Biblioteca IES Agra de Raíces.

24/4/18

COMPARTINDO LECTURAS NO CEIP EUGENIO LÓPEZ

Hoxe 23 de abril, Día do Libro, os ARROASES DE GURES fomos ao CEIP Eugenio López de Cee para ler aos alumnos e alumnas de 6º de Primaria as 12 semblanzas de mulleres galegas do libro Pioneiras galegas que abriron camiño, de Anair Rodríguez. Mentres que as nosas arroases lían, íanse proxectando as ilustracións coas que Nuria Díaz acompaña cada biografía.

COMPARTINDO LECTURAS NO CEIP EUGENIO LÓPEZ

Entre elas está Celia Rivas, a primeira condutora de camións de toda España, muller fisterrá que en 1932 se desprazou a A Coruña a obter o carné de conductora de camións nunha época na que de feito poucos homes o tiñan. A empresa familiar que ela dirixía ("Hijos de Joaquín Rivas"), chegou a ter, grazas ao tesón e traballo das catro mulleres da familia, María, Palmira, Julita e Celia, 250 traballadores e traballadoras.

CELIA RIVAS, FOTOS E CARNÉ DE CONDUCIR


As outras pioneiras próximas á nosa contorna foron Elisa e Marcela, a primeira parella de mulleres que casou en España... e pola Igrexa! Antes de casaren, Elisa estivo destinada con praza de mestra en Calo e Marcela en Dumbría, e Elisa camiñaba cada tarde os 12 quilómetros que separan estas localidades. Por fin, fartas da clandestinidade, Elisa converteuse en Mario e casaron na Coruña o 8 de xuño de 1901. Pasaron a noite na Pensión Corcubión. Isabel Coixet está a dirixir unha película sobre a vida destas dúas valentes mulleres.

VODA DE ELISA E MARCELA

3/4/18

Amar e outros verbos, Penúltimas tendencias, La lección de August, Maus...


Durante as pasadas semanas levamos a cabo as seguintes lecturas nos distintos grupos:



Os "Arroases de Gures" dedicaron dúas reunións ao comentario de Amar e outros verbos de Ana María Fernández (con ilustracións de Xosé Cobas). Na segunda delas, o día 21 de marzo, todos os compoñentes do grupo leron os seus poemas preferidos. Valoran moito a sinxeleza e profundidade de poemas que falan de cousas que todos sentimos, pensamos e facemos. Agora xa están con As aventuras de Pelusa, de Xelucho Abella Chouciño.






Os "Arroases de Ézaro" tamán dedicaron dúas sesións á poesía, neste caso a Penúltimas tendencias de Carlos Negro e tamén dedicaron unha das dúas reunións á lectura dos poemas que máis lles motivaron. A dictadura das modas, a escravitude do modelo estándar de beleza, a tiranía do espello conducen aos mozos e sobre todo ás mozas á alienación e mesmo á perda da súa propia identidade.




Os "Arroases de Estorde" están con La lección de August da colombiana Raquel Jaramillo Palacio, que nos amosa oito visións distintas dun feito, a asistencia ao colexio, por primeira vez, de Auggie (August), que naceu co Síndrome de Treacher Collins, que provoca enormes deformacións craneofaciais. O respeto ao diferente e a superación da frustración de ser diferente son dous dos temas máis delicados e interesantes que trata este libro levado ao cine.



As "Baleas de Caneliñas" analizaron con gozo e interés o apaixoante, orixinal e poliédrico Maus de Art Spiegelman. Esta banda deseñada (protagonizada por animais que se comportan como persoas) ten tres liñas de argumento entrecruzadas: a que narra a tortuosa relación do mozo debuxante Art Spiegelman con seu pai o vello xudeu polaco Vladek Spiegelman, a odisea de Vladek Spiegelman sobrevivindo á persecución dos nazis e a que conta as dúbidas como creador do propio Art Spiegelman.