Biblioteca IES Agra de Raíces.

9/12/20

El Armario

 


Uxía López Romero, de 4 da ESO, foi outra das gañadoras do concurso de relatos de terror do Samaín. Aquí podedes ler o seu relato:

“El armario”

Cada noche escucho una respiración dentro del armario, hay veces que susurra mi nombre

otras grita de manera desgarradora en busca de auxilio.

He tratado en diversas ocasiones de hablarle pero el miedo se apoderaba de mí, otras

veces me acerco a la puerta del armario pero un escalofrío recorre mi espina dorsal y

vuelvo de nuevo a mi cama.

Como otra noche cualquiera mi madre besa mi frente amorosamente y me da las buenas

noches, entre sonrisas gesticula “pronto vendrá”.

Desde esa noche noto unos ojos sobre mí provenientes del armario, sus gritos

desgarradores se convirtieron en risas agudas. Desde ese día la puerta se abre cada vez

más…


A Sombra do Bosque



Claudia Costa Casais, de 2 da ESO, foi unha das gañadoras do concurso de relatos de terror do Samaín. Aquí podedes ler o seu relato:

"A sombra do bosque"

Fai uns anos, nunha pequena casiña no monte vivía un neno chamado Lucas, xunto coa súa irmá Alicia e o seu pai. A súa nai falecera hai dous anos, e aquela casa era o único recordo que gardaban dela, xunto cun colar. Aquel día era coma outro calquera, o rapaz lía na súa habitación escoitando o son da choiva e a pequena Alicia acariñaba á súa cadela ó pé da cheminea. O pai estaba traballando, pero os nenos estaban acostumados a pasar as tardes sós. Lucas sentiu unha corrente fría que viña do piso de abaixo, e decatouse de que a porta estaba aberta. A ventisca invernal azoutaba o bosque con descaro. Sorprendido, comezou a buscar á súa irmá, máis o único que atopou foi á súa cadeliña, Menta, deitada no chan, arrepiando. O rapaz saíu do fogar e dirixiuse ó xardín, na procura de Alicia. Uns instantes despois escoitou un forte son:

-Lucas! -berrou a súa irmá menor.

Voltou cara á casa, máis alí ninguén o agardaba. Só puido distinguir unhas sombras somerxerse na espesura do bosque e viu como a cadela asomaba ameazante, cara aquel lugar. Lucas non entendía nada, alguén, ou algo, acababa de capturar á súa irmá. Unha bágoa recorreulle a meixela, e esvaeceuse coas demais que mollaban ao neno enteiro. Veloz, entrou na casa e pechou a porta, e subiu ao seu cuarto, dende o cal podía ver o outro lado do bosque. Alí estaba, a mesma sombra de antes. Mirábao fixamente, máis non distinguía o que era. De súpeto, un obxeto relucente chamou a súa atención, e candou volveu voltar os ollos, aquela sombra de sorriso pícaro non estaba.

Un arrepío estremeceulle o corpo. Xa era de noite, pero aínda así, armouse de valor e colleu a linterna, gardou a navalla no peto da chaqueta e avanzou cara o bosque, o escuro e espeso bosque, no cal, dous anos atrás, atoparan á súa nai, ferida gravemente mentres ía recoller amorodos. Ese recordo inundouno de tristeza e de  súpeto, a tristeza tranformouse en rabia, limpouse a cara, e adentrouse no sendeiro. Dende o lonxe logrou distinguir o obxeto que vira dende a ventá, correu ata el e colleuno. Era o colar de Alicia, máis non semellaba o mesmo. Enfocouno coa linterna e logrou ver a foto da súa nai xunto cos rapaces, pero contemplou unha sombra familiar que os observaba dende lonxe. Do susto, soltou o amuleto, o cal caeu no barro dado a volta. No dorso da fotografía había unas palabras, gravadas pola súa nai, que nunca antes vira.

-Desfrutade do bosque meus nenos, máis andade con coidado…

Lucas, aterrorizado comezou a berrar o nome da súa irmá, a cal pronto respondeu:

-Lucas?

A nena estaba no chan, cunha ferida na cabeza e rañaduras nos brazos, o seu irmán foi socorrela. Días despois, Alicia foise recuperando pouco a pouco, e a familia cambiou de fogar, máis non se sabe se aquela cousa segue alí, atacando e gozando do sufrimento dos ocupantes…

25/11/20

25 N: Día da Eliminación da Violencia contra a Muller.

 



Un curso máis conmemoramos o 25 de novembro, sen dúbida unha das datas máis significativas do ano. Có esforzo de todas/os e tendo como máxima prioritaria a "tolerancia cero", avogamos por un cambio social definitivo que ten como meta a erradicación absoluta desta lacra.

