Biblioteca IES Agra de Raíces.

19/12/16

OS ARROASES DRAMATIZAN A MANSIÓN DOS PAMPÍN


Cinco profesores e profesoras e 30 alumnos e alumnas, aproveitando a xornada partida dos luns, comemos xuntos na cafetería do instituto e despois fomos á bilioteca a traballar sobre a banda deseñada A mansión dos Pampín de Miguelanxo Prado.

Imos por partes: na cafetería do instituto, comemos o que nos pareceu ben e tomamos... SOBREMESAS DE ESCARLATINA, que fixeron tres dos arroases (que mañán nomearemos). Estaban deliciosas.

Despois, xa na biblioteca, aproveitamos que a dramatización de A mansión dos Pampín feita por alumnos do IES "Ferrolterra" sobre unha sucesión das viñetas e fixemos nós a nosa: 16 alumnos e alumnas, 16 arroases, representaron todos os personaxes do libro.


Para rematar, repartimos os novos carnés e anunciamos as próximas lecturas, que serán Prohibido casar, papá, de Fina Casalderrey, Nunca seré tu héroe de María Menéndez Ponte e Las lágrimas de Shiva de César Marrorquí.


LIBROS COMA AREA!

1/12/16

REUNIÓNS COMA AREA!

Antes do período de exames e da nosa quedada a mediodía deste trimestre (o próximo luns 19 de decembro) , os nosos tres grupos de ARROASES reuníronse para comentar as súas lecturas:


Os ARROASES DE GURES estiveron no Inframundo con ESCARLATINA, Lady Horreur, Amanito e todos os demais. Algúns deles mesmo puxeron a proba as deliciosas receitas de Ledicia Costas e comprometéronse en reunírense para facer máis. 


Os ARROASES DE ESTORDE pasaron tanto medo coa SOMBRA DO GATO de Concha López Narváez que algúns non puideron pasar da metade do primeiro relato. Dicían que a literatura de terror cáusalles máis medo que as películas, pois nestas "danche todo feito", mentres que os relatos permiten que a túa imaxinación che faga relacionar os aspéctos máis terroríficos con elementos da túa vida real, o que che fai, por exemplo, imaxinar que o teu gato vai medrar e ir por aí matando gando e xente ou que os teus veciños (e ti mesmo) están a convertirse en monstruos.



Os ARROASES DE ÉZARO gozaron coas aventuras dos MEGATOXOS de Miguelanxo Prado, posaron con Ruxe, Ninfa, Lúa e Faísca para a foto dos superheroes con superpoderes do supergrupo do superclub de lectura LIBROS COMA AREA!

21/11/16

O ÁLBUM DE BRANCA


Os arroases de Estorde remataron a lectura de Trece anos de Branca, con divisións de opinións, pois en xeral non conseguiron "engancharse" á lectura.



Aos máis partidarios gustoulles como se expresaban os sentimentos de Branca, pero os menos favorables, aínda que todos dixeron que "estaba ben escrito", dicían que as descricións de obxectos e situacións facíanse un pouco longas e que igual necesitaban máis accion.

Para varios deles o obxecto "álbum" de fotos pertencía ao pasado ou aos maiores, eles que agora están todo o día co móbil na man, e varios comentaron que o episodio no que unha profesora collía un papel da mochila do rapaz e falsificaba a súa letra para incriminalo non era moi crible.

Con todo ler Fernández Paz sempre é unha experiencia.



18/11/16

A VINGANZA SÉRVESE EN PRATO FRÍO, AO ESTILO DE KRESSMANN TAYLOR

Estas palabras, ENDEREZO DESCOÑECIDO, escritos nunha carta devolta polo servizo de correos significan, ao final deste libro: "conseguiches matar ao que foi teu amado amigo e te traizoou" e, aínda máis, "matáchelo con agarimos e palabras cariñosas, enviándolle várias fermosas cartas. Parabéns".



Sutileza pode ser unha palabra que defina o que consegue Katerine Kressmann Taylor con este libro no que podemos ver a rápida evolución dun alemán que volve da súa aventura en América e se atopa cunha Alemaña que está a vivir o imparable ascenso de Hitler nun país completamente arruinado económica e moralmente.

