A segunda sesión do club
de lectura do profesorado celebrouse o pasado 25 de novembro, para conmemorar o Día
contra a violencia de xénero. Durante a primeira parte da sesión, os membros do
club reflexionaron sobre as actividades levadas a cabo no centro para sinalar a
importancia deste día e tamén sobre a fronte común que debemos construír xuntos para
loitar contra a desigualdade e as distintas formas de violencia, agresividade e
inxustiza que vén padecendo a muller aínda na sociedade actual.
Na segunda parte do encontro, os integrantes do club abordaron a análise de En el café de la juventud perdida, de Patrick Modiano. Reflexionaron
sobre o ambiente parisino etéreo, bohemio e ás veces decadente que o autor
debuxou como decorado ideal para acoller a unha escolma de personaxes
solitarios que deambulan na procura da súa propia identidade e dunha rede de
lugares fixos que constitúan a súa singradura diaria e que lles dean consistencia e certa seguridade ás súas existencias envoltas en horizontes
perdidos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario