Biblioteca IES Agra de Raíces.

4/3/18

E SEGUIMOS COAS LECTURAS

E seguimos adiante. No que levamos de ano, ademais de Las lágrimas de Shiva, Lúa do Senegal, O neno do pixama de raias e A praia dos afogados, xa lemos e comentamos os seguintes libros:

JULES VERNE E O POLBO EN VIGO
Os Arroases de Gures dedicaron dúas sesións (o 5 de febreiro e o 27 de febreiro), a comentar a entretida lectura de 20000 leguas de viaxe submarina de Jules Verne, o visionario escritor francés que trouxo ao capitán Nemo á ría de Vigo a buscar o ouro dos galeóns de Rande. Os lectores celebraron as aventuras da tripulación do submarino e moitos dos seus episodios, pero botaron en falta a presenza de mulleres. Jules Verne, finalmente e moitos anos despois, mercou un barco no que viaxar polo mundo e mesmo recalou en Vigo en dúas ocasións. Unha estatua commemora estes feitos. Os Arroases de Gures xa están con Amar e outros verbos de Ana María Fenández.

COMENTANDO 20000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA

Outras dúas sesións dedicaron os Arroases de Ézaro a falar de O curioso incidente do can a medianoite de Mark Haddon. Os avatares de Christopher investigando a morte dun can amosan as dificultades que pasa un rapaz con síndrome de Asperger para relacionarse cos demais, pero tamén as súas especiais habilidades para certas cousas, sendo coma é, aficionado ás matemáticas, á astronomía e ás novelas de Sherlock Holmes. Os arroases din que os autistas teñen cualidades variadas que fan deles persoas caleidoscópicas, coma todos os demais seres humanos. O próximo libro será Penúltimas Tendencias de Carlos Negro.

EXPOSICIÓN DOS LIBROS DE FERNÁNDEZ PAZ E AS NOSAS LECTURAS

O único que queda é o amor foi a seguinte lectura dos Arroases de Estorde. Neste libro onde Agustín Fernández Paz fai moitas referencias ao cine e á boa literatura que tanto lle gustaban, os distintos relatos, dun xeito ás veces triste ou melancólico, pero cun poso de ledicia, profundan nos sentimentos humanos, o máis forte dos cales é o amor, o nexo de unión de todas as historias que conforman esta obra mestra do autor de Vilalba. Este libro permitiunos viaxar a traves da súa lectura por moitos outros libros.
E despois, A lección de August de Raquel Jaramillo Palacio.

EN O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR FÁLASE DE MOITOS LIBROS

E as Baleas de Caneliñas cren que As cousas claras é una novela de sentimentos de adolescentes que pretende facernos reflexionar sobre temas tan importantes como o entendemento entre pais e fillos, a tolerancia antes os que son diferentes a ti, o veleno dos prexuizos e a intransixencia. A transformación do relato, ao longo do seu desenvolvemento, nunha noveliña de misterio, simplifica a súa lectura e a fai máis entretida. Espéranos Maus de Art Spiegelman.

No hay comentarios:

Publicar un comentario