Biblioteca IES Agra de Raíces.

29/5/13

VI Xornadas dos clubs de lectura!!

O venres imos a Santiago!! Este venres 31 celébrase en Santiago a cita anual cos coordinadores dos 222 centros de ensino público que contan con club de lectura. É unha cita onde os coordinadores intercambiamos as nosas experiencias, facemos unha posta en común das actividades cos nosos clubs e atendemos a interesantes charlas ou mesas redondas con escritores de literatura xuvenil que nos axudan a enfocar novos proxectos e actividades para vindeiros cursos. Experiencia moi gratificante en todas as xornadas anteriores.
No blog de Bibliotecas Escolares tendes unha entrada onde se comenta como vai a ser o desenvolvemento das xornadas, os invitados e as actividades que se van a desenvolver.

28/5/13

Entrega dos agasallos do xogo Garda Cultural!!!

Parabéns ás gañadoras do Xogo Garda Cultural, Mª José Agulleiro e Irene González. Repetiremos o xogo o próximo curso!!!!

10/5/13

Libros agasallo Amigo Invisible

Actualmente estamos lendo os libro que nos agasallamos como conmemoración do Día do Libro e proximamente teremos a reunión para comentar o libro de cada un. Non obstante, como hai alumnos que xa remataron o libro, a seguinte proposta do club do 2º ciclo é unha escolla entre dous libros de Italo Calvino:
El vizconde demediado ou ben El Barón rampante, elixide o que queriades unha vez rematado o actual.

Xuntanza O vixía no centeo

Xa tivemos a xuntanza do club de lectura do 2º ciclo para comentar este fantástico libro de J.D. Salinger. Houbo para todos os gustos, alumnos encantados coa lectura e moi informados sobre a obra e vida do autor e outros que non conseguiron engancharse a esta lectura aínda que todos coinciden no ben que está escrito o libro. Os comentarios máis significativos foron os de Samanta, alumna de 3º de ESO que considera O vixía entre o centeo como un dos seus libros favoritos e que a iniciou no mundo "Salinger" querendo incidir ós alumnos que non remataron o libro que o volvan a ler noutro momento que seguro que lles encantará.

6/5/13

VISITA DA GARDA CULTURAL CON MOTIVO DO DÍA DO LIBRO


Para atallar o que eles chaman "terrible onda de actos de vandalismo cultural", durante estes días houbo unha nutrida presenza da Garda Cultural no noso instituto para tentar dar fin ao tráfico de libros (e outras actividades prohibidas) que se estaba a dar na nosa comunidade escolar: tras facer unha forte campaña con mensaxes como "OS ABURRIDOS ADVIRTEN: LER MATA A IGNORANCIA" ou "LER É MOI ADICTIVO, NON COMECE A LER", 13 membros deste corpo conseguiron dar ao traste coas actividades que outros tantos traficantes de libros
estaban a levar a cabo polo instituto adiante; uns e outros eran alumnos e alumnas pertencentes ao club de lectura "Libros coma area!": seguindo as indicacións dunha perigosa banda, estes ladróns recollían a mercancía nun punto e tiñan que levala a outro, poñendo en risco a integridade mental da comunidade educativa, dados os grandes preigos que os libros e a lectura supoñen.
Por outra banda, a Garda Cultural aproveitou a ocasión para facer unha exposición coas últimas aprehensións na Costa da Morte e uns interesantes recortes de prensa cos actos vandálicos dos traficantes de libros que nestas datas próximas ao Día do Libro aterrorizan a bisbarra.
Tamén expuxeron uns carteis coas principais e exemplares queimas de libros da historia, coas máis gloriosas frases contra o libro e a lectura e outros contidos exemplarizantes e glorificadores da anticultura.

PANEM ET CIRCENSES!