares conseguimos, en parte, grazas á colaboración dos institutos e bibliotecas da zona).


SOMOS 50 AREEIROS LENDO

ARROASES DE ÉZARO: 
Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas.

ARROASES DE GURES: 
Os Megatoxos e a espada esmeralda, de Anxo Fariña.

ARROASES DE ESTORDE: Trece anos de Branca de Agustín Fernández Paz.


BALEAS DE CANELIÑAS: Amor dos quince anos, Marilyn, de Agustín Fernández Paz.


"Atopo a televisión moi educativa: cada vez que alguén a acende, marcho a outra habitación a ler un libro" 



Groucho Marx

Amor dos quince anos... unha fermosa homenaxe ao cine

(Da páxina oficial de Agustín Fernández Paz)


Como ocorría en Contos por palabras, son os anuncios breves dos xornais a orixe destes textos, que aquí teñen unha meirande complexidade e extensión. Un vampiro solitario vaga polas rúas da noite coruñesa, na procura do seu alimento cotiá. Unha man bota no lume unha foto, que se resiste a arder mais que acaba feita cinza, coma un soño que se esvaece. Un fantasma que regresa, como cada vinte e cinco anos, ao vello pazo familiar… Estas son algunhas das situacións que fixeron nacer os relatos deste volume. Un libro que constitúe unha homenaxe ao cine e aos seus mitos, no centenario do seu nacemento, e que manifesta a súa vontade de enlazar coa tradición literaria galega e coa literatura infantil universal.



Con este atractivo libro de relatos cheos de amor ao cine e de humor, comezamos as nosas lecturas no grupo Baleas de Caneliñas (3º e 4º da ESO e Bacharelato) do club de lectura "Libros coma area!", e así facemos o noso homenaxe particular ao noso querido Agustín, que xa non está connosco.

13/10/16

VOLVE "LIBROS COMA AREA!"

VOLTAMOS, CON ÁNIMOS RENOVADOS!

O venres 14 de outubro facemos a nosa primeira reunión, na biblioteca, para presentar a andaina 2016-2017 do club, establecer o primeiro libro para cada subgrupo e contar todos os plans que temos.

Leremos banda deseñada, poesía e Fernández Paz, colaboraremos co club "Guaidelai" do IES "Fin do Camiño" de Fisterra, faremos un crucero literario pola ría, visitaremos o Museo da Pesca e faremos un concurso de poesía e varios actos de lectura pública.

E iso é o que hai planeado, que aínda falta o que vaiamos maquinando...