Biblioteca IES Agra de Raíces.

27/2/24

 SEGUIMOS LENDO!!!

Bos días de novo! Como anticipáramos na anterior entrada deste blog, ao longo deste mes realizamos a entrega de novas obras aos diferentes grupos de lectura. Faremos a continuación un recorrido polas obras entregadas e lidas.

Primeiramente, o 29 de xaneiro, os rapaces e rapazas de 1º da ESO recibiron a obra Nós seis de Julia Lago. Trátase dunha breve banda deseñada sobre as vivencias dun grupo de rapazas nun internado durante o período franquista, nesta obra vemos como a amizade fai maís levadeiras as desagradables experiencias das internas. Sendo unha obra de pouca extensión, e sendo os nosos lectores moi aplicados, o día 15 de febreiro puidemos ter xa outra sesión na que comentamos a obra; ademais nesta mesma xuntanza entregouse unha nova lectura Un feiticeiro de Terramar.



O mesmo día 29 de xaneiro, pero no segundo recreo, tivo lugar a xuntanza do grupo de 2º da ESO. Nesta sesión produciuse o reparto de novas obras, para iso dividimos aos rapazas e rapaces en dous grupos: o primeiro grupo recibiu La puerta de Manel Loureiro, unha novela de intriga con tintes máxicos ambientado na Galicia rural;  por outra banda, ao segundo grupo entregóuselle o libro Quen matou a Inmacuada de Silva? de Marina Mayoral, unha obra que xa leron previamente os seus compañeiros.



Finalmente falar do grupo das rapazas de 4º da ESO e Bacharelato, o 2 de febreiro fixemos unha reunión de entrega de obras para o que creamos dous desdobres. Un deles lerá A culpa de María Solar, novela gañadora do premio Xerais 2022, que conta a investigación dunha rapaza tras recibir unha herdanza inesperada. O segundo grupo recibiu Crímenes exquisitos de Vicente Garrido e Nieves Abarca, unha obra que relata unha serie de crimes rituais na cidade da Coruña.



22/1/24

Benvido ao ano 2024

Tal e como adiantáramos antes de marchar de vacacións, neste mes de xaneiro reunímonos para comentar os diferentes libros de lectura do club. Cada grupo tiña asignado un libro e posteriormente estes serán intercambiados, deste xeito podemos xerar unha maior variedade de obras nos fondos da nosa biblioteca.

En primeiro lugar fixemos a xuntanza dos rapaces e rapazas máis novos, o alumnado de 1º da ESO, os cales leron Coraline de Neil Gailman. Esta é unha obra que xa leron en anos anteriores os seus compañeiros, ademais xa estaban familiarizados con este autor pois leran previamente un fragmento do Libro do cementerio.


Un día máis tarde, o 11 de xaneiro, tiveron lugar as reunións dos nenos e nenas de 2º da ESO. No primeiro recreo comentamos Quen matou a Inmaculada Silva? de Marina Mayoral. Esta é unha novela de intriga ambientada en diferentes épocas, a trama transcorrida nos anos da guerra civil chamoulle profundamente a atención aos nosos lectores. No segundo recreo reuniuse o grupo que leu As aventuras do cabaleiro de prata de Ana Mariño, a través desta obra o alumnado puido coñecer o xénero das novelas fantásticas de cabalería, ademais co engadido de estar ambientada nunha Galicia máxica. Por último, unhas rapazas de 2º da ESO que se incorporaron este ano tamén comentaron a obra Nós seis de Julia lago, lida polos seus compañeiros o ano pasado.


Pasando ao grupo de lectura das rapazas máis maiores, aquí tamén dividímonos en dous equipos. No primeiro recreo do 12 de xaneiro falamos de El guardián invisible de Dolores Redondo, esta é a primeira parte dunha triloxía de intriga dispoñible na nosa biblioteca, agardamos que algunha das rapazas se anime a continuar coas investigacións da inspectora Amaia Salazar. 



Para as amantes da fantasía dispuxemos Un feiticeiro de Terramar de Ursula K. Le Guin, unha obra clásica deste xénero que inspirou a moitas posteriores..


Cuns rapaces e rapazas tan lectores, o profesorado e demais persoal non docente do centro non podía quedarse atrás, deste xeito o noso club de lectura de adultos creceu en tamaño este ano, xa somos nove e agardamos que aínda sexan máis. A primeira obra lida este ano foi A culpa de María Solar, novela que gañou o premio Xerais 2022; nela relátanse as complicadas vivencias de dúas mulleres nos anos da posguerra e a emigración a través da investigación dunha rapaza. As reflexións realizáronse en dúas sesións separadas para que todos puideran asistir, agardamos que en próximas ocasións poidamos reunirnos todos xuntos.


 
Isto é todo de momento, en breves repartiremos as seguintes obras das que informaremos puntualmente. Ata pronto!


26/12/23

 BO NADAL!

