Biblioteca IES Agra de Raíces.

26/2/12

O carné d@s areeir@s

Este é o noso carné, o que nos identifica como AREEIR@.

Ata onte, nalgunhas localidades da bisbarra, un AREEIRO ou linguado de area era o que en moitos outros chaman ACEDÍA, (Pegusa Lascaris para os científicos).

Un areeiro está moi rico, pero non le.

Hoxe, un areeiro segue a ser unha acedía, pero un AREEIR@ É UN LECTOR DO CLUB DE LECTURA "LIBROS COMA AREA" DO IES "AGRA DE RAÍCES".


NON NOS CONFUNDAS! NÓS TEMOS OS DOUS OLLOS
MIRANDO MÁIS OU MENOS PARA O MESMO LADO!

Además, colegas areir@s, estade atentos, porque en varias librarías de Cee colaboran con nós: aquelas nas que atopes o carteliño verde que tes aquí:



PARABÉNS POR SER AREEIR@!

24/2/12

Grande o éxito da 1ª quedada

Hoxe foi a 1ª reunión logo de comenzar a lectura, non todos traían as tarefas ben feitas co libro lido ata a páxina recomendada (260), pero non pasa nada, seguimos lendo pouco a pouco, xa que a cousa estase poñendo moi moi interesante!!!
Houbo comentarios coma os seguintes:
- Leo Caldas fuma moito ehhh
- Está claro que hai un asasino pero...queda moito por investigar..
- E vós, credes o de Sousa? porqueee, o inspector cre a historia que se está contando no pobo..
- Claro, é que..dende que lle deron a foto con aquel aparello, claro que pode pensar que foi el...
- A min o Marcos Valverde non me gusta nadiña, creceu moito economicamente en tan pouco tempo.
-E que me dicides de Rafa Estévez...Neste caso incluso houbo tempo para comparalo cun dos compañeiros do club, que non é galego, e seguramente pensa a miúdo coma Estévez
Concluimos a reunión con un paseo virtual con google map chegando á lonxa de Panxón, porto, igrexa...ata a casa de Xusto Castelo.
Agardamos impacientes a próxima quedada!!!

23/2/12

Un blog catalán en galego que fala sobre A praia dos afogados???

Un recorte do blog
Pois si, e non volo perdades: fai un percorrido por un monton de localizacións da obra que estamos a ler, con moitas fotos e datos: cando esteades no blog, picade na etiqueta A praia dos afogados e dade un paseo por esta obra, en varias etapas.
Estupendo blog en galego dun catalán sobre a literatura galega.
Visitade o blog A LEI DE LEM, de Daniel González Martín.



A praia dos afogados na gran pantalla

Unha noticia do xornal de xaneiro deste ano anuncia que antes de final de ano poderemos desfrutar da versión cinematográfica de "A praia dos afogados". Deixámosvos aquí a noticia e agardamos con ansiedade este momento.

10/2/12

1ª lectura elixida por unanimidade!!

Libros coma a area decidiu empezar a súa andaina entrando no mundo da investigación policial cunha das novelas máis comentadas nos clubs doutros institutos. Acompañaremos ó inspector de policía Leo Caldas na resolución do seu caso na novela A praia dos afogados de Domingo Villar. 
"Leo Caldas, inspector de policía, enfróntase a un novo caso. Esta vez a aparición do cadáver dun mariñeiro, alcumado O Rubio, nunha praia de Panxón dálle bastantes quebradeiros de cabeza. Hai momentos nos que a investigación parece estancarse, pero el sempre tenta abrir novas vías que permitan resolver este misterio, acompañado do seu axudante, Rafael Estévez, un aragonés de armas tomar que contrasta co carácter do seu superior."

6/2/12

Arranca a súa andaina o club de lectura de biblioraíces

Biblioraíces xa ten Club de Lectura e arrancamos esta semana. LIBROS COMA AREA será o nome do noso club. Dende a biblio pretendemos con isto fomentar entre o noso alumnado o hábito de ler, na idea de que a mellora pola súa parte de habilidades avanzadas de lectura optimice o seu desenvolvemento académico e o cualifique para afrontar os retos da sociedade moderna. Entre as actividades destacadas, a parte da lectura en común, está a realización de excursións, visitas de escritores, proxeccións de películas,contacontos...e lecturas conxuntas con Nautilus Club de Lectura da Bibliofernandoblanco.