Biblioteca IES Agra de Raíces.

14/12/22

 

ORGULLO DE CLUB

O club de lectura "Libros coma area!" non pode sentirse máis orgulloso da nosa compañeira Lúa Iglesias de 1º de Bacharelato, pois resultou ser a gañadora da XIX edición do concurso de poesía ANOMAR que cada ano organiza a Asociación Recreativa e Cultural dos Tilos.

 

Velaquí tendes o seu poema para que o poidades desfrutar.


Xúrovos que está dentro de min.
É ela, estou segura de que é ela
a que se unirá a min con lazos de sangue
dende a vida ata a morte,
preseguíndome sempre.

É o meu punto de partida nos finais sen rematar.

Dende que teña á Lúa desfacéndoseme nos dedos
ata que todo o seu peso se asente na miña pel,
maltratándoa e deixando cicatrices sobre ela.

Dende que os meus pulmóns collan milleiros de folgos de xasmín
ata que se fagan tan diminutos que o aire non me chegue,
pedindo auxilio
deixándome aterrorizada.

Ámoa, ámoa tanto...

Tanto que me fago invisible
a cada segundo que intenta xogar ás agochadas,
loitando cos seus monstros
e se fai responsable de todas as miñas extremidades,
de cada exhalación que pola miña boca sae.

Tanto que somos imparables.

Tan inseparables que nos vemos moi de vez en cando.
Tanto que choro cando sae do meu corpo
e volvo a ser dona de min mesma.
Tanto que me asusta cando aparece.
Tanto que me paraliza cando marcha.
Tanto que me treme a alma.
Tanto que me move.
Tanto que me pode.
Tanto que me fala.
Tanto que me toca.
Tanto.

9/12/22

 

A ESCURIDADE CHEGA AO CLUB

Os días 1 e 7 de decembro reuníronse os dous equipos do grupo de 1ºESO/2ºESO, tras sentarnos no noso espazo preferido da biblioteca, os nenos e nenas do club comentaron os libros Coraline de Neil Gailman (día 1) e Las brujas de Roahl Dahl (día 7). Coa colaboración da profesora Lara Trillo, o noso alumnado falou dos aspectos que máis lles chamaron a tención destas obras e compararon con outros libros similares do xénero da fantasía escura. Tras intercambiar os libros, agora os dous equipos lerán a obra que xa desfrutaron os seus compañeiros e posteriormente reunirémonos para compartir as súas experiencias.


Aquí temos ao grupo que xa leu Coraline


Os primeiros en ler Las brujas

En breves informaremos das reunións do grupo de 3ºESO/4ºESO/1ºBACH que tamén teñen un duelo de libros con La puerta de Manel Loureiro e Infamia de Ledicia Costas.

23/11/22

  DUELO DE LIBROS

Os días 4 e 10 de novembro realizáronse as xuntanzas dos grupos de 3ºESO/4ºESO/1ºBACH e 1ºESO/2ºESO respectivamente, nesta ocasión repartíronse varios libros entre o alumnado para que os levaran para casa. Este ano ante o gran número de participantes, decidimos facer un desdoble e que a metade do grupo lea unha obra e a outra metade desfruta doutro libro. A idea é que posteriormente os intercambien e compartan as súas impresións.

No grupo dos máis pequenos, aproveitando o ambiente tebroso creado no Samaín, decidimos comenzar co xénero da novela fantástica escura, repartíronse dúas obras: 



Coraline de Neil Gailman



Las brujas de Roahl Dahl

No grupo máis veterano, eliximos comenzar co xénero da novela negra, repartíronse dúas obras: 



La puerta de Manel Loureiro


Infamia de Ledicia Costas

Cando rematemos cos horribles exames reunirémonos para falar deles!!!!


9/11/22

 SAMAÍN 2022 v2.0.

Tal e como prometéramos, imos compartir con vós o contido dos actos celebrados o día 28 de novembro co motivo do Samaín.

O club de lectura Libros coma area!, a Biblioteca do centro e Dinamización lingüística organizaron tres sesións para o alumnado de 3º, 1º e 2º da ESO nas últimas horas da mañá. 