Coas vacacións de Nadal xa comezadas queremos facer un pequeno percorrido polas nosas actividades ao longo do mes de decembro.
Primeiramente queremos salientar unha iniciativa do centro coa que colaborou a Biblioteca e o Club de lectura, a campaña de recollida de alimento Agrasolidario. Na primeira semana do mes recolléronse libros doados polo alumnado e profesorado do centro, estas doazóns posteriormente foron intercambiados por alimentos non perecedeiros que se entregaron a organizacións asistenciais da contorna.



Para pechar o ano fixemos candasúa reunión cos dous grupos de lectura do alumnado, nestas xuntanzas activamos a iniciativa Unha mensaxe enterrada nos libros. Un ano máis os alumnos e alumnas participantes no club de lectura teñen o dereito a patrocinar a compra dun libro para a biblioteca, este volume será asinado por eles con unha mensaxe para a posteridade. Á volta das vacacións recibiremos esas interesantes recomendacións, ademais de realizar as reunións para comentar as obras que están a ler.



Libros coma area! deséxavos unhas felices festas e que teñades moitos libros de regalo!!!




28/11/23

 

CHUVIA DE LIBROS

Estamos a ter un outono pasado por auga, pero non só chove auga, tamén choven libros! Neste mes de novembro tivemos as primeiras sesións de análise das lecturas: deste xeito o día 16 o grupo dos máis maiores comentaron o relato corto La lotería de Shirley Jackson, destacando os seu parecido con obras máis actuais como Os xogos da fame de Suzanne Collins. Ao día seguinte tivo lugar a reunión dos rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO, na cal comentaron un fragmento de El libro del cementerio de Neil Gailman.

Unha vez tratadas estas lecturas iniciais producíronse as primeiras entregas de libros; coma nos últimos anos decidimos facer diferentes desdobres e así a metade das rapazas maiores están a ler Un feiticeiro de Terramar de Ursula K. Le Guin e a outra metade El guardián invisible de Dolores Redondo.



Tamén os rapaces e rapazas máis pequenos recibiron novas obras de lectura, neste caso os libros elixidos foron Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral, As aventuras do cabaleiro de prata de Ana Mariño e Coraline de Neil Gailman.





Por último queremos destacar que xa tivo lugar a primeira reunión do grupo de lectura de adultos, despois dun breve debate decidímonos pola obra de María Solar, A culpa.









7/11/23

CERTAME DE MICRORRELATOS DE TERROR 2023

Hoxe martes, día 7, entregáronse os premios aos mellores microrrelatos de terror do Samaín 2023. A continuación expoñemos o relatos gañadores xunto cos seus autores, os cales recibiron un vale regalo para librerías da nosa contorna.

Os premiados son:

1º CICLO ESO



1º Premio para Pedro Sánchez



2º Premio para Iago Marcote


2º CICLO ESO


1º Premio para Icía Platas


2º Premio para Sabela Abel.



BACHARELATO


1º Premio para Érika Cives


2º Premio para Lúa Iglesias

4/11/23

DÍAS DE SAMAÍN

Seguindo a tradición destes últimos anos, as primeiras sesións do club de lectura Libros coma area! están ambientadas no terror e suspense típico das datas de Samaín. Por todo isto, a primeira entrega de lecturas dos grupos de 1º / 2º da ESO e de 4º ESO / 1º / 2 de BACH corresponden a libros relacionados con estes temas, así no primeiro caso recibiron un fragmento do Libro do cementerio de Neil Gailman e no segundo caso o relato corto A lotería de Shirley Jackson.




As reunións cos diferentes grupos celebráronse na biblioteca do noso centro; nesta ocasión, para endulzar a xuntanza, repartíronse unhas galletas de Samaín entre os asistentes. 



Por outra banda tamén queremos salientar a habitual colaboración entre o club de lectura, equipo de Biblioteca e equipo de Dinamización lingüística; co gallo da celebración de Samaín organizouse o Concurso de microrrelatos de terror e decorouse a biblioteca para crear un photocall para o alumnado que asistira caracterizado.





Isto é todo por hoxe, a semana que vén informaremos sobre os gañadores do concurso de Microrrelatos, estade atentos!!!

13/10/23

COMEZAMOS!!!

Chegou o mes de outubro e, un ano máis, o club de lectura Libros coma area! retoma as súas actividades. Despois de promover as nosas actividades polo centro nas semanas previas xa temos establecidos un grupos de traballo: este ano haberá un grupo de 1º da ESO, un grupo de 2º da ESO e un grupo de 4º e 1º / 2º de BACH; ademais organizarase un grupo de lectura de adultos co persoal docente e non docente do centro.




As primeiras reunións xa tiveron lugar, xuntándose os rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO no primeiro recreo do mércores 4 de outubro, mentres que as rapazas de 4º da ESO e BACH reuníronse o venres 6 no segundo recreo. Nestas xuntanzas os membros do club falaron dos xéneros nos que estaban interesados e as novas incorporacións presentáronse en sociedade.

Por outra banda o club de lectura, en coordinación coa Biblioteca do centro e o equipo de Dinamización e normalización lingüística, organizaron un certame de microrrelatos de terror de Samaín. Agardamos que sexa moi exitoso e que as diabólicas mentes dos nosos alumnos e alumnas creen unhas terroríficas historias.