Biblioteca IES Agra de Raíces.

3/4/13

Grandes risas e moita poesía con María Lado e Lucía Aldao

Dentro do marco da Semana Cultural do instituto o club de lectura Libros coma area tivo hoxe a súa sesión especial na Biblioteca con dúas grandes poetas e actrices que nos fixeron rir un anaco da mañá. Con poemas, música e moito humor estivemos acompañados destas dúas rapazas e o seu espectáculo Con dez poemas por barba no que participamos na elaboración dun poema que logo recitaron. Moitas grazas por facernos pasar este anaco tan agradable.

Así describen as poetas o seu espectáculo:
Como é un espectáculo de poesía, o título non é outra cousa máis ca unha metáfora. Realmente son menos poemas cada unha e nós non temos barba, non só hai poesía e hai moitas historias, algunhas que nos pasaron e teñen que ver cos poemas e outras que nos contaron e veñen a conto dalgún verso. Tamén hai cancións, as nosas preferidas e moitas ganas de compartir co público, de xogar, de emocionarnos e divertirnos. Un recital de poesía que non é eso que cres que é un recital de poesía de señores con barba.
Con dez poemas por barba, pretende chamar a atención daqueles que miran a poesía de reollo. Porque para Lucía Aldao e María Lado a lectura de poesía non pode ser algo que adormeza
o espectador. Partindo deste presuposto Aldao e Lado presentan un recital de poesía ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire ademais un papel activo. Durante o recital hai música en directo, xogos, historias, momentos de reflexión… pero sobre todo hai comunicación poética pura e verdadeira.
Os textos que compoñen o recital son poemas propios, creados polas dúas poetas, algúns inéditos e outros recollidos en libros ou revistas. A música, parte substancial do espectáculo, pona a guitarra e a impresionante voz de Lucía.


No hay comentarios:

Publicar un comentario