"Libros coma area" e "Praia das palabras" pasamos o día 19 de xuño na Illa de Ons. Os areeiros do IES "Agra de Raíces" devolvemos a visita aos nosos compañeiros do IES de Vilalonga no mellor escenario posible: na Illa de Ons, onde se desenvolve unha parte importante de Fillos do mar de Pedro Feijoo, libro que os membros dun e doutro club lemos hai unhas semanas.
No peirao de Vilalonga fixemos un acto de lectura de poemas: "Praia das palabras" leu o contido do díptico que fixeron con motivo desta visita a Ons e máis preciosos poemas orixinais de varios dos seus membros. Despois, "Libros coma area", nós, fixemos un pequeno acto de homenaxe ao mar e a membros do "Batallón literario da Costa da Morte" que foran alumnos ou alumnas do noso centro: Miro Villar, Rafa Villar, Estevo Creus, David Creus, María Lado e Suso Bahamonde: pequena biobibliografía de cada un deles e máis un poema de cada un deles dedicado ao mar.
Despois, xa en Ons, fixemos un caloroso roteiro pola illa, con visita ao inquietante, perigoso e máxico Buraco do Inferno, onde o touro dos cornos de ouro vixía as propiedades do demo.
Á volta, en Viladonga, "fichamos" a un novo membro destacado do club de lectura, O GATO LEO, dende este momento a mascota oficial do club.
Para celebrar unha xornada tan proveitosa e divertida e a chegada ao club do novo membro felino, todos os areeiros que foron á excursión e máis o gato Leo (a súa nova dona, neste caso) escribiran, no caderno co que nos agasallaron os nosos amigos de "Praia das palabras", algo sobre esta viaxe: un poema, unha folla de diario, un relato ou o que sexa, do que informaremos neste blog nuns días.
No hay comentarios:
Publicar un comentario