Estes actos incluían a lectura dos relatos de terror gañadores por parte das súas autoras. 




Ademais da lecturas das apócemas vencedoras.




Destacamos tamén a actuación musical de Valeria da Mota e Lautaro Peralta interpretando a canción La Llorona.


Vemos aquí ao noso alumnado atento ás actuacións.




Finalmente permitiuse que o alumnado puidera inmortalizar esta experiencia no photocall creado para a ocasión.





Isto é todo polo momento, seguiremos informando!!!!










4/11/22

SAMAÍN 2022 v1.0.

Despois de semanas de preparación por parte do Club de lectura Libros coma area! e os equipos de Biblioteca e Dinamización lingüística, o venres 28 de outubro, celebramos os actos do Samaín. Durante as tres últimas horas, sucesivamente, o alumnado de 3º ESO, 1º ESO e 2º ESO desfrutaría da lectura dos microrrelatos de terror e unha actuación musical, ademais de asistir á entrega de premios dos concursos do Samaín.

Na cuarta hora entregáronse os premios aos mellores microrrelatos de terror, os participantes eran alumnos e alumnas de 1º de BACH e temos o orgullo de poder dicir que o primeiro e o segundo premio caeron en membros do club Libros coma area! Aquí tedes imaxes das tres premiadas e dos seus relatos.




1º Premio: Érika Cives 




2º Premio: Lúa Iglesias



3º Premio: Soraya Senra


Tamén nesta hora, ante a presencia dos seus compañeiros e compañeiras de clase, tres alumnas de 3º ESO recibiron os premios do concurso das apócemas máxicas. Acontinuación mostramos as apócemas gañadoras e as súas creadoras.




1º Premio: Constanza Peralta




2º Premio: Alba Grille




3º Premio: Uxía Domínguez


Finalmente, a quinta hora, entregáronse os premios as mellores cabazas do alumnado de 1º e 2º da ESO



1º Premio: Marta Otero



2º Premio: Daniel Louro

Isto é todo polo momento, na vindeira publicación veredes como se desenvolveu a festa do Samaín...

2/11/22

 UN OUTUBRO TERRORÍFICO

Ao longo do mes de outubro, o club de lectura Libros coma area! centrouse en crear un ambiente de terror por todo o instituto. 

Os días 21 e 24 reuníronse o grupo de 3º ESO/4ºESO/1ºBACH e o grupo de 1ºESO/2ºESO respectivamente. Nesta xuntanza os máis maiores leron un fragmento de "Guerra Mundial Z: Una historia oral de la guerra" de Max Brooks e comprometéronse a rematar de ler unha das historias do libro na casa; o obxectivo é que se algún alumno ou alumna está interesado no xénero da ficción postapocalíptica poida solicitar o libro completo na seguinte reunión. Por outra banda, os máis mozos leron varios relatos curtos de terror.

Ámbolos dous grupos comprometéronse tamén a axudar a decorar a biblioteca para o Samaín durante a semana previa e aquí podedes ver o resultado.



En relación a citada festa de Samaín, o club de lectura Libros coma area!, en colaboración cos equipos da Biblioteca e de Dinamización lingüística do centro, organizaron tres concursos diferentes: Unha proba de microrrelatos de terror, outra de apócemas máxicas e por último un concurso de cabazas. Aquí podedes ver os carteis e as bases dos mesmos.





Nunha próxima publicación mostraremos os gañadores así como algunhas fotos da festa de Samaín organizada polos tres equipos citados.

13/10/22

                      XUNTOS DE NOVO!!!

Durante o mes de setembro realizamos unha promoción do club de lectura por todas as clases do centro, e podemos dicir que moitos nenos e nenas animáronse a unirse ao club, en especial o alumnado de 1º da ESO. Estamos moi ledos de poder contar con estas novas incorporacións e que de que se unan aos nosos membros máis incondicionais. Dentro destas actividades de promoción, destacamos a visita guiada á biblioteca, onde os nenos e nenas de 1º da ESO tiveron que buscar cada un, un libro. Entre os libros que atoparon estaban os exemplares da iniciativa "Unha mensaxe enterrada nos libros"; unha vez localizados, léronse en alto as dedicatorias escritas neles polos membros do club de lectura do ano pasado.



