Biblioteca IES Agra de Raíces.

20/12/19

Recomendacións lectoras para o Nadal realizadas polo noso club de lectura

Os membros de todos os grupos de lectura de Libros coma area! prepararon para o Nadal un tríptico coas súas propias recomendacións de lectura, que coinciden, na súa maior parte, coas obras seleccionadas por eles/as entre finais do curso pasado e comezo deste para a súa lectura e comentario no actual período lectivo. Cada grupo de lectura incorporou, ademais, outras suxestións de lectura que responden aos seus gustos e intereses particulares e que desexaban compartir coa comunidade educativa do IES Agra de Raíces. 

Animádevos a levar en empréstito da nosa biblioteca algún destes títulos para desfrutar da súa lectura durante as vacacións!




Feliz Nadal de parte de todos os/as integrantes do club de lectura Libros coma area!

4/12/19

Recomendacións de lectura "Contra a violencia, pola igualdade"


A Biblioteca do IES Agra de Raíces preparou unha escolma de obras de lectura recomendadas arredor da temática da repulsa contra a violencia de xénero e a loita pola liberdade e a igualdade. Podedes acceder desde aquí a dita selección. Ademais, haberá unha copia desta proposta en cada aula do centro. Aproveitade a proximidade das vacacións de Nadal para levar en empréstito da nosa biblioteca algúns destes títulos tan necesarios para a concienciación social.



1/12/19

Segunda sesión do club de lectura do profesorado arredor da obra En el café de la juventud perdida, de Patrick Modiano


A segunda sesión do club de lectura do profesorado celebrouse o pasado 25 de novembro, para conmemorar o Día contra a violencia de xénero. Durante a primeira parte da sesión, os membros do club reflexionaron sobre as actividades levadas a cabo no centro para sinalar a importancia deste día e tamén sobre a fronte común que debemos construír xuntos para loitar contra a desigualdade e as distintas formas de violencia, agresividade e inxustiza que vén padecendo a muller aínda na sociedade actual.


Na segunda parte do encontro, os integrantes do club abordaron a análise de En el café de la juventud perdida, de Patrick Modiano. Reflexionaron sobre o ambiente parisino etéreo, bohemio e ás veces decadente que o autor debuxou como decorado ideal para acoller a unha escolma de personaxes solitarios que deambulan na procura da súa propia identidade e dunha rede de lugares fixos que constitúan a súa singradura diaria e que lles dean consistencia e certa seguridade ás súas existencias envoltas en horizontes perdidos. 


24/11/19

Asistencia dos membros de "Baleas de Caneliñas" á representación teatral Don Juan Tenorio

Os membros do club de lectura “Baleas de Caneliñas” participaron, xunto co resto dos seus compañeiros/as de 4º ESO e 1º Bacharelato, nunha actividade promovida e organizada polo Departamento de Lingua castelá e Literatura e o Club de lectura do IES Agra de Raíces. Consistiu na asistencia de ambos cursos á representación teatral Don Juan Tenorio, a cargo da Compañía Nacional de Teatro Clásico, que tivo lugar o 20 de novembro no auditorio Ágora (A Coruña) e na visita á Casa-museo Emilia Pardo Bazán (tamén sede da Real Academia Galega). 

Os integrantes do club de lectura “Baleas de Caneliñas” desempeñaron un papel especial na primeira das actividades, posto que, neste momento, están a preparar unha sesión de contacontos dramatizada para representar na última semana lectiva de decembro na Escola Infantil Municipal de Cee “A Escoliña” ante o alumnado de 2 e 3 anos. Por iso, era fundamental que, para imitar e poñer en práctica as técnicas teatrais que deben empregar nesta sesión de contacontos, presenciasen unha escenificación profesional e puidesen manter logo un coloquio final cos actores e actrices do reparto. Este non puido realizarse in situ por falta de tempo, dado que a Compañía debía desprazarse inmediatamente a outra cidade, pero si se fará efectivo a través do correo electrónico que os organizadores nos facilitaron para que o alumnado se puidese poñer en contacto cos membros do reparto. 





3/11/19

Primeira sesión do club de lectura do profesorado con Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño

A primeira sesión do club de lectura de adultos do IES Agra de Raíces, en colaboración neste caso co Club de Letras, tivo lugar o pasado luns, 28 de outubro. Arredor dunha comida, os seis integrantes (os profesores Mercedes Teijeiro, Mar Rozas, Manuel Carande, Eduardo Louredo, Yolanda Rodríguez e Ana Porteiro) expuxeron as súas impresións de lectura sobre a obra de Begoña Caamaño Circe ou o pracer do azul. Incidiron especialmente na versión actualizada e feminista da mitoloxía clásica. A autora dalle voz aos pensamentos esquecidos e infravalorados das voces femininas que acompañaron aos grandes heroes da Antigüidade. Trátase, neste caso, de Penélope e Circe que, a través do seu contacto epistolar, poñen de manifesto os medos, as angurias, as responsabilidades (ás veces autoimpostas) e o valor das mulleres, no pasado e na actualidade. 

