Biblioteca IES Agra de Raíces.

27/10/19

Decoración terrorífica da biblioteca e exposición de libros de misterio

Os membros dos grupos de lectura de 1º e 2º ESO ("Arroaces de Gures" e "Arroaces de Ézaro") comenzaron xa a poñer en marcha as primeiras actividades do club, en colaboración co equipo da Biblioteca. Para festexar o Día das Bibliotecas Escolares e o Samaín, tomouse a determinación de engalanar este espazo para celebrar o seu aniversario con motivos e adornos terroríficos, propios da época do ano na que nos atopamos.















Ademais, colaboraron tamén na escolma das obras de medo e misterio que forman parte da exposición de libros de terror que pode visitarse actualmente na nosa Biblioteca. Este exercicio serviulles, así mesmo, para tomar ideas para a confección do seu propio relato de terror, que redactarán e depositarán na Biblioteca do centro para participar no concurso de relato curto ambientado na noitebra galega, que convoca o equipo da Biblioteca e cuxo resultado se fallará o vindeiro 21 de novembro. 


 


Reunión inicial do club de lectura Libros coma area! no Día das Bibliotecas Escolares

O xoves, 24 de outubro, con motivo da celebración do Día das Bibliotecas Escolares, deu comezo de maneira oficial a nova andaina para o curso 2019-2020 do club de lectura Libros coma area! Os seus novos integrantes, xunto co profesorado que se encargará de coordinar os distintos grupos, reuníronse na biblioteca do centro durante o segundo recreo para fixar a distribución de ditos grupos, o calendario previsto para o primeiro trimestre, as obras iniciais coas que se empezará a traballar e as actividades previstas para o curso. 

Velaquí tedes aos integrantes do grupo de 4º ESO ("Baleas de Caneliñas"), que formaron parte xa do noso club durante o curso pasado e que repiten este ano con ilusións renovadas. Acompañándoos, atópanse os profesores Eduardo Louredo, que se encargará de guiar a este grupo nas actividades de lectura; a Mercedes Teijeiro, coordinadora do club de adultos; e a Ana Porteiro, que se ocupará do grupo de 1º ESO ("Arroaces de Gures"). 

Grazas a todos/as, aos novos e aos veteranos, por confiar nesta iniciativa!



20/10/19

Presentación das obras do club de lectura Libros coma area! 2019-2020

Como sabedes, o club de lectura Libros coma area! iniciará a súa andaina para o curso 2019-2020 o vindeiro 24 de outubro, co fin de conmemorar o Día das Bibliotecas escolares. Será nese momento cando configuremos definitivamente os grupos de 1º, 2º, 3º e 4º ESO, dándolles a benvida aos novos integrantes e presentando as obras que leremos este curso e que foron elixidas tendo en conta as suxestións dos membros do club do ano pasado, así como as dos docentes e dos/as usuarios/as da biblioteca. 

Podedes ver, a continuación, o listado de títulos seleccionados, aínda que, por suposto, estará suxeito a cambios ao longo do curso, sempre motivados polas novidades editoriais que vos poidan interesar e polos temas que presidan este curso escolar. Na presente escolma, tratamos de incluír obras de xéneros e artes variadas: novelas, relatos curtos, poemarios, pezas teatrais, álbums ilustrados, banda deseñada...

"Arroaces de Gures" (1º ESO): Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas; Cidade cemento, de Ana Santiso; Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa; Cuentos mínimos, de Pep Bruno; e Solos, de Fabien Velhmann e Bruno Gazzotti. 



"Arroaces de Ézaro" (2º ESO): Fóra do normal, de María Reimóndez; Makinaria, de Carlos Negro; Ari, cazador de dragones, de Manuel Gutiérrez e Xulia Vicente; Un monstro vén a verme, de Patrick Ness e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares.




"Arroaces de Estorde (3º ESO): Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas; Píldoras azules, de Frederik Peeters; Os nenos da varíola, de María Solar; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras e Culpable, de Eli Ríos. 





"Baleas de Caneliñas" (4º ESO): O club da calceta, de María Reimóndez; Senlleira, de Antía Yáñez e Presas fáciles, de Miguelanxo Prado. 



Animádevos a participar e a disfrutar destas lecturas e das actividades que vos temos preparadas arredor delas!



6/10/19

Presentación do club de adultos do IES Agra de Raíces 2019-2020


O vindeiro 28 de outubro terá lugar a primeira sesión do club de lectura de adultos do IES Agra de Raíces. Os/as integrantes do mesmo (Mar Rozas, Manuel Carande, Eduardo Louredo, Lara Trillo, Iolanda Rodríguez e Ana Porteiro), guiados por Mercedes Teijeiro, reflexionarán e intercambiarán impresións de lectura arredor da obra Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño. A obra proporciona unha visión actualizada da mitoloxía grega, afondando na feminidade das súas personaxes. Non vola perdades!

Presentación do club de lectura Libros coma area! 2019-2020

O club de lectura Libros coma area! retoma a súa actividade tras o descanso estival. Para este curso 2019-2020, os/as profesores/as integrantes do mesmo (Mercedes Teijeiro, Mar Rozas, Manuel Carande, Silvia Flores, Eduardo Louredo, Irene Durán e Ana Porteiro) están a deseñar unha morea de actividades dinámicas, cuxo obxectivo é trascender os límites da aula para poder trasladar as nosas impresións de lectura a outros centros ou institucións da comarca, así como realizar as nosas primeiras incursións na radio e crear unha pequena rede de clubs de lectura coa que poder levar a cabo roteiros literarios e outras actividades conxuntas. 

Animádevos a participar nesta nova andadura do noso club de lectura! O xoves, 24 de outubro, día en que se conmemora a importancia das Bibliotecas escolares, realizaremos a presentación oficial das actividades, as obras seleccionadas e os/as integrantes de Libros coma área! Reunirémonos no segundo recreo (de 12.05h a 12.25h) para dar comezo a esta nova edición 2019-2020. Todos/as aqueles/as alumnos/as do IES Agra de Raíces que esteades interesados en participar, non deixedes de acudir á cita!