O Equipo da Biblioteca do IES Agra de Raíces preparou dúas presentacións orixinais para celebrar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A primeira delas ofrece unha coidada selección de variadas pezas e estilos musicais arredor da temática da igualdade entre homes e mulleres e da loita contra a discriminacións, os abusos e o maltrato.



A segunda reúne algúns cortes cinematográficos dos films máis representativos dos últimos anos que alzaron a súa voz contra a violencia de xénero e o trato irrespectuoso cara os demais. 




Non deixedes de acceder e desfrutar de ambas presentacións, pois aportan unha visión panorámica, artística e absolutamente realista desta lacra social cuxa erradicación compete a todos os ámbitos da sociedade e onde o mundo do espectáculo colabora activamente a través da visualización das súas consecuencias.

Non queremos deixar de compartir tamén o magnífico traballo que están a realizar as/os nosas/os compañeiras/os do Clube de Letras e outras/os docentes do centro xerando materiais didácticos de gran calidade, e aos que agradecemos enormemente a súa labor.

  1. Na páxina do Club de Letras do IES Agra de Raíces para o curso 2020/2021, podedes atopar:

  1. Podedes visionar a campaña O machismo é pandemia do Colectivo XA (Xuventude Alerta), formado por alumnos de 1º Bacharelato que cursan Coeducación para o século XXI. Podedes seguir os seus pasos nas súas redes sociais Twitter e Instagram.

  1. O departamento de Orientación pon a disposición de toda a comunidade materiais para tratar a temática no seu curso da Aula Virtual.



23/11/20

Novembro: Mes da Ciencia en Galego

Dende o IES Agra de Raíces sumámonos á conmemoración do mes de Novembro coma o mes da Ciencia en Galego. Con esta conmemoración preténdese  poñer en valor a nosa lingua e demostrar que o galego é tan válido como calquera outro idioma no que a pescuda, elaboración e divulgación de material científico se refire.

Nos seguintes enlaces poderedes atopar máis información sobre este festexo así como unha selección de libros informativos sobre ciencia, editados en lingua galega.


https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node%2F1391

https://www.pinterest.es/bescolaresgal/ciencia-en-galego-nas-bibliotecas-libros-informati/




22/11/20

22-N DÍA DE SANTA ICÍA (SANTA CECILIA) PATRONA DA MÚSICA

 



Hoxe conmemoramos o día de Santa Icía, patrona de Música.  A Igrexa católica conmemora o 22 de novembro a morte de Santa Cecilia, unha muller de familia nobre que morreu nun ano indeterminado entre o 180 e o 230 d.C. despois de ser torturada pola súa conversión ao cristianismo.  En 1594, o papa Gregorio XIII nomeouna patroa da música, e así o segue a día de hoxe.
En moitas pinturas vese entre instrumentos musicais, tocando normalmente un órgano. Unha explicación baséase en que, según din, a rapaza adicouse internamente a cantar a Deus mentres os músicos tocaban na súa voda, acordada polos seus pais, aínda que parece unha explicación insuficiente.
O papa que a nomeou patrona dixo que "amosou unha irresistible atracción polos acordes melodiosos dos instrumentos. O seu espírito sensible e apaixonado por esta arte converteu así o seu nome nun símbolo da música ”.  Pero existen moitas hipoteses ao respecto.

Santa Cecilia, en arte, literatura e música

Cecilia, como patrona da música, inspirou máis dunha obra mestra artística, incluída a Éxtase de Santa Cecilia de Raphael Sanzio, agora en Boloña (a copia feita por Guido Reni está na igrexa de San Luigi dei Francesi, en Roma). Lembramos tamén a Santa Cecilia de Peter Paul Rubens, en Berlín; Domenichino, en París; Artemisia Gentileschi, en Roma; e Nicolas Poussin, en Madrid.

Na literatura, Cecilia celebrouse especialmente nos Contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer; no conto Santa Cecilia ou o poder da música, de Heinrich von Kleist; e nunha oda de John Dryden, entón musicada por Haendel, en 1736 e máis tarde por Hubert Parry, en 1889.

