Biblioteca IES Agra de Raíces.

12/2/20

Encontro literario con Ana Santiso, autora de Cidade Cemento

O luns, 10 de febreiro, visitou o noso centro a poetista e ilustradora Ana Santiso para participar nun encontro literario co alumnado do club de lectura, do Club de Letras, os estudantes de 4º ESO e os que cursan a materia de Coeducación para o século XXI, de 1º Bacharelato. 

A actividade comezou cunha presentación da autora realizada polas cinco alumnas do club de lectura de 1º ESO. A continuación, os estudantes de Coeducación entrevistaron á artista, interrogándoa sobre a súa traxectoria profesional e literaria, as técnicas gráficas que emprega nas ilustracións dos seus propios textos e das obras doutros autores cos que colabora, así como sobre a súa interesante e intensa actividade como muralista. 







Finalmente, Ana falou máis polo miúdo das artes gráficas que ela practica e do proceso de composición das imaxes, partindo sempre de modelos da realidade para imprimirlle logo o seu selo persoal e creativo. Para que o auditorio puidese coñecer de primeira man o desenvolvemento da súa técnica, acompañou as súas explicacións de bosquexos que mostrou ao público e de imaxes dixitais en distintos procesos de elaboración, de forma que se puidesen ir observando as distintas fases no tratamento das mesmas ata chegar ao resultado final desexado. 






O salón de actos, que acolleu esta primeira parte do encontro con Ana Santiso, de 10.25h a 12.05h, decorouse para a ocasión coas caricaturas que os estudantes de Debuxo artístico de 1º Bacharelato realizaron arredor da figura da autora. Queremos expresarlle o noso agradecemento tanto aos alumnos pola súa inestimable colaboración como á súa profesora, Mirta Pequeño, por guiar o traballo e orientalos cara a consecución de resultados finais de extraordinaria calidade. 












Moitas grazas a todos/as!



No hay comentarios:

Publicar un comentario