Biblioteca IES Agra de Raíces.

22/4/24

 NON PARAMOS DE LER

Abril é un mes do ano moi relevante para o noso club de lectura pois co gallo do día do libro adoitamos organizar diferentes actividades. Nesta ocasión, en colaboración coa biblioteca, imos a desenvolver a lectura de diversas obras ao mesmo tempo que se acompañan de música e ilustracións.

Ao mesmo tempo, actividade habitual do club non se detén, de xeito que ao longo da semana pasada realizamos diferentes sesións de comentario de obras. Primeiramente, o día 18, tivemos dúas xuntanzas co alumnado de 2º da ESO; por unha parte os rapaces e rapazas que leron Sally Heathcote: Sufragista, e por outra banda o segundo grupo que gozou de La puerta de Manel Loureiro.


Sally Heathcote: Sufragista é unha banda deseñada que mostra os anos de maior efervescencia do movemento sufraxista; a través da historia dunha rapaza sufraxista pódense coñecer as principais personaxes do momento e as difirentes correntes que configuraron este movemento político e social.


La Puerta é unha novela ambientada na Galicia rural que mestura a intriga e os elementos máxicos da cultura galega. Nesta obra unha nai desesperada emigra a unha pequena vila na busca dunha menciñeira que salve ao seu fillo, alí verase mesturada nunha serie de asasinatos rituais.


Outro dos grupo co que tamén realizamos unha xuntanza foi o de 1º da ESO, neste caso o venres 19. A obra comentada foi Un feiticeiro de Terramar de Ursula K. Guin, trátase dun dos clásicos das novelas fantásticas sobre feiticería. Os rapaces e rapazas do club seguiron as aventuras de Ged, un mago que vai pouco a pouco aprendendo a controlar as súas habilidades máxicas.







19/4/24

DÍA DO LIBRO

Entre as múltiples iniciativas que imos a desenvolver en relación ao día do libro, hoxe queremos presentarvos as novidades da biblioteca en formato padlet: "Especial recomendación Libros como Area" coas recomendacións dalgúns dos integrantes do noso club de lectura e "Novidades Primaveira 2024" coas últimas novidades nos xéneros den banda deseñada, poesía e literatura local. Click nas imaxes para acceder.  Agardamos que sexan do voso interese:





Así mesmo, estamos a preparar para o día 23 a lectura duns textos especialmente seleccionados para os grupos da ESO que, unha vez expostos, serán ilustrados por diferentes alumnos da materia de plástica mentres se escoitan e comentan unhas pezas musicáis tamén escolllidas en relación aos textos lidos, nunha mestura de literatura, pintura e música moi singular.



15/4/24

 MARZO 2ª PARTE

Como xa adiantáramos na anterior entrada do blog, no mes de marzo tíñamos programada unha actividade moi especial, unha xuntanza co club de lectura Nautilus do IES Fernando Blanco de Cee. Desde Libros coma area! consideramos que é fundamental establecer unha relación de colaboración e amizade entre ámbolos dous clubs veciños. Para isto, o día 19 de marzo, fixemos unha serie de actividades conxuntas co club Nautilus de xeito que os rapaces e rapazas membros puideran coñecerse entre si. 

A nosa primeira parada nesta xornada foi o museo Fernando Blanco de Lema de Cee, aquí coñecemos a historia dun dos centros de ensinanza máis relevantes da comarca e o que supuxo para a educación dos rapaces e rapazas da súa contorna. Neste espazo museístico pódense ver algúns dos materiais educativos máis punteiros da ensinaza de finais do século XIX.


O seguinte paso foi visitar o fogar dos nosos compañeiros do club Nautilus, o IES Fernando Blanco; trátase dun edificio histórico con moitos lugares de interés como a torre do reloxo, os seus xardíns ou a súa capela.




Para pechar esta visita, os rapaces e rapazas dos dous grupos reunímonos na biblioteca do centro onde fomos obsequiados cunha bolsa chea de agasallos feitos polos nosos anfitrións.


Como non podía ser doutra maneira, para pechar a mañá, devolvémoslle a cortesía acolléndoos no noso centro e mostrándolles as nosas instalacións. A nosa biblioteca Concha Blanco foi o lugar desta xuntanza e alí compartimos as nosas experiencias nos respectivos clubs, ademais de realizar un pequeno almorzo.



O colofón deste día para o recordo foi o intercambio de libros entre os dous centros, abrindo a posibilidade de que os rapaces e rapazas colleran prestados libros dos fondos do centro visitado.
Finalmente dicir que esta actividade foi todo un éxito e xa nos citamos para realizar outras actividades conxuntas no futuro.







21/3/24

 MARZO. 1ª PARTE

O mes de marzo está sendo moi intenso pola celebración de diferentes actividades, ademais dos duros exames. Por todo isto, falaremos das nosas andanzas en dúas publicación, reservando a seguinte para comentar unha ocasión especial...
Para comenzar, falar das reunións dos dous desdobres de 2º da ESO nas que se comentaron as dúas obras propostas. Por unha banda, o día 29 de febreiro, tivemos ao equipo que xa lera Quen matou a Inmaculada de Silva?, estes rapaces e rapazas analizaron La puerta de Manel Loureiro; foi moi emotivo saber como a angustia dunha nai polo seu fillo transmitiuse ao noso alumnado. O segundo desdobre leu a citada Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral, unha obra cuxo final deixou aberta historia a diferentes interpretacións.



