Biblioteca IES Agra de Raíces.

15/4/24

 MARZO 2ª PARTE

Como xa adiantáramos na anterior entrada do blog, no mes de marzo tíñamos programada unha actividade moi especial, unha xuntanza co club de lectura Nautilus do IES Fernando Blanco de Cee. Desde Libros coma area! consideramos que é fundamental establecer unha relación de colaboración e amizade entre ámbolos dous clubs veciños. Para isto, o día 19 de marzo, fixemos unha serie de actividades conxuntas co club Nautilus de xeito que os rapaces e rapazas membros puideran coñecerse entre si. 

A nosa primeira parada nesta xornada foi o museo Fernando Blanco de Lema de Cee, aquí coñecemos a historia dun dos centros de ensinanza máis relevantes da comarca e o que supuxo para a educación dos rapaces e rapazas da súa contorna. Neste espazo museístico pódense ver algúns dos materiais educativos máis punteiros da ensinaza de finais do século XIX.


O seguinte paso foi visitar o fogar dos nosos compañeiros do club Nautilus, o IES Fernando Blanco; trátase dun edificio histórico con moitos lugares de interés como a torre do reloxo, os seus xardíns ou a súa capela.




Para pechar esta visita, os rapaces e rapazas dos dous grupos reunímonos na biblioteca do centro onde fomos obsequiados cunha bolsa chea de agasallos feitos polos nosos anfitrións.


Como non podía ser doutra maneira, para pechar a mañá, devolvémoslle a cortesía acolléndoos no noso centro e mostrándolles as nosas instalacións. A nosa biblioteca Concha Blanco foi o lugar desta xuntanza e alí compartimos as nosas experiencias nos respectivos clubs, ademais de realizar un pequeno almorzo.



O colofón deste día para o recordo foi o intercambio de libros entre os dous centros, abrindo a posibilidade de que os rapaces