Biblioteca IES Agra de Raíces.

27/1/20

Calendario 2020 do club de lectura Libros coma area!


Dentro da campaña de animación lectora organizada polo club de lectura do IES Agra de Raíces no Nadal, atópase a confección dun calendario no que rexistrar as datas e os eventos realizados polo noso club durante o ano 2020. Na decoración do mesmo, colaboraron varios membros dos distintos grupos. Así, Andrea Iglesias debuxou a portada do libro que o club de 1º ESO leu no 1º trimestre: Memorias dun neno labrego. Érika Cives fixo a de Fóra do normal, lida polo club de 2º ESO; Aroa Lema e Sofía Hawley elaboraron cada unha a súa propia versión da portada de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, obra escollida no 1º trimestre polo grupo de 3º ESO; e Helena García preparou a de O club da calceta, revisada polo grupo de 4º. Velaquí podedes ver e descargar o produto final. 

Grazas a todas polo magnífico traballo realizado!

















26/1/20

Os membros do club de lectura de 1º e 4º ESO, agora tamén axudantes voluntarios na biblioteca escolar


O interese dos grupos de lectura de 1º e 4º ESO ("Arroaces de Gures" e "Baleas de Caneliñas") polas actividades de dinamización lectora levou a todos os seus integrantes a converterse en axudantes voluntarios nas tarefas da biblioteca, adscribíndose na convocatoria “Bibliotecas Escolares Solidarias” para o curso 2019-2020.

Ademais de apoiar ao profesorado encargado da biblioteca nas tarefas habituais de localización e ordenación de obras nos estantes correspondentes, selección dos volumes destinados a reparación ou expurgo e recordatorio aos usuarios do comportamento correcto na biblioteca, tamén se dedicaron a recomendar aos seus compañeiros/as as obras que máis lles gustaron e participaron activamente na confección dos trípticos e suxestións de lectura emitidos polo club de lectura. Na actualidade, estanse a ocupar da decoración da estantería correspondente ás obras de igualdade de xénero, recén estreada na biblioteca do centro. 




14/1/20

Sesión do club de lectura do profesorado arredor da novela Los asquerosos, de Santiago Lorenzo

O luns, 13 de xaneiro, tivo lugar a terceira xuntanza do club de lectura do profesorado do IES Agra de Raíces arredor da obra de Santiago Lorenzo, Los asquerosos, unha das novelas máis destacadas e eloxiadas pola crítica no ano 2019.

Os membros do club disertaron arredor da orixinalidade da obra, da complexidade psicolóxica do protagonista e da súa evolución mental e vivencial ao longo da historia, así como das súas abúlicas relación familiares e persoais. O personaxe principal vese condenado a unha soidade, primeiro forzosa e despois desexada, como única forma de vida satisfactoria para el. 

Non perdades a ocasión de achegarvos á súa lectura para coñecer e valorar unha historia e uns personaxes singulares, que invitan á reflexión social.


11/1/20

Próxima visita da poetisa Victoria Carande ao club de lectura de 4º ESO

Victoria Carande Herrero, autora do poemario Litoral interior, participará nun coloquio cos integrantes do club de lectura de 4º ESO do IES Agra de Raíces o vindeiro 19 de febreiro. Os membros do club están a analizar os sonetos que compoñen esta obra, recoñecendo neles a habilidade da escritora e ilustradora para extraer e suliñar a beleza que existe na cotidianidade do ser humano. Victoria Carande eleva á categoría de arte a fermosura da natureza, dos obxectos, dos lugares e dos sentimentos que nos rodean a diario. 

Trátase dunha artista integral que combina poesía e debuxo nun poemario que supón un vínculo de unión excepcional entre a tradición áurea do soneto e a modernidade das súas palabras.


1/1/20

Nova xuntanza do club de lectura do profesorado arredor da obra Los asquerosos

A próxima xuntanza do club de lectura do profesorado do IES Agra de Raíces terá lugar o vindeiro luns, 13 de xaneiro. Os/as integrantes do mesmo compartirán as súas reflexións literarias arredor da obra Los asquerosos, de Santiago Lorenzo. Animádevos a desfrutar connosco da lectura dunha das obras más destacadas e avaladas pola crítica do último ano.