Biblioteca IES Agra de Raíces.

20/6/23

 FIN DE CURSO

As vacacións de verán xa están a volta da esquina e no club de lectura Libros coma area! realizamos as últimas sesións do ano.

Por unha banda, tivo lugar a última sesión do grupo de lectura de adultos, os profesores e profesoras reunímonos para falar da obra de Luz Gabás Lejos de Luisiana. Destacouse a facilidade coa que avanzou a lectura do libro a pesar do seu tamaño e a coidada documentación histórica levada a cabo pola autora.


Por último destacar a xuntanza final dos dous grupos do club de lectura, nesta reunión aproveitamos para ler as dedicatorias realizadas nos libros comprados na iniciativa Unha mensaxe enterrada nos libros, tal e como podedes ver na fotografía seguinte.


A partir de agora a biblioteca do IES Agra de Raíces ten nos seus fondos uns espectaculares novos libros e os membros do club de lectura do curso 2022-2023 deixaron a súa pegada neles.





E xa rematando a nosa foto de familia... Felices vacacións!!!




12/6/23

 O SPRINT FINAL

O curso está chegando ao seu fin e o club de lectura "Libros coma area" está a realizar as súas últimas sesións, deste xeito reunímonos para falar dos libros do terceiro trimestre. 

O día 25 de abril tiveron lugar, nos dous recreos, as sesións do grupo de 1º da ESO para comentar Stravagantia e a A historia interminable. Nesta mesma sesión acordouse que os alumnos e alumnas inventaran un monstro co obxectivo de crear un bestiario de animais fantásticos.



O día 20 de maio, fixemos a reunión do grupo de 3º / 4º da ESO e 1º de BACH, nesta ocasión cada un dos desdobres falou da obra que leu, xa ben Beleza vermella ou La emperatriz de los etéreos. Tras comentar as impresións sobre os mesmos, abrimos a posibilidade de que poidan levar no verán o libro que non leron para poder comparalos. 

Por último, queremos falar da visita da autora do libro A caída de Guiomar, Alba Rozas, ao noso centro; o alumnado de 1º da ESO leu o seu libro durante o mes de maio e asistiu a unha xuntanza coa escritora o venres, 9 de xuño. Alba Rozas falou sobre as posibilidades do xénero de fantasía ambientado no mundo da mitoloxía galega; os nosos rapaces e rapazas non deixaron de facer preguntas e opinar sobre a súa obra. 



Aproveitando esta ocasión, o alumnado de 1º da ESO presentou o seu bestiario fantástico á autora e despois depositouno na biblioteca para que nos anos posteriores se vaia completando.