O grupo estableceu tamén as súas próximas lecturas (Fulgor. Lectura danzada de María Gabriela Llansol, de Nieves Neira e En el café de la juventud perdida, de Patrick Modiano) a proposta de Mercedes Teijeiro e Manuel Carande, respectivamente, e a súa vindeira cita para o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero. 






27/10/19

Decoración terrorífica da biblioteca e exposición de libros de misterio

Os membros dos grupos de lectura de 1º e 2º ESO ("Arroaces de Gures" e "Arroaces de Ézaro") comenzaron xa a poñer en marcha as primeiras actividades do club, en colaboración co equipo da Biblioteca. Para festexar o Día das Bibliotecas Escolares e o Samaín, tomouse a determinación de engalanar este espazo para celebrar o seu aniversario con motivos e adornos terroríficos, propios da época do ano na que nos atopamos.















Ademais, colaboraron tamén na escolma das obras de medo e misterio que forman parte da exposición de libros de terror que pode visitarse actualmente na nosa Biblioteca. Este exercicio serviulles, así mesmo, para tomar ideas para a confección do seu propio relato de terror, que redactarán e depositarán na Biblioteca do centro para participar no concurso de relato curto ambientado na noitebra galega, que convoca o equipo da Biblioteca e cuxo resultado se fallará o vindeiro 21 de novembro. 


 


Reunión inicial do club de lectura Libros coma area! no Día das Bibliotecas Escolares

O xoves, 24 de outubro, con motivo da celebración do Día das Bibliotecas Escolares, deu comezo de maneira oficial a nova andaina para o curso 2019-2020 do club de lectura Libros coma area! Os seus novos integrantes, xunto co profesorado que se encargará de coordinar os distintos grupos, reuníronse na biblioteca do centro durante o segundo recreo para fixar a distribución de ditos grupos, o calendario previsto para o primeiro trimestre, as obras iniciais coas que se empezará a traballar e as actividades previstas para o curso. 

Velaquí tedes aos integrantes do grupo de 4º ESO ("Baleas de Caneliñas"), que formaron parte xa do noso club durante o curso pasado e que repiten este ano con ilusións renovadas. Acompañándoos, atópanse os profesores Eduardo Louredo, que se encargará de guiar a este grupo nas actividades de lectura; a Mercedes Teijeiro, coordinadora do club de adultos; e a Ana Porteiro, que se ocupará do grupo de 1º ESO ("Arroaces de Gures"). 

Grazas a todos/as, aos novos e aos veteranos, por confiar nesta iniciativa!



20/10/19

Presentación das obras do club de lectura Libros coma area! 2019-2020

Como sabedes, o club de lectura Libros coma area! iniciará a súa andaina para o curso 2019-2020 o vindeiro 24 de outubro, co fin de conmemorar o Día das Bibliotecas escolares. Será nese momento cando configuremos definitivamente os grupos de 1º, 2º, 3º e 4º ESO, dándolles a benvida aos novos integrantes e presentando as obras que leremos este curso e que foron elixidas tendo en conta as suxestións dos membros do club do ano pasado, así como as dos docentes e dos/as usuarios/as da biblioteca. 

Podedes ver, a continuación, o listado de títulos seleccionados, aínda que, por suposto, estará suxeito a cambios ao longo do curso, sempre motivados polas novidades editoriais que vos poidan interesar e polos temas que presidan este curso escolar. Na presente escolma, tratamos de incluír obras de xéneros e artes variadas: novelas, relatos curtos, poemarios, pezas teatrais, álbums ilustrados, banda deseñada...

"Arroaces de Gures" (1º ESO): Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas; Cidade cemento, de Ana Santiso; Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa; Cuentos mínimos, de Pep Bruno; e Solos, de Fabien Velhmann e Bruno Gazzotti. 



"Arroaces de Ézaro" (2º ESO): Fóra do normal, de María Reimóndez; Makinaria, de Carlos Negro; Ari, cazador de dragones, de Manuel Gutiérrez e Xulia Vicente; Un monstro vén a verme, de Patrick Ness e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares.