Outro grupo co que traballamos a primeiros do mes foi co das rapazas maiores, de 4º da ESO, 1º/2º de BACH. Nunha xuntanza, celebrada o 7 de marzo, comentámoslle o seu papel na actividade estrela deste mes, da cal falaremos na próxima publicación. Tamén aproveitamos esta reunión para entregar todos os libros da iniciativa Unha mensaxe enterrada nos libros, a pouco tardar mostraremos as obras seleccionadas e algunhas das mensaxes gravadas nelas.

Isto é todo polo momento e estade atentos a seguinte publicación.




27/2/24

 SEGUIMOS LENDO!!!

Bos días de novo! Como anticipáramos na anterior entrada deste blog, ao longo deste mes realizamos a entrega de novas obras aos diferentes grupos de lectura. Faremos a continuación un recorrido polas obras entregadas e lidas.

Primeiramente, o 29 de xaneiro, os rapaces e rapazas de 1º da ESO recibiron a obra Nós seis de Julia Lago. Trátase dunha breve banda deseñada sobre as vivencias dun grupo de rapazas nun internado durante o período franquista, nesta obra vemos como a amizade fai maís levadeiras as desagradables experiencias das internas. Sendo unha obra de pouca extensión, e sendo os nosos lectores moi aplicados, o día 15 de febreiro puidemos ter xa outra sesión na que comentamos a obra; ademais nesta mesma xuntanza entregouse unha nova lectura Un feiticeiro de Terramar.



O mesmo día 29 de xaneiro, pero no segundo recreo, tivo lugar a xuntanza do grupo de 2º da ESO. Nesta sesión produciuse o reparto de novas obras, para iso dividimos aos rapazas e rapaces en dous grupos: o primeiro grupo recibiu La puerta de Manel Loureiro, unha novela de intriga con tintes máxicos ambientado na Galicia rural;  por outra banda, ao segundo grupo entregóuselle o libro Quen matou a Inmacuada de Silva? de Marina Mayoral, unha obra que xa leron previamente os seus compañeiros.



Finalmente falar do grupo das rapazas de 4º da ESO e Bacharelato, o 2 de febreiro fixemos unha reunión de entrega de obras para o que creamos dous desdobres. Un deles lerá A culpa de María Solar, novela gañadora do premio Xerais 2022, que conta a investigación dunha rapaza tras recibir unha herdanza inesperada. O segundo grupo recibiu Crímenes exquisitos de Vicente Garrido e Nieves Abarca, unha obra que relata unha serie de crimes rituais na cidade da Coruña.



22/1/24

Benvido ao ano 2024

Tal e como adiantáramos antes de marchar de vacacións, neste mes de xaneiro reunímonos para comentar os diferentes libros de lectura do club. Cada grupo tiña asignado un libro e posteriormente estes serán intercambiados, deste xeito podemos xerar unha maior variedade de obras nos fondos da nosa biblioteca.

En primeiro lugar fixemos a xuntanza dos rapaces e rapazas máis novos, o alumnado de 1º da ESO, os cales leron Coraline de Neil Gailman. Esta é unha obra que xa leron en anos anteriores os seus compañeiros, ademais xa estaban familiarizados con este autor pois leran previamente un fragmento do Libro do cementerio.


Un día máis tarde, o 11 de xaneiro, tiveron lugar as reunións dos nenos e nenas de 2º da ESO. No primeiro recreo comentamos Quen matou a Inmaculada Silva? de Marina Mayoral. Esta é unha novela de intriga ambientada en diferentes épocas, a trama transcorrida nos anos da guerra civil chamoulle profundamente a atención aos nosos lectores. No segundo recreo reuniuse o grupo que leu As aventuras do cabaleiro de prata de Ana Mariño, a través desta obra o alumnado puido coñecer o xénero das novelas fantásticas de cabalería, ademais co engadido de estar ambientada nunha Galicia máxica. Por último, unhas rapazas de 2º da ESO que se incorporaron este ano tamén comentaron a obra Nós seis de Julia lago, lida polos seus compañeiros o ano pasado.


Pasando ao grupo de lectura das rapazas máis maiores, aquí tamén dividímonos en dous equipos. No primeiro recreo do 12 de xaneiro falamos de El guardián invisible de Dolores Redondo, esta é a primeira parte dunha triloxía de intriga dispoñible na nosa biblioteca, agardamos que algunha das rapazas se anime a continuar coas investigacións da inspectora Amaia Salazar. 



Para as amantes da fantasía dispuxemos Un feiticeiro de Terramar de Ursula K. Le Guin, unha obra clásica deste xénero que inspirou a moitas posteriores..


Cuns rapaces e rapazas tan lectores, o profesorado e demais persoal non docente do centro non podía quedarse atrás, deste xeito o noso club de lectura de adultos creceu en tamaño este ano, xa somos nove e agardamos que aínda sexan máis. A primeira obra lida este ano foi A culpa de María Solar, novela que gañou o premio Xerais 2022; nela relátanse as complicadas vivencias de dúas mulleres nos anos da posguerra e a emigración a través da investigación dunha rapaza. As reflexións realizáronse en dúas sesións separadas para que todos puideran asistir, agardamos que en próximas ocasións poidamos reunirnos todos xuntos.


 
Isto é todo de momento, en breves repartiremos as seguintes obras das que informaremos puntualmente. Ata pronto!