Biblioteca IES Agra de Raíces.

24/11/19

Asistencia dos membros de "Baleas de Caneliñas" á representación teatral Don Juan Tenorio

Os membros do club de lectura “Baleas de Caneliñas” participaron, xunto co resto dos seus compañeiros/as de 4º ESO e 1º Bacharelato, nunha actividade promovida e organizada polo Departamento de Lingua castelá e Literatura e o Club de lectura do IES Agra de Raíces. Consistiu na asistencia de ambos cursos á representación teatral Don Juan Tenorio, a cargo da Compañía Nacional de Teatro Clásico, que tivo lugar o 20 de novembro no auditorio Ágora (A Coruña) e na visita á Casa-museo Emilia Pardo Bazán (tamén sede da Real Academia Galega). 

Os integrantes do club de lectura “Baleas de Caneliñas” desempeñaron un papel especial na primeira das actividades, posto que, neste momento, están a preparar unha sesión de contacontos dramatizada para representar na última semana lectiva de decembro na Escola Infantil Municipal de Cee “A Escoliña” ante o alumnado de 2 e 3 anos. Por iso, era fundamental que, para imitar e poñer en práctica as técnicas teatrais que deben empregar nesta sesión de contacontos, presenciasen unha escenificación profesional e puidesen manter logo un coloquio final cos actores e actrices do reparto. Este non puido realizarse in situ por falta de tempo, dado que a Compañía debía desprazarse inmediatamente a outra cidade, pero si se fará efectivo a través do correo electrónico que os organizadores nos facilitaron para que o alumnado se puidese poñer en contacto cos membros do reparto. 





3/11/19

Primeira sesión do club de lectura do profesorado con Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño

A primeira sesión do club de lectura de adultos do IES Agra de Raíces, en colaboración neste caso co Club de Letras, tivo lugar o pasado luns, 28 de outubro. Arredor dunha comida, os seis integrantes (os profesores Mercedes Teijeiro, Mar Rozas, Manuel Carande, Eduardo Louredo, Yolanda Rodríguez e Ana Porteiro) expuxeron as súas impresións de lectura sobre a obra de Begoña Caamaño Circe ou o pracer do azul. Incidiron especialmente na versión actualizada e feminista da mitoloxía clásica. A autora dalle voz aos pensamentos esquecidos e infravalorados das voces femininas que acompañaron aos grandes heroes da Antigüidade. Trátase, neste caso, de Penélope e Circe que, a través do seu contacto epistolar, poñen de manifesto os medos, as angurias, as responsabilidades (ás veces autoimpostas) e o valor das mulleres, no pasado e na actualidade. 

O grupo estableceu tamén as súas próximas lecturas (Fulgor. Lectura danzada de María Gabriela Llansol, de Nieves Neira e En el café de la juventud perdida, de Patrick Modiano) a proposta de Mercedes Teijeiro e Manuel Carande, respectivamente, e a súa vindeira cita para o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero.