Para celebrar o Día do Libro, 23 de abril, dezaoito dos nosos Areeiros de 1º de ESO e catro profesores e profesoras desprazámonos ao CEIP "Eugenio López" de Cee para levar a cabo unha actividade conxunta de lectura de poemas e posterior confeción de debuxos alusivos.
A actividade realizouse en colaboración entre o noso club de lectura "Libros coma area!" e o Equipo da Biblioteca do CEIP "Eugenio López".
Os areeiros do IES "Agra de Raíces" leron, no patio do colexio, para os alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP "Eugenio López" poemas dos libros Balea2 de Estevo Creus e de Amar e outros verbos, escrito por Ana María Fernández e con ilustracións de Xosé Cobas. Por otra banda, alumnos de 4º de primaria alternáronse cos nosos na lectura dos poemas do libro Dez piratas, escrito por Gloria Sánchez e con ilustracións de Montse Gisbert.
Despois de ler, todos os alumnos e alumnas realizaron debuxos relacionados coas lecturas.
Este encontro coa lectura foi aproveitado polo resto das clases do colexio para saír tamén ao patio e ler, por pequenos grupos e acompañados do resto do profesorado, outros libros e para facer máis debuxos, gozando do soleado e ventoso día.
No hay comentarios:
Publicar un comentario