Tamén queremos anunciar que xa tiveron lugar as presentación dos dous grupos de lectura. O mércores, día 5, no segundo recreo celebrouse a presentación para 3º da ESO, 4º da ESO e 1º de BACH; mentres que a de 1º e 2º da ESO foi o xoves, día 6, no segundo recreo. As nosas expectativas foron superadas con creces, asistindo unha docena de alumnos e alumnas a cada unha delas. Na primeira sesión cada participante presentouse e falou dos seus gustos, e citámonos para unha nova xuntanza os días 19 e 20 do mes.

26/9/22

  BENVIDOS AO CURSO 2022/2023 CON LIBROS COMA AREA!

Un ano máis, o club de lectura LIBROS COMA AREA! volve a comezar as súas actividades, ao longo da semana do 3 ao 7 de outubro realízaremos as sesións de presentación. Nos últimos días, nenos e nenas de todos os cursos apuntáronse pero aínda queremos máis!!! Se queres participar, só tes que pasar pola biblioteca e falar cos responsables da mesma, alí recibirás toda a información necesaria.


O alumnado que mostrou interese en participar será avisado do horario das sesións de presentación ao longo da semana anterior. Esta notificación farase na súa propia aula polo coordinador do club de lectura. Tamén aproveitaremos para recordar que segue aberta a posibilidade de apuntarse no club para todos os alumnos e alumnas que o desexen.

13/6/22

 

REMATANDO O CURSO...

Neste mes de xuño tíñamos grandes plans pero os deuses do vento xogaron na nosa contra. O día 8 estaba programada a nosa saída ao monte Pindo en compañía dos rapaces e rapazas do IES Fin do Camiño de Fisterra e do IES Maximino Lema de Baio, sen embargo a choiva non nos permitiu realizar esta xuntanza, agardamos poder xuntarnos para o curso que vén.


Tras esta decepción, decidimos xuntarnos todos os membros do club de lectura para despedir o curso e realizar a actividade final da iniciativa "Unha mensaxe enterrada nos libros". Cada un dos rapaces e rapazas de "Libros coma aréa!" asinou o libro que elixiron para que fora incorporado aos fondos da Biblioteca e fixeron unha dedicatoria, agardamos que os lectores do futuro gocen deles coa mesma paixón.






FOI UN GRAN ANO, AGARDAMOS QUE O CURSO QUE VÉN AÍNDA SEXA MELLOR!!!

27/5/22

 

AS PORTAS DO AGRA, FOGAR DE LIBROSCOMAAREA, FALA AMIGO E ENTRA!!



Ao longo do mes de Maio o alumnado dos grupos de 1º  e de 2/3º da ESO do club de lectura participaron nun obradoiro de escritura élfica.  Durante dous venres (días 13 e 20) os nenos e nenas de "Libros coma area" visitaron a Terra Media e recibiron unhas ensinanzas básicas en quenya, a linguaxe dos altos elfos de Valinor. Este idioma foi creado por J.R.R. Tolkien, autor dun dos libros de lectura deste ano, "O Hobbit"; a continuación mostramos como sonaría tal e como el o concibiu.




Despois de estudar brevemente o alfabeto élfico e unhas normas básicas os nosos valentes alumnos e alumnas atrevéronse a escribir os seus nomes con estes caracteres.




Aquí temos a Andrea, unha das nosas alumnas máis avantaxadas, pronto poderá partir desde os portos grises e unirse á compañía dos Valar.

 



Por outra banda tamén queremos comentar que as alumnas de 4º da ESO e 1º de BACH reuníronse para falar do último libro que leron, "Os nenos da variola". Este ano están devorando novela histórica e, se os exames o permiten, non será a última deste curso.


Ilustración realizada pola alumna Laura Martínez de 4º da ESO