Estes días anda o pobo un pouco alborotado.
Acórdaste dun rapaz que se chama Lorenzo e que andaba sempre na compaña dun can
pequeniño de rabo zuro? Pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas
vermellas na á dereita.
É unha galiña moi bonita e moi rara. Pon ovos de
colores. Xa puxo dous marelos, un rosa e tres verdemar. Ademais non di cacaracá
como as outras galiñas senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas ás
autoridades.
Tan preocupadas as ten que hai catro días
chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregara a galiña polas boas.
Lorenzo negouse, porque aínda que lle din que só é para que a vexa o
veterinario, o certo é que, segundo dixo o señor Casimiro, o porteiro do
Concello, á galiña vana matar.
O alcalde, Manolito Listón, dixo nunhas
declaracións que fixo para a televisión e para os periódicos, que non se podía
tolerar a existencia dunha galiña azul, porque -según Manolito Listón- unha
galiña azul que pon ovos de colores e que di cocorocó en vez de cacaracá non é
unha galiña como é debido.
Carlos Casares, A GALIÑA AZUL