Biblioteca IES Agra de Raíces.

22/4/24

 NON PARAMOS DE LER

Abril é un mes do ano moi relevante para o noso club de lectura pois co gallo do día do libro adoitamos organizar diferentes actividades. Nesta ocasión, en colaboración coa biblioteca, imos a desenvolver a lectura de diversas obras ao mesmo tempo que se acompañan de música e ilustracións.

Ao mesmo tempo, actividade habitual do club non se detén, de xeito que ao longo da semana pasada realizamos diferentes sesións de comentario de obras. Primeiramente, o día 18, tivemos dúas xuntanzas co alumnado de 2º da ESO; por unha parte os rapaces e rapazas que leron Sally Heathcote: Sufragista, e por outra banda o segundo grupo que gozou de La puerta de Manel Loureiro.


Sally Heathcote: Sufragista é unha banda deseñada que mostra os anos de maior efervescencia do movemento sufraxista; a través da historia dunha rapaza sufraxista pódense coñecer as principais personaxes do momento e as difirentes correntes que configuraron este movemento político e social.


La Puerta é unha novela ambientada na Galicia rural que mestura a intriga e os elementos máxicos da cultura galega. Nesta obra unha nai desesperada emigra a unha pequena vila na busca dunha menciñeira que salve ao seu fillo, alí verase mesturada nunha serie de asasinatos rituais.


Outro dos grupo co que tamén realizamos unha xuntanza foi o de 1º da ESO, neste caso o venres 19. A obra comentada foi Un feiticeiro de Terramar de Ursula K. Guin, trátase dun dos clásicos das novelas fantásticas sobre feiticería. Os rapaces e rapazas do club seguiron as aventuras de Ged, un mago que vai pouco a pouco aprendendo a controlar as súas habilidades máxicas.







19/4/24

DÍA DO LIBRO

Entre as múltiples iniciativas que imos a desenvolver en relación ao día do libro, hoxe queremos presentarvos as novidades da biblioteca en formato padlet: "Especial recomendación Libros como Area" coas recomendacións dalgúns dos integrantes do noso club de lectura e "Novidades Primaveira 2024" coas últimas novidades nos xéneros den banda deseñada, poesía e literatura local. Click nas imaxes para acceder.  Agardamos que sexan do voso interese:





Así mesmo, estamos a preparar para o día 23 a lectura duns textos especialmente seleccionados para os grupos da ESO que, unha vez expostos, serán ilustrados por diferentes alumnos da materia de plástica mentres se escoitan e comentan unhas pezas musicáis tamén escolllidas en relación aos textos lidos, nunha mestura de literatura, pintura e música moi singular.



15/4/24

 MARZO 2ª PARTE

Como xa adiantáramos na anterior entrada do blog, no mes de marzo tíñamos programada unha actividade moi especial, unha xuntanza co club de lectura Nautilus do IES Fernando Blanco de Cee. Desde Libros coma area! consideramos que é fundamental establecer unha relación de colaboración e amizade entre ámbolos dous clubs veciños. Para isto, o día 19 de marzo, fixemos unha serie de actividades conxuntas co club Nautilus de xeito que os rapaces e rapazas membros puideran coñecerse entre si. 

A nosa primeira parada nesta xornada foi o museo Fernando Blanco de Lema de Cee, aquí coñecemos a historia dun dos centros de ensinanza máis relevantes da comarca e o que supuxo para a educación dos rapaces e rapazas da súa contorna. Neste espazo museístico pódense ver algúns dos materiais educativos máis punteiros da ensinaza de finais do século XIX.


O seguinte paso foi visitar o fogar dos nosos compañeiros do club Nautilus, o IES Fernando Blanco; trátase dun edificio histórico con moitos lugares de interés como a torre do reloxo, os seus xardíns ou a súa capela.




Para pechar esta visita, os rapaces e rapazas dos dous grupos reunímonos na biblioteca do centro onde fomos obsequiados cunha bolsa chea de agasallos feitos polos nosos anfitrións.


Como non podía ser doutra maneira, para pechar a mañá, devolvémoslle a cortesía acolléndoos no noso centro e mostrándolles as nosas instalacións. A nosa biblioteca Concha Blanco foi o lugar desta xuntanza e alí compartimos as nosas experiencias nos respectivos clubs, ademais de realizar un pequeno almorzo.



O colofón deste día para o recordo foi o intercambio de libros entre os dous centros, abrindo a posibilidade de que os rapaces e rapazas colleran prestados libros dos fondos do centro visitado.
Finalmente dicir que esta actividade foi todo un éxito e xa nos citamos para realizar outras actividades conxuntas no futuro.