As BALEAS DE CANELIÑAS apreciaron os matices desta pequena xoia e amosáronse anoxados pola perversa traizón de Martin ao seu antigo amigo Max, pola "comedura de tarro" que ten enriba Martin e pola dexeneración á que pode chegar o xénero humano.

Entre os interesantes temas que se trataron estivo o de ata qué punto quen cae neste tipo de dexeneración moral faino por si mesmo ou arrastrado polos demais, para poder sobrevivir nun mundo perverso no que sinte as presións de todos os seus conxéneres.

Finalmente presentamos o próximo libro (banda deseñada, neste caso) que leremos: Engurras de Paco Roca, e fixamos a reunión para o 20 de decembro.


16/11/16

OS MEGAARROASES DE GURES E A ESPADA ESMERALDA



O pasado mércores 9 de novembro tivemos a primeira xuntanza do club de lectura ARROASES DE GURES, para comentar as aventuras de Faísca, Ruxe, Lúa e Ninfa, máis coñecidos como Os Megatoxos, na súa segunda aventura, chamada A espada esmeralda.


Os rapaces e rapazas de 1º de ESO realizaron unha viaxe a través do tempo na compaña destes orixinais personaxes e aprenderon a importancia dos mosteiros medievais como lugares depositarios do saber da época e o valor da unión e o traballo en equipo para superar problemas e atrancos.  


O alumnado destacou a forza dos debuxos que ilustran o libro e a orixinalidade do autor á hora de crear os personaxes, mais tamén subliñou o desacertado dalgúns comentarios do narrador que rompían a intriga e estragaban o que sería un sorprendente final.


A nosa próxima cita será coa cociña e o mundo dos mortos, da man de Escarlatina, a cociñeira difunta e Ledicia Costas.


Agardamos que este libro nos sirva bos adubos, sabores e arrecendos.

  
Bo proveito!

8/11/16

MEDO, COCIÑA E AVENTURAS CON ESCARLATINA


A lectura de Escarlatina, a cociñeira defunta encantou aos Arroases de Ézaro, coma xa pasara o curso pasado con outros arieiros.






Todos os membros comentaron as súas sensacións, os personaxes preferidos (cos seus orixinais nomes), os momentos de medo... e ata declararon ter anotado as receitas e mesmo ter feito algunha delas.


Entendemos perfectamente que este divertido libro, tan divertido e ben escrito, que trata da amizade, as mascotas, a morte e o desempleo, sexa un dos máis lidos nos clubes de lectura de Galicia... e o que lle queda!


4/11/16

AS BALEAS DESPÍDENSE DE FERNÁNDEZ PAZ

Xa lemos e comentamos o noso primeiro libro, Amor dos quince anos, Marilyn. Entre os presentes había boas palabras para este libro, aínda que para algúnhas das nosas baleíñas o libro é un pouco regular en canto á calidade dos relatos: consideraban o mellor o que dá título ao libro, se ben outros parecen quizais excesivamente sinxelos. Para iso, lemos, para despertar o noso espírito crítico, non é?




Aproveitamos o momento para recordar a figura de Agustín Fernández Paz e facer unha pequena exposición dos nosos fondos deste querido autor. Tamén falamos de cine e literatura.

E as baleas saíron ao mar coa nosa nova lectura, Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor, unha pequena obra de arte dunha perfección sinxela e abraiante. Esperamos que a eles lles guste tanto coma a nós.



2/11/16

PRÓXIMAS REUNIÓNS DE AREEIROS

Estimados grupos Arroases de Gures, Arroases do Ézaro, Arroases de Estorde e Baleas de Caneliñas, nos carteis de abaixo podedes ver as reunións para comentar as vosas lecturas. Espero que todos lérades o libro e traiades moitas ideas para comentar. Nesa reunión falarémosvos tamén dos carnés de soci@s e da vosa próxima lectura.



