Biblioteca IES Agra de Raíces.

20/12/18

22 segundos de Eva Mejuto

Sinopse:

O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase.”Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá –ou non quererá comprender– nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas… E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son.”Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. “22 segundos” relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis –e a sociedade– deixen de consideralas enfermas.

10/12/18

Concurso: Un logo para o club de lectura



Na procura dun logo para o Club de Lectura
Bases  concurso de logotipo para o Club de Lectura do IES Agra de Raíces de Cee

Tema: O tema  do logo será de libre elección. Deberá incluír o nome do club Libros Coma Area!.

Requisitos: Os logos deberán ser orixinais e incluír o nome do club, Libros Coma Area!  ademais dunha ilustración, elaborada polo/a concursante. Enviaranse en formato dixital á caixa de correos libroscomaarea@gmail.com, podendo, para a súa elaboración, usarse a técnica que o autor/a considere apropiada, tamaño DIN A4. No caso de elixir outro formato para participar, poderán entregarse na biblioteca.
Aconsellase empregar cores que podan trasladarse posteriormente á escala de grises para facilitar a  edición tanto en branco e negro coma a cor.

Requisitos para participar: Poderá participar todo o alumnado matriculado no IES Agra de Raíces de Cee.

Modo de entrega: Cada participante poderá presentar un logotipo. Deberán axuntarse os seguintes datos: nome e apelidos, curso, idioma e nome do titor ou titora do seu grupo.

Prazo de entrega: dende a publicación destas bases ata o día 31 de xaneiro de 2019.

O xurado: os logotipos serán avaliados por un tribunal formado por persoal docente e profesorado do club de lectura, que elixirá o logotipo gañador. O premio poderá quedar deserto se o xurado así o estima por considerar que os traballos non se adecúan ás bases.
Criterios de valoración:
Á hora de conceder o premio valoraranse os seguintes aspectos:
a) A presentación e capacidade para captar a atención da persoa que a contempla.
b) A orixinalidade, imaxinación e creatividade na disposición dos elementos do logotipo.
c) A complexidade na realización do logotipo.
Premio:
Unha bicicleta.
Darase a coñecer o nome da persoa gañadora no blog do club de lectura Libros Coma Area!

Aceptación:
Tódolos logotipos poderán ser publicados na páxina web, redes sociais do centro e expostos nos taboleiros do IES Agra de Raíces  ou da Biblioteca, autorizando os autores/as dita publicación ao participar neste concurso.
O logotipo gañador será propiedade do Club de Lectura que terá liberdade para modificalo total ou parcialmente.

2/12/18

O caderno vermello de Flanagan




Comeza o club de 4ª da ESO, Baleas de Caneliñas, co comentario de O diario vermello de Flanagan de Andreu Martín e Jaume Ribera.