Biblioteca IES Agra de Raíces.

24/3/20

Concurso en Instagram "Que estás a ler?"

Durante estes días de confinamento nos nosos fogares por mor da ameaza que supón o Coronavirus, o club de lectura Libros coma area! propón incrementar o noso caudal de lecturas. É este un bo momento para dedicar parte do noso lecer a achegarnos a todas aquelas obras que tiñamos na recámara, esperando a dispor de tempo suficiente para lelas. Por iso, o noso club de lectura acaba de activar en Instagram (@libroscomaarea) un concurso que leva por título "Que estás a ler?" Animádevos a participar nel, contándonos que obra ou obras estades a revisar na actualidade. Accedede á nosa conta de Instagram para coñecer todos os detalles e ver as bases do concurso. Haberá premio...



22/3/20

Participación do club de lectura Libros coma area! e de Mateo Pérez (4º ESO) en "Leer. Iberoamérica Lee"

O club de lectura Libros coma area! foi seleccionado para participar no seminario "Leer. Iberoamérica Lee", que se celebrará posiblemente no mes de setembro en Madrid. Trátase dun encontro entre profesionais da xestión lectora e da escritura que permitirá a reflexión sobre a lectura crítica, ademais de crear un laboratorio cooperativo de ideas no marco da Feira do Libro de Madrid. A pregunta que servirá de punto de inflexión para o desenvolvemento deste evento é a seguinte: "Existen lectores á marxe?" Arredor desta inquietude, organízanse as distintas intervencións que terán lugar neste congreso: a invisibilidade do outro, as voces da literatura, a lectura na sociedade superpoboada, poéticas e oralidades, outros espazos de lectura, os movementos a prol da lectura, a literatura como porta para a construción de identidades, ou os distintos lectores e lecturas. 

Neste último bloque participará o noso alumno Mateo Pérez Soto (4º A ESO). Xunto con outros compañeiros e compañeiras de Uruguay, México e Brasil, Mateo, como representante dos clubs de lectura de España, trasladará os seus coñecementos, a súa opinión e a súa experiencia sobre as lecturas e os lectores que o movemento emerxente dos círculos de lectura está a promover. Acompañarao nesta iniciativa a profesora Mercedes Teijeiro. 

Os membros do club de lectura Libros coma area! e toda a comunidade educativa do IES Agra de Raíces desexa amosar o seu orgullo e admiración pola participación de Mateo neste evento internacional. Seguiremos de preto a súa intervención no coloquio e darémosvos cumpridas novas ao respecto. 

Queremos agradecer a Mateo o traballo encomiable que leva realizando nos últimos anos no noso club de lectura, así como a súa colaboración inestimable en todos cantos proxectos de lectura se levaron a cabo desde que el é alumno do noso centro. 

Grazas, Mateo, polo entusiasmo que nos esperta o extrardinario logro que acadaches ao ser requerida a túa presenza nun seminario desta magnitude, e grazas tamén pola túa excelencia, calidade, compromiso e xenerosidade!



18/3/20

Sesión do club de lectura do profesorado arredor da obra Seique, de Susana Sánchez

O pasado luns, 9 de marzo, celebrouse unha nova sesión do club de lectura do profesorado do IES Agra de Raíces en colaboración co Club de Letras do centro, coordinado pola profesora Mercedes Teijeiro. Nesta ocasión, ambos grupos reflexionaron sobre Seique, de Susana Sánchez Arins, unha obra ecléctica, que mistura a poesía coa narrativa breve. A peza aborda o tema da memoria histórica e afonda nas costuras da guerra civil española dun xeito completamente orixinal. A autora parte da súa historia familiar para profundar nas raíces da represión, vinculando a violencia intrapersoal coa política. 

Non perdades a ocasión de achegarvos a esta obra suxerente e iniciática en todos os sentidos, tanto no contido coma na forma. 



17/3/20

Sesión de contacontos do club de lectura de 1º ESO na Escola Municipal de Cee (A Escoliña)

As cinco integrantes do club de lectura de 1º ESO ("Arroaces de Gures") realizaron unha sesión de contacontos na Escola Municipal de Cee ("A Escoliña") para o alumnado de 0 a 3 anos que acode diariamente ao centro. Este encontro literario tivo lugar o pasado 27 de febreiro. Os membros do club prepararon a súa propia versión do conto O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López. Para iso, redactaron o guion adaptado do mesmo e encargáronse do deseño das cartolinas que emulaban os distintos espazos da obra, ademais de localizar e conseguir o resto dos enseres necesarios para o atrezzo. 






O público asistente desfrutou enormemente do relato e da degustación da sobremesa que os cinco membros do club de lectura trouxeron para eles/as. Ademais, as nosas protagonistas interactuaron constamentemente cos nenos/as, facéndoos participar de forma activa na representación do conto e nas principais accións desenvolvidas, tal e como se pode ver nas seguintes imaxes:

















Noraboa a "Arroaces de Gures" (Naiara, Andrea, Yaiza, Sofía e María) polo magnífico traballo realizado e polo éxito sen precedentes que acadaron.