28/10/16

13 ANOS DE BRANCA

(Da páxina oficiai de Agustín Fernández Paz)

Aos trece anos, Branca contrae unha hepatite que a obriga a gardar repouso absoluto durante dous meses. Para pasar o tempo, e animada pola súa nai, comeza a facer un álbum de fotos. As vivencias esquecidas que lle devolven as fotografías permitiranlle evocar toda a súa vida: as experiencias vividas nos anos de infancia, as relacións familiares, os amigos, o descubrimento de sentimentos tan cruciais como o amor, os medos, as incertezas…
Este libro ofrece un excelente retrato dunha moza adolescente, trazado con gran sensibilidade e penetración psicolóxica, e escrito nun estilo sinxelo e depurado. Un relato cheo de autenticidade e tenrura, no que destaca, ademais, a súa orixinal construción a modo de puzle, que provoca o interese na persoa que o le e incítaa a  proseguir para poder completar o universo da protagonista.

De novo revisamos o diario que Branca escribiu durante a súa hepatite, obra premiada do mestre Fernández Paz. 

Os ARROASES DE ESTORDE (13 alumnos e alumnas e dúas profesoras) van comezar a campaña con esta estupenda lectura, que atrapa dende a primeira liña.

20/10/16

DE VOLTAS AO MORTOBÚS CON LADY HORREUR

ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA

(Da páxina do libro na editorial Xerais)

Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.


Dado que este libro tivo moito éxito entre os nosos areeiros do curso pasado, decidimos propoñerllelo aos nosos novos areeiros, para que morran de medo, de risa ou de fame. Comezarán con el os nosos ARROASES DE ÉZARO.



As receitas que aparecen non están elixidas ao chou e son perfectamente factibles, como nos explica (entre outas moitas cousas) a autora, Ledicia Costas, neste programa de "Galicia para o mundo".






19/10/16

SOMOS 50 AREEIROS... LENDO!


Isto si que é medrar!



As catro profesoras e o profesor que nos ocupamos do club de lectura xa estamos "capitaneando" os catro grupos que fixemos dentro do club "Libros coma area!" e xa estamos repartindo as primeiras lecturas (cuxos exemplares conseguimos, en parte, grazas á colaboración dos institutos e bibliotecas da zona).


SOMOS 50 AREEIROS LENDO

ARROASES DE ÉZARO: 
Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas.

ARROASES DE GURES: 
Os Megatoxos e a espada esmeralda, de Anxo Fariña.

ARROASES DE ESTORDE: Trece anos de Branca de Agustín Fernández Paz.


BALEAS DE CANELIÑAS: Amor dos quince anos, Marilyn, de Agustín Fernández Paz.


"Atopo a televisión moi educativa: cada vez que alguén a acende, marcho a outra habitación a ler un libro" 



Groucho Marx

Amor dos quince anos... unha fermosa homenaxe ao cine

(Da páxina oficial de Agustín Fernández Paz)


Como ocorría en Contos por palabras, son os anuncios breves dos xornais a orixe destes textos, que aquí teñen unha meirande complexidade e extensión. Un vampiro solitario vaga polas rúas da noite coruñesa, na procura do seu alimento cotiá. Unha man bota no lume unha foto, que se resiste a arder mais que acaba feita cinza, coma un soño que se esvaece. Un fantasma que regresa, como cada vinte e cinco anos, ao vello pazo familiar… Estas son algunhas das situacións que fixeron nacer os relatos deste volume. Un libro que constitúe unha homenaxe ao cine e aos seus mitos, no centenario do seu nacemento, e que manifesta a súa vontade de enlazar coa tradición literaria galega e coa literatura infantil universal.



Con este atractivo libro de relatos cheos de amor ao cine e de humor, comezamos as nosas lecturas no grupo Baleas de Caneliñas (3º e 4º da ESO e Bacharelato) do club de lectura "Libros coma area!", e así facemos o noso homenaxe particular ao noso querido Agustín, que xa non está connosco.

13/10/16

VOLVE "LIBROS COMA AREA!"

VOLTAMOS, CON ÁNIMOS RENOVADOS!

O venres 14 de outubro facemos a nosa primeira reunión, na biblioteca, para presentar a andaina 2016-2017 do club, establecer o primeiro libro para cada subgrupo e contar todos os plans que temos.

Leremos banda deseñada, poesía e Fernández Paz, colaboraremos co club "Guaidelai" do IES "Fin do Camiño" de Fisterra, faremos un crucero literario pola ría, visitaremos o Museo da Pesca e faremos un concurso de poesía e varios actos de lectura pública.

E iso é o que hai planeado, que aínda falta o que vaiamos maquinando...



29/6/16

E MARÍA CANOSA VOLTOU AO SEU INSTITUTO...