Outras obras musicais adicadas a Cecilia inclúen Hymn to Saint Cecilia de Benjamin Britten; o Himno a Santa Cecilia, de Herbert Howells; a coñecida Missa Sanctae Ceciliae, de Joseph Haydn; unha misa, de Alessandro Scarlatti; Messe Solennelle de Sainte Cécile, de Charles Gounod; Ave, Cecilia brillante de Henry Purcell, composta en 1692; a ópera Cecilia, en tres episodios e catro cadros, con música de Licinio Refice e libreto de Emidio Mucci; Cantata a Santa Cecilia (1998), de Frederik Magle; e Cecilia, vergine romana, de Arvo Pärt.

Aproveitamos este día, ademáis de para felicitar a tódas as música e músicos, para rendir unha homenaxe a todas esas bibliotecas, bilbiotecas musicáis, arquivos e coleccións que custodian tantas e tantas obras musicáis, moitas delas coñecidas e outras pendentes de rescatar do olvido, e que tan importantes son na labor dos músicos e musicólogos na elaboración das programacións dos diferentes teatros e auditorios do mundo así como na gravación de importantes novidades musicais de repertorios esquecidos a agora recuperados froito do esforzo dos diferentes especialistas y das institucións que as custiodaron durante séculos.


Rincón da Biblioteca Musical Victor Espinos (Madrid)


19/11/20

Xa temos gañadoras!!


Despois de ler e analizar a riqueza de todas as obras presentadas, xa temos gañadoras do Concurso de Relatos de Terror do Samaín 2020:

  • Na categoría de 1º Ciclo da ESO a gañadora é Claudia Costa Casais de 2º ESO A, co seu relato "A sombra do bosque", escrito en lingua galega. 
  • Na categoría de 2º Ciclo da ESO, a gañadora é Uxía López Romero de 4º ESO C, co seu relato "El armario", escrito en lingua castelá.

Na categoría de BACH e Ciclo Formativo o premio queda deserto xa que non se presentaron obras a concurso.

Grazas a todas e todos os/as participantes e parabéns as gañadoras que, na vindeira semana, recibirán o diploma acreditativo correspondente e un vale por valor de 20€ que poderán utilizar nunha libería do concello.

Un saúdo a tod@s!

12/11/20

13 de novembro: Prezada librería...

O 13 de novembro é o día no que os/as libreiros/as, os/as escritores/as, os/as lectores/as e todas aquelas persoas implicadas no mundo do libro festexan o día das librerías. As librerías non son soamente comercios onde poder adquirir libros, senón que funcionan tamén como espazos con encanto que subliñan a importancia do libro á vez que nos transportan a diferentes escenarios.

Na contorna do IES Agra de Raíces podemos atopar librerías como a librería "Ler" ou a librería "Mestura", pero en todos os recunchos do planeta se atopan, máis ou menos agochadas, librerías de todo tipo, entre elas algunhas de beleza extraordinaria. Deixámosvos aquí un enlace a un artigo da editorial Condé Nast onde se enumeran as librerías máis fermosas do mundo:


https://www.traveler.es/viajes-urbanos/galerias/las-librerias-mas-bonitas-del-mundo/650/image/30715



Librería Lello, O Porto (Portugal)





10/11/20

Día das Escritoras.

          "No hay barrera, cerradura ni cerrojo que pueda imponerse a la libertad de mi mente"

Virginia Wolf.


O pasado 19 de Outubro conmemorouse o día das mulleres escritoras. Durante estas semanas e co fin de festexar esa data o alumnado de 4º ESO do noso instituto adicouse a elaborar un corcho virtual onde se foron colgando fragmentos de obras creadas por mulleres, entre as que se contan Ana María Matute, Elvira Sastre ou a poeta Safo. Animádevos a entrar no seguinte enlace para ver o resultado:


 




 

22/10/20

24 DE OUTUBRO. DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.

Como se comenta dende a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura: "A edición deste ano, baixo o lema 'Bibliotecas, sempre ao teu carón' céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia." Trátase de poñer en valor a capacidade de seguir ofertando servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir.

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que están sempre ao noso carón. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.



21/10/20

Concurso de relatos de terror.

 

Os equipos da biblioteca e do club de lectura do IES Agra de Raíces convocan, un ano máis, o concurso de relatos de terror para festexar  o Samaín. 


18/10/20

O saúdo de Iria Misa. Grazas!

