Biblioteca IES Agra de Raíces.

20/12/19

Recomendacións lectoras para o Nadal realizadas polo noso club de lectura

Os membros de todos os grupos de lectura de Libros coma area! prepararon para o Nadal un tríptico coas súas propias recomendacións de lectura, que coinciden, na súa maior parte, coas obras seleccionadas por eles/as entre finais do curso pasado e comezo deste para a súa lectura e comentario no actual período lectivo. Cada grupo de lectura incorporou, ademais, outras suxestións de lectura que responden aos seus gustos e intereses particulares e que desexaban compartir coa comunidade educativa do IES Agra de Raíces. 

Animádevos a levar en empréstito da nosa biblioteca algún destes títulos para desfrutar da súa lectura durante as vacacións!




Feliz Nadal de parte de todos os/as integrantes do club de lectura Libros coma area!

4/12/19

Recomendacións de lectura "Contra a violencia, pola igualdade"


A Biblioteca do IES Agra de Raíces preparou unha escolma de obras de lectura recomendadas arredor da temática da repulsa contra a violencia de xénero e a loita pola liberdade e a igualdade. Podedes acceder desde aquí a dita selección. Ademais, haberá unha copia desta proposta en cada aula do centro. Aproveitade a proximidade das vacacións de Nadal para levar en empréstito da nosa biblioteca algúns destes títulos tan necesarios para a concienciación social.



1/12/19

Segunda sesión do club de lectura do profesorado arredor da obra En el café de la juventud perdida, de Patrick Modiano


A segunda sesión do club de lectura do profesorado celebrouse o pasado 25 de novembro, para conmemorar o Día contra a violencia de xénero. Durante a primeira parte da sesión, os membros do club reflexionaron sobre as actividades levadas a cabo no centro para sinalar a importancia deste día e tamén sobre a fronte común que debemos construír xuntos para loitar contra a desigualdade e as distintas formas de violencia, agresividade e inxustiza que vén padecendo a muller aínda na sociedade actual.


Na segunda parte do encontro, os integrantes do club abordaron a análise de En el café de la juventud perdida, de Patrick Modiano. Reflexionaron sobre o ambiente parisino etéreo, bohemio e ás veces decadente que o autor debuxou como decorado ideal para acoller a unha escolma de personaxes solitarios que deambulan na procura da súa propia identidade e dunha rede de lugares fixos que constitúan a súa singradura diaria e que lles dean consistencia e certa seguridade ás súas existencias envoltas en horizontes perdidos.