Despois duns aniños, a que fora brillante alumna do IES "Agra de Raíces" voltou ás súas aulas. Agora María é unha escritora multipremiada, unha enxeñeira de camiños e máis unha esperta colaboradora dun programa cultural de grande éxito na cadea estatal de Galicia, polo que tela connosco falando de literatura foi unha grande honra para nós (e unha grande emoción para ela, segundo contou).



No club de lectura lemos o seu libro Druidas, no que a rapaza Lúa se vai formando como a derradeira (por agora?) druída, grazas ás ensinanzas de seu avó, versado herdeiro das artes destes antigos sabios celtas que exercían de médicos e sacerdotes, grazas aos coñecementos que posuían da natureza, coa que vivían en harmonía máxica.

María contounos moitas cousas do seu labor coma escritora, pero sobre todo da xénese do libro, inspirado nas experiencias de seu avó, que tivo que vivir, durante a guerra civil, en íntima comunidade coa natureza, a escuridade das covas e as bestas salvaxes.

Fermoso peche para a odisea anual do club de lectura "Libros coma area!" do IES "Agra de Raíces" de Cee.



Ata o curso que ven!

28/6/16

ESCARLATINA MORREU DE ESCARLATINA

 Escarlatina morreu de escarlatina, Amanito envelenouse cunha Amanita e Nicotino fumaba moito, por iso morreron, pero Román e o seu gato Dototo teñen a oportunidade de rescatar a Escarlatina (e á súa araña Lady Horreur) do inframundo, se conseguen facer un prato que guste a vivos e mortos.






É divertido este libro polas situacións, a linguaxe, o acento francés da araña que fala... pero esa non é a súa única virtude: defende o dereito a perseguir un soño, promove a solidariedade, consegue un ambiente único e... inclúe auténticas e fantásticas receitas.

Escarlatina, a cociñeira defunta é un estupendo libro de Ledicia Costas, Premio dos Clubs de Lectura de Galicia por ter sido a autora máis lida durante o curso pasado.


26/6/16

REBELDES DE SUSAN HINTON E AS BANDAS XUVENÍS

Cando Francis Ford Coppola adaptou The Outsiders e Ramble Fish, baseadas na primeira e a terceira novela de Susan Hinton, esta autora de Oklahoma xa vendera millóns de exemplares.

Aquí séguense as venturas e desventuras de Ponyboy, a súa relación cos seus irmáns Darry e Sodapop e as tensións entre a súa banda, os Greasers, e os Socs.

Este libro serviunos para falar da violencia á que se ven expostos os mozos, moi especialmente os que pertencen ao mundo da marxinalidade pola súa situación familiar, pola pobreza ou ambiente social do mundo onde viven.

Ligues, rifas e mesmo mortes irán modelando a personalidade deste intelixente mozo que finalmente conta as súas experiencias na redacción escolar que se converteu neste relato.

Moi interesante.

XÚPITER NON TIÑA CORAZÓN

Emocionante e aleccionadora pareceunos este libro. 

Un rapaz, unha rapaza, non debe confiar nas "amizades" que se fan por internet, dar a descoñecidos os seus datos nin abrirlles o seu corazón, pois a nube oculta xente de todo tipo e é moi doado facer dano a persoas sensible, moi especialmente en certas edades e pasando por circuntancias críticas...

Ledicia Costas fai un libro fermoso e didáctico que os rapaces e as rapazas non deberán esquecer.

 A nós deunos para falar do acoso, da amizade, de como se debe utilizar internet e tamén para falar da observación astrónomica.

6/2/16

Novo libro

Rematado O Achado do Castro repetimos lectura de fai dous cursos. O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas fora un éxito no seu momento entre os areeiros, é por isto que escollemos este libro para ver se estes novos alumnos e alumnas interpretan o mesmo ca os daquel momento ou nos sorprenden despois da lectura.

30/1/16

Os areeiros de Libroscomarea comen xuntos!!

Chegou a comida trimestral de libroscomarea, este luns comemos no centro para ter máis tempo no mediodía, subir a nosa biblioteca, comentar sobre O Achado do Castro, investigar, propoñer....
Xa vos iremos informando das novidades que programemos ese día para Libroscomarea!!
Ilustración de Ajubel