Biblioteca IES Agra de Raíces.

22/1/24

Benvido ao ano 2024

Tal e como adiantáramos antes de marchar de vacacións, neste mes de xaneiro reunímonos para comentar os diferentes libros de lectura do club. Cada grupo tiña asignado un libro e posteriormente estes serán intercambiados, deste xeito podemos xerar unha maior variedade de obras nos fondos da nosa biblioteca.

En primeiro lugar fixemos a xuntanza dos rapaces e rapazas máis novos, o alumnado de 1º da ESO, os cales leron Coraline de Neil Gailman. Esta é unha obra que xa leron en anos anteriores os seus compañeiros, ademais xa estaban familiarizados con este autor pois leran previamente un fragmento do Libro do cementerio.


Un día máis tarde, o 11 de xaneiro, tiveron lugar as reunións dos nenos e nenas de 2º da ESO. No primeiro recreo comentamos Quen matou a Inmaculada Silva? de Marina Mayoral. Esta é unha novela de intriga ambientada en diferentes épocas, a trama transcorrida nos anos da guerra civil chamoulle profundamente a atención aos nosos lectores. No segundo recreo reuniuse o grupo que leu As aventuras do cabaleiro de prata de Ana Mariño, a través desta obra o alumnado puido coñecer o xénero das novelas fantásticas de cabalería, ademais co engadido de estar ambientada nunha Galicia máxica. Por último, unhas rapazas de 2º da ESO que se incorporaron este ano tamén comentaron a obra Nós seis de Julia lago, lida polos seus compañeiros o ano pasado.


Pasando ao grupo de lectura das rapazas máis maiores, aquí tamén dividímonos en dous equipos. No primeiro recreo do 12 de xaneiro falamos de El guardián invisible de Dolores Redondo, esta é a primeira parte dunha triloxía de intriga dispoñible na nosa biblioteca, agardamos que algunha das rapazas se anime a continuar coas investigacións da inspectora Amaia Salazar. 



Para as amantes da fantasía dispuxemos Un feiticeiro de Terramar de Ursula K. Le Guin, unha obra clásica deste xénero que inspirou a moitas posteriores..


Cuns rapaces e rapazas tan lectores, o profesorado e demais persoal non docente do centro non podía quedarse atrás, deste xeito o noso club de lectura de adultos creceu en tamaño este ano, xa somos nove e agardamos que aínda sexan máis. A primeira obra lida este ano foi A culpa de María Solar, novela que gañou o premio Xerais 2022; nela relátanse as complicadas vivencias de dúas mulleres nos anos da posguerra e a emigración a través da investigación dunha rapaza. As reflexións realizáronse en dúas sesións separadas para que todos puideran asistir, agardamos que en próximas ocasións poidamos reunirnos todos xuntos.


 
Isto é todo de momento, en breves repartiremos as seguintes obras das que informaremos puntualmente. Ata pronto!