 

A escritora e tamén profesora, Iria Misa, autora de títulos como Xa non estou aquí (Xerais, 2016) ou Mamá, quero ser Ziggy Stardust (Xerais, 2018) envía un saúdo a toda a comunidade educativa do IES Agra de Raíces.



Non podiamos, deste xeito, dar mellor comezo ao club de lectura deste ano. Grazas Iria! Es marabillosa! 

E por suposto quedamos á espera de reunirnos contigo moi pronto de forma virtual.



Comeza o club de lectura!



 

23/4/20

Andrea Maceiras, Premio dos Clubs de lectura 2020

A escritora Andrea Maceiras acadou o Premio dos Clubs de lectura 2020 por converterse na autora máis lida polos clubs de lectura integrados na convocatoria homónima promovida pola Consellería de Educación, durante o curso 2018-2019.

A mellor forma de homenaxeala e felicitala por este galardón é achegarnos a algunha das súas obras.

Feliz Día do Libro!


22/4/20

Recomendacións literarias para celebrar o Día do Libro (23 de abril)

O club de lectura Libros coma area!, xunto co Equipo de Dinamización Lingüística do centro, preparou unha serie de recomendacións literarias para conmemorar o Día do Libro (23 de abril), que vos ofrecemos a continuación. Nestas datas de incertidume e confinamento, debemos reflexionar sobre a importancia das pequenas cousas que singularizan e embelecen as nosas vidas. Unha delas é, sen dúbida, a literatura e o seu poder creativo, evocador e catárquico. Non deixedes de reservar uns intres diarios para sumerxirvos na lectura das obras e os xéneros que vos apaixoen. Aquí vos deixamos unha escolma de títulos, clasificados por idades, que cremos que poden ser do voso interese. Todos eles pódense descargar a través da plataforma "Galicia le":  https://www.galiciale.gal/

Ademais, a editorial Loqueleo puxo á nosa disposición unha serie de vídeos con lecturas de diversas obras realizadas por autores de renome no panorama literario actual: 

Animádevos a achegarvos ao universo da literatura que hoxe, máis que nunca, cumpre cunha das súas funcións primoridiais, a da evasión e o entretenemento. 

Feliz Día do Libro!





24/3/20

Concurso en Instagram "Que estás a ler?"

Durante estes días de confinamento nos nosos fogares por mor da ameaza que supón o Coronavirus, o club de lectura Libros coma area! propón incrementar o noso caudal de lecturas. É este un bo momento para dedicar parte do noso lecer a achegarnos a todas aquelas obras que tiñamos na recámara, esperando a dispor de tempo suficiente para lelas. Por iso, o noso club de lectura acaba de activar en Instagram (@libroscomaarea) un concurso que leva por título "Que estás a ler?" Animádevos a participar nel, contándonos que obra ou obras estades a revisar na actualidade. Accedede á nosa conta de Instagram para coñecer todos os detalles e ver as bases do concurso. Haberá premio...



22/3/20

Participación do club de lectura Libros coma area! e de Mateo Pérez (4º ESO) en "Leer. Iberoamérica Lee"

O club de lectura Libros coma area! foi seleccionado para participar no seminario "Leer. Iberoamérica Lee", que se celebrará posiblemente no mes de setembro en Madrid. Trátase dun encontro entre profesionais da xestión lectora e da escritura que permitirá a reflexión sobre a lectura crítica, ademais de crear un laboratorio cooperativo de ideas no marco da Feira do Libro de Madrid. A pregunta que servirá de punto de inflexión para o desenvolvemento deste evento é a seguinte: "Existen lectores á marxe?" Arredor desta inquietude, organízanse as distintas intervencións que terán lugar neste congreso: a invisibilidade do outro, as voces da literatura, a lectura na sociedade superpoboada, poéticas e oralidades, outros espazos de lectura, os movementos a prol da lectura, a literatura como porta para a construción de identidades, ou os distintos lectores e lecturas. 

Neste último bloque participará o noso alumno Mateo Pérez Soto (4º A ESO). Xunto con outros compañeiros e compañeiras de Uruguay, México e Brasil, Mateo, como representante dos clubs de lectura de España, trasladará os seus coñecementos, a súa opinión e a súa experiencia sobre as lecturas e os lectores que o movemento emerxente dos círculos de lectura está a promover. Acompañarao nesta iniciativa a profesora Mercedes Teijeiro. 