"Arroaces de Estorde (3º ESO): Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas; Píldoras azules, de Frederik Peeters; Os nenos da varíola, de María Solar; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras e Culpable, de Eli Ríos. 





"Baleas de Caneliñas" (4º ESO): O club da calceta, de María Reimóndez; Senlleira, de Antía Yáñez e Presas fáciles, de Miguelanxo Prado. 



Animádevos a participar e a disfrutar destas lecturas e das actividades que vos temos preparadas arredor delas!



6/10/19

Presentación do club de adultos do IES Agra de Raíces 2019-2020


O vindeiro 28 de outubro terá lugar a primeira sesión do club de lectura de adultos do IES Agra de Raíces. Os/as integrantes do mesmo (Mar Rozas, Manuel Carande, Eduardo Louredo, Lara Trillo, Iolanda Rodríguez e Ana Porteiro), guiados por Mercedes Teijeiro, reflexionarán e intercambiarán impresións de lectura arredor da obra Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño. A obra proporciona unha visión actualizada da mitoloxía grega, afondando na feminidade das súas personaxes. Non vola perdades!

Presentación do club de lectura Libros coma area! 2019-2020

O club de lectura Libros coma area! retoma a súa actividade tras o descanso estival. Para este curso 2019-2020, os/as profesores/as integrantes do mesmo (Mercedes Teijeiro, Mar Rozas, Manuel Carande, Silvia Flores, Eduardo Louredo, Irene Durán e Ana Porteiro) están a deseñar unha morea de actividades dinámicas, cuxo obxectivo é trascender os límites da aula para poder trasladar as nosas impresións de lectura a outros centros ou institucións da comarca, así como realizar as nosas primeiras incursións na radio e crear unha pequena rede de clubs de lectura coa que poder levar a cabo roteiros literarios e outras actividades conxuntas. 

Animádevos a participar nesta nova andadura do noso club de lectura! O xoves, 24 de outubro, día en que se conmemora a importancia das Bibliotecas escolares, realizaremos a presentación oficial das actividades, as obras seleccionadas e os/as integrantes de Libros coma área! Reunirémonos no segundo recreo (de 12.05h a 12.25h) para dar comezo a esta nova edición 2019-2020. Todos/as aqueles/as alumnos/as do IES Agra de Raíces que esteades interesados en participar, non deixedes de acudir á cita!




25/6/19

"Arquitectura humana" de Maruja Mallo e versos de Xohana Torres


Os versos de Xohana Torres, "Eu tamén navegar" na reprodución do cadro de Maruja Mallo "Arquitectura humana"(1937). Fantástico traballo, realizado polo alumnado de plástica de 4º ESO e  Bacharelato, dirixido pola profesora Mirta Pequeño.

Moitas grazas pola vosa colaboración, durante todo o curso escolar, co noso club de lectura.


13/6/19

O grupo Arroases de Estorde remata o curso con Comedia Bífida


O luns 17 de xuño, despedimos as xuntanzas do club de lectura Libros Coma Area!
O grupo Arroases de Estorde, comentará a peza teatral de Manuel Núñez Singala, Comedia Bífida. Quedamos ás 15:00 horas na biblioteca, despois dun xantar conxunto na cafetaría do centro.


12/6/19

Sesión final do grupo Arroases de Ézaro









O pasado 7 de xuño, o grupo Arroases de Ézaro, tivemos a última sesión do curso.
Comentamos Mamá, quero ser Ziggy Stardust da escritora Iria Misa con ilustracións de Alba Barreiro, tivemos banda sonora elixida para a ocasión e deixamos unhas reflexións no recuncho do club.



10/6/19

Sesión final do grupo Arroases de Gures

Esta semana, rematamos as sesións do club de lectura do grupo Arroases de Gures. O martes 11 de xuño, no segundo recreo, comentaremos La lección de August(Wonder I) de R. J. Palacios.


5/6/19

Mamá, quero ser Ziggy Stardust


O venres 7 de xuño, o grupo Arroases de Ézaro, comentará o libro de Iria Misa, Mamá, quero ser Ziggy Stardust. No segundo recreo, na biblioteca.
Teremos moitas sorpresas!

28/5/19

Club de lectura do profesorado

O día 27 de maio,celebramos a última sesión do club de lectura do profesorado comentando  a obra do autor francés Philippe Claudel,La nieta del señor Lynh.




22/5/19

A praia dos afogados de Domingo Villar








Nova sesión do grupo Arroases de Estorde o xoves día 23 de maio, no segundo recreo, para comentar a novela de Domingo Villar, A praia dos afogados e as similitudes e diferencias que atopamos despois do visionado da película dirixida por Gerardo Herrero.