Biblioteca IES Agra de Raíces.

30/1/17

Aventuras de Javier para atopar as Lágrimas de Shiva e máis o amor

Os nosos Arroases de Ézaro estiveron lendo Las lágrimas de Shiva de César Mallorquí.



Este libro de aventuras de adolescentes, misterio e amor á literatura nunca defrauda e sempre resulta un éxito entre os nosos lectores do club.

As múltiples referencias á literatura (Sherlock Holmes, Romeo e Xulieta, El guardián entre el centeno, Frankenstein, Crónicas marcianas...), á ciencia (o bacilo de Koch, a chegada á Luna, á

historia do momento no que ocorre a acción, finais dos sesenta, e aos derradeiros anos do século XIX, a música (Elvis Presley, Rolling Stones, The Beatles, a música clásica), á banda deseñada (El hombre enmascarado, Flash Gordon, Mortadelo y Filemón, Las aventuras de Tintín), etc. fan deste libro unha obra moi rica e con moitos elementos que hai que engadir ao argumento estricto da novela, no que se desenvolve un interesante e atractivo episodio de misterio e as relacións amistosas e sentimentais dos protagonistas.


O autor, que no ano en que ocorre a acción (1969) tiña 15 anos, coma Javier, o protagonista, fai ao longo das páxinas deste libro unha pequena homenaxe a seu pai, pois no capítulo 2 dise que os personaxes están escoitando na radio unha radionovela ("Dos hombres buenos") escrita por José Mallorquí ("uno de los mejores escritores de España"). Efectivamente seu pai foi na posguerra española un afamado escritor de novelas do Oeste que tiñan como protagonista a El Coyote, con máis de 200 títulos sobre os que se fixeron bandas deseñadas e mesmo unha radionovela. O pai e un irmán de César Mallorquí (tamén escritor), suicidáronse, por certo.


Prohibido casar, papá!

Os Arroases de Gures leron Prohibido casar papá! de Fina casalderrey. Neste libro, Elia, de 14 anos, ten problemas para "dixerir" a morte da súa nai e a nova relación sentimental do seu pai, Carlos, cunha muller chamada Berta.


Aos nosos arroases gustoulles o principio do libro, pero comentaron que despois se lles fixo algo repetitivo pois trataba dun xeito un pouco tedioso sobre o día a día, sen grandes acontecementos. Tamén comentaron que o xeito de tratar Elia a Berta pareceulles bastante taxante e desagradable, e que o carácter "contundente" e autoritario de Elia se amosa xa dende o título (cun "prohibido"); con todo, din que comprenden as dificultades da rapaza para aceptar unha nova relación sentimental de seu pai despois da morte da nai.

Entre os episodios comentados (e preferidos) están o momento en que ela lle susurraba ao seu pai ao oído (mentres este dormía) que non casase con Berta, as aventuras do irmán pequeno Xián no baño do hospital, o momento en que a ela un mozo mallor lle roubou a Elia os cartos nunha rúa de Vigo (e despois outro rapaz lle ofreceu 5 euros para que poidese volver a casa) e, sobre todo, cando Elia que soía botar unhas gotas do perfume da súa defunta nai para sentir o seu cheiro e recordala.

Grazas a este libro reflexionamos sobre as relacións familiares e sobre a morte vista dende o punto de vista dos adolescentes.

Aquí vese a pequena exposición que fixemos coas obras de Fina Casalderrey que temos na nosa biblioteca.


AS BALEAS DE CANELIÑAS VISITAN A MANSIÓN DOS PAMPÍN

As Baleas de Caneliñas, o grupo "dos maiores" do noso club de lectura "Libros coma area!" estivo estes días lendo A mansión dos Pampín. Miguelanxo Prado, o seu autor, que estudou Arquitectura, publicou esta banda deseñada en 2004 dentro do Proxecto Terra, no que o Colexio de Arquitectos de Galicia e máis a Consellería de Medioambiente e Ordenación do Territorio traballan sobre a arquitectura e a sociedade en Galiza.


Este libro fainos pensar na transformación do rural, na especulación inmobiliaria, no criterio (ou a falta de criterio, ás veces) dos novos ricos e tamén no feísmo, moi particularmente no rural. Outro tema relevante é o da complicada burocracia que moitas veces dificulta as actuacións axeitadas.


Como reflexión persoal, algúns dos nosos lectores indicaron que eses temas lles preocupan, pero que por outra banda para eles a vida no rural faise as veces difícil e aburrida e dificultosa, polos complicados enlaces co "mundo exterior", coas cidades onde eles poden ter acceso á cultua e á diversión.

Erros e tánatos, de Gonzalo Navaza, a próxima lectura.