Os membros do club de lectura Libros coma area! e toda a comunidade educativa do IES Agra de Raíces desexa amosar o seu orgullo e admiración pola participación de Mateo neste evento internacional. Seguiremos de preto a súa intervención no coloquio e darémosvos cumpridas novas ao respecto. 

Queremos agradecer a Mateo o traballo encomiable que leva realizando nos últimos anos no noso club de lectura, así como a súa colaboración inestimable en todos cantos proxectos de lectura se levaron a cabo desde que el é alumno do noso centro. 

Grazas, Mateo, polo entusiasmo que nos esperta o extrardinario logro que acadaches ao ser requerida a túa presenza nun seminario desta magnitude, e grazas tamén pola túa excelencia, calidade, compromiso e xenerosidade!



18/3/20

Sesión do club de lectura do profesorado arredor da obra Seique, de Susana Sánchez

O pasado luns, 9 de marzo, celebrouse unha nova sesión do club de lectura do profesorado do IES Agra de Raíces en colaboración co Club de Letras do centro, coordinado pola profesora Mercedes Teijeiro. Nesta ocasión, ambos grupos reflexionaron sobre Seique, de Susana Sánchez Arins, unha obra ecléctica, que mistura a poesía coa narrativa breve. A peza aborda o tema da memoria histórica e afonda nas costuras da guerra civil española dun xeito completamente orixinal. A autora parte da súa historia familiar para profundar nas raíces da represión, vinculando a violencia intrapersoal coa política. 

Non perdades a ocasión de achegarvos a esta obra suxerente e iniciática en todos os sentidos, tanto no contido coma na forma. 



17/3/20

Sesión de contacontos do club de lectura de 1º ESO na Escola Municipal de Cee (A Escoliña)

As cinco integrantes do club de lectura de 1º ESO ("Arroaces de Gures") realizaron unha sesión de contacontos na Escola Municipal de Cee ("A Escoliña") para o alumnado de 0 a 3 anos que acode diariamente ao centro. Este encontro literario tivo lugar o pasado 27 de febreiro. Os membros do club prepararon a súa propia versión do conto O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López. Para iso, redactaron o guion adaptado do mesmo e encargáronse do deseño das cartolinas que emulaban os distintos espazos da obra, ademais de localizar e conseguir o resto dos enseres necesarios para o atrezzo. 






O público asistente desfrutou enormemente do relato e da degustación da sobremesa que os cinco membros do club de lectura trouxeron para eles/as. Ademais, as nosas protagonistas interactuaron constamentemente cos nenos/as, facéndoos participar de forma activa na representación do conto e nas principais accións desenvolvidas, tal e como se pode ver nas seguintes imaxes:

















Noraboa a "Arroaces de Gures" (Naiara, Andrea, Yaiza, Sofía e María) polo magnífico traballo realizado e polo éxito sen precedentes que acadaron.


24/2/20

Encontro literario da poetisa Victoria Carande co club de lectura de 4º ESO ("Baleas de Caneliñas")

O pasado mércores, 19 de febreiro, celebrouse, na Biblioteca do IES Agra de Raíces, o encontro literario da poetisa Victoria Carande cos membros do club de lectura de 4º ESO ("Baleas de Caneliñas"), organizado conxuntamente por Libros coma area! e polo Club de Letras do centro. A autora, que está a promocionar a súa obra Litoral interior (Sonetos de Luxemburgo), respondeu con luxo de detalles ás preguntas que integraron a entrevista preparada polo alumnado e que versaron sobre os comezos da súa actividade poética, o significado do título do poemario, os escritores nos que se inspira ou os núcleos temáticos da súa produción artística.

Ademais, recitou algún dos sonetos que forman parte de Litoral interior e animou ao alumnado presente no acto a facer o propio, pois suliñou a importancia da voz para transmitir sentimentos e emocións. 

Asimesmo, resaltou a relevancia do soneto como composición estrófica fundamental na poesía europea, que é quen de misturar a esplendorosa tradición aurisecular da que procede coa modernidade. Sinalou tamén as súas concomitancias coa música, especialmente co fado, interpretando con grande destreza un dos seus favoritos. 











Finalmente, a autora demostrou a súa xentileza ao emprestarnos algúns dos exemplares de sonetos procedentes da súa biblioteca para expoñelos durante uns días no centro. 






Pola súa parte, os membros do club prepararon uns marcapáxinas para conmemorar o encontro literario coa autora.