Antes do Nadal, facemos as reunións da nosa terceira lectura de cada grupo do curso, así que nos imos ás 12 lecturas antes de rematar o ano, seguindo a marcha que se vai facendo habitual.
Os Arroases de Ézaro gozaron lendo a primeira parte de Lúa de Senegal, coa que volverán despois do período de vacacións; Entón seguirán falando de Khoedi e as súas charlas coa lúa, o único que a une, dende Vigo co seu pobo de Senegal. Khoedi chegou a Galicia dende África emigrando (migrando, coma din agora) e todo aquí é moi distinto á súa querida aldea, de onde ela bota de menos case todo, moi especialmente á xente que quere, como á súa aboa Mamá Feriane. Libro que fai pensar sobre as razas, as emigracións e as distintas culturas.
Os Arroases de Estorde fixeron un "programa especial", pois reuníronse para ver a versión cinematográfica da súa lectura, a banda deseñada Engurras, que dun xeito tan fermoso e delicado trata os temas do Alzheimer, a vellez, a amizade, o amor da familia... E despois do visionado, celebrouse unha posta e común e un debate na propia biblioteca, para todo o público asistente (o resto do alumnado de 3º de ESO). No debate falouse dos temas e personaxes de Engurras, da súa sensibilidade e sentido do humor, da responsabilidade da xuventude con respecto aos mayores, dos obxectivos e ilusión que a xente de idade pode ter...
As Baleas de Caneliñas leron todo un clásico ambientado nesta época, o Conto de Nadal de Charles Dickens, toda unha catarsis (non moi realista pero excelentemente escrita) dunha persoa triste e amargada que, grazas á visita de diversos fantasmas, reflexiona sobre a súa vida pasada e sobre a vida presente dos seus parentes e amigos (que el desprecia), para chegar a "ver a luz" e volverse, como corresponde a estas festivas datas, unha persoa sensible, cariñosa e xenerosa que (en realidade por egoísmo) comeza a repartir cartos e simpatía polo mundo adiante. En todo o caso, a mensaxe ten moito éxito e trátase dunha historia moi versionada na que se basearon moitas películas interesantes que se atopan entre as preferidas do público en Nadal.
Voltamos en xaneiro!