O club de lectura Libros coma area! únese á campaña "En negro contra as
violencias" e así con motivo da conmemoración do Día Internacional da
Eliminación da Violencia Contra a Muller o 25 de novembro preparamos para esa
semana a lectura de dous relatos do libro Camiñan
descalzas polas rochas, título do poema de Ana Romaní incluído no poemario Das últimas mareas. Tal como se indica
no seu prólogo, "os relatos e as ilustracións foron creados polas autoras
para contribuír coa Campaña de Amnistía Internacional "Non máis violencia
contra as mulleres" lanzada co obxectivo de poñer de relevo a gravidade e
a dimensión do problema, e conseguir que os Estados asuman a súa
responsabilidade ante esta violación dos dereitos humanos que é a máis
estendida e que permanece oculta e impune."
Nos grupos do primeiro ciclo da ESO lemos o relato "Paciencia", escrito por Paula Carballeira e ilustrado por Noemí López.
Nos grupos do 2º ciclo da ESO e Bacharelato lemos "Soliloquio dende
o alén", relato escrito por Marica Campo e ilustrado por Aurora López.
Recomendamos a lectura de cada un dos relatos incluídos no libro Camiñan descalzas polas rochas, pola gran
sensibilidade e crueza, que nos axudarán a reflexionar, comprender e ao mellor
(oxalá!) cambiar a situación de moitas mulleres, adolescentes e
nenas.
A continuación reproducimos os poemas que dan comezo e remate ao libro:
Camiñan descalzas polas rochas
Camiñan descalzas polas rochas,
pantasmas de sal habitan as sombras,
saben que as últimas mareas
esqueceron na praia os restos do naufraxio.
As mulleres recollen cada noite
os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
rebélanse contra a Historia,
constrúen co mar as estatuas
que nunca permanezan.
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.
Ana Romaní