O 15 de maio, o club de lectura "Libros coma area!" do IES "Agra de Raíces" realizou unha actividade lúdica e cultural en compañía de "Guhuaidelai", o club de lectura do IES "Fin do Camiño" de Fisterra: a actividade consistiu na visita áo Museo da Pesca de Fisterra, visita ás instalacións do IES "Fin do Camiño", acto de lectura pública de poemas na biblioteca deste instituto, andaina pola contorna e excursión en barquiño pola ría. Éramos 35 "areeiros" do "Agra de Raíces" (acompañados por Ángeles, Lourdes e Manuel) e máis 14 "ghuaidelais" do "Fin do Camiño" (con Cristina e Hortensia).
Alexandre Nerium dounos unha nova lección de sabedoría, humanidade e xenio explicándonos, dende a práctica e a sinxeleza, as artes de pesca, a dura vida dos pescadores e as súas familias e un sinfín de detalles interesantes que espertaron a curiosidade de todos nós. As preguntas máis curiosas que el mesmo nos fixo (e despois nos respostou, menos mal!) foron por que non sae o polbo da nasa e cal é o instrumento máis importante de toda a historia da navegación e a pesca. Xa sabedes onde atopar as respostas. Para finalizar, Alexandre Nerium leunos algúns dos seus poemas máis fermosos e mantivo unha apaixoada charla con algúns alumnos e alumnas interesados na literatura como profesión.
Cristina e Hortensia ensináronnos o seu instituto e acolléronnos na súa preciosa biblioteca, onde membros dos dous clubes fixeron unha lectura de poemas de autores da bisbarra que tiñan ao mar como protagonista. Modesto Fraga, Miro Villar, Rafa Villar, Maria Lado e Roberto Traba foron os e as poetas elixidos.
Dedicamos as horas centrais do día a facer un precioso roteiro pola praia de Mar de Fóra e pola parte alta de Fisterra, de camiño ao barquiño "María Elena", onde Oliver Moure e os seus compañeiros de tripulación deleitáronnos cun precioso e "movidiño" paseo guiado pola ría.
Foi unha xornada proveitosa e rica en experiencias.
AQUÍ PODES VER TODAS AS FOTOS QUE FIXEMOS
No hay comentarios:
Publicar un comentario