Biblioteca IES Agra de Raíces.
Mostrando entradas con la etiqueta 2015-2016. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 2015-2016. Mostrar todas las entradas

29/6/16

E MARÍA CANOSA VOLTOU AO SEU INSTITUTO...

Despois duns aniños, a que fora brillante alumna do IES "Agra de Raíces" voltou ás súas aulas. Agora María é unha escritora multipremiada, unha enxeñeira de camiños e máis unha esperta colaboradora dun programa cultural de grande éxito na cadea estatal de Galicia, polo que tela connosco falando de literatura foi unha grande honra para nós (e unha grande emoción para ela, segundo contou).



No club de lectura lemos o seu libro Druidas, no que a rapaza Lúa se vai formando como a derradeira (por agora?) druída, grazas ás ensinanzas de seu avó, versado herdeiro das artes destes antigos sabios celtas que exercían de médicos e sacerdotes, grazas aos coñecementos que posuían da natureza, coa que vivían en harmonía máxica.

María contounos moitas cousas do seu labor coma escritora, pero sobre todo da xénese do libro, inspirado nas experiencias de seu avó, que tivo que vivir, durante a guerra civil, en íntima comunidade coa natureza, a escuridade das covas e as bestas salvaxes.

Fermoso peche para a odisea anual do club de lectura "Libros coma area!" do IES "Agra de Raíces" de Cee.



Ata o curso que ven!

28/6/16

ESCARLATINA MORREU DE ESCARLATINA

 Escarlatina morreu de escarlatina, Amanito envelenouse cunha Amanita e Nicotino fumaba moito, por iso morreron, pero Román e o seu gato Dototo teñen a oportunidade de rescatar a Escarlatina (e á súa araña Lady Horreur) do inframundo, se conseguen facer un prato que guste a vivos e mortos.






É divertido este libro polas situacións, a linguaxe, o acento francés da araña que fala... pero esa non é a súa única virtude: defende o dereito a perseguir un soño, promove a solidariedade, consegue un ambiente único e... inclúe auténticas e fantásticas receitas.

Escarlatina, a cociñeira defunta é un estupendo libro de Ledicia Costas, Premio dos Clubs de Lectura de Galicia por ter sido a autora máis lida durante o curso pasado.


26/6/16

REBELDES DE SUSAN HINTON E AS BANDAS XUVENÍS

Cando Francis Ford Coppola adaptou The Outsiders e Ramble Fish, baseadas na primeira e a terceira novela de Susan Hinton, esta autora de Oklahoma xa vendera millóns de exemplares.

Aquí séguense as venturas e desventuras de Ponyboy, a súa relación cos seus irmáns Darry e Sodapop e as tensións entre a súa banda, os Greasers, e os Socs.

Este libro serviunos para falar da violencia á que se ven expostos os mozos, moi especialmente os que pertencen ao mundo da marxinalidade pola súa situación familiar, pola pobreza ou ambiente social do mundo onde viven.

Ligues, rifas e mesmo mortes irán modelando a personalidade deste intelixente mozo que finalmente conta as súas experiencias na redacción escolar que se converteu neste relato.

Moi interesante.

XÚPITER NON TIÑA CORAZÓN

Emocionante e aleccionadora pareceunos este libro. 

Un rapaz, unha rapaza, non debe confiar nas "amizades" que se fan por internet, dar a descoñecidos os seus datos nin abrirlles o seu corazón, pois a nube oculta xente de todo tipo e é moi doado facer dano a persoas sensible, moi especialmente en certas edades e pasando por circuntancias críticas...

Ledicia Costas fai un libro fermoso e didáctico que os rapaces e as rapazas non deberán esquecer.

 A nós deunos para falar do acoso, da amizade, de como se debe utilizar internet e tamén para falar da observación astrónomica.

6/2/16

Novo libro

Rematado O Achado do Castro repetimos lectura de fai dous cursos. O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas fora un éxito no seu momento entre os areeiros, é por isto que escollemos este libro para ver se estes novos alumnos e alumnas interpretan o mesmo ca os daquel momento ou nos sorprenden despois da lectura.

30/1/16

Os areeiros de Libroscomarea comen xuntos!!

Chegou a comida trimestral de libroscomarea, este luns comemos no centro para ter máis tempo no mediodía, subir a nosa biblioteca, comentar sobre O Achado do Castro, investigar, propoñer....
Xa vos iremos informando das novidades que programemos ese día para Libroscomarea!!
Ilustración de Ajubel

16/12/15

ACHAREMOS O CASTRO?


O grupo dos pequenos toma agora O achado do Castro, a peza teatral de Manuel Núñez Singala tantas veces lida e representada polos mozos galegos nas súas funcions escolares.
Esta intriga de amor chea de humor e de latín macarrónico fai que os pequenos entren en contacto cos tópicos do teatro cómico romano e coas características dos personaxes típicos deste xénero dramático.



Cuns diálogos desternillantes, o lector pasará un bo rato ata coñecer o desenlace desta historia de amor entre Manolitus e Carmiñae que, como a de Romeo e Xulieta, non ten a aprobación da autoridade.

22/11/15

Libroscomarea xa está en marcha!!!

Benvidas e benvidos un curso máis a Libros coma area!!!
 Empezamos xa a nosa andaina lectora con dous clubs, o de bacharelato e o da ESO, este último bastante numeroso, encantados estamos de reunirnos para comentar as "mellores xogadas" das nosas lecturas.
Os areeir@s da ESO comenzamos ca novela xuvenil El príncipe de la niebla de Carlos Ruiz Zafón que tan bos resultados deu noutros clubs. E no dos maiores, como non podía ser doutra maneira, continuamos coas obras de Pedro Feijoo, este curso arrincamos con Memorias da choiva, despois de rapasar con agarimos todas as actividades feitas o curso pasado unha vez lido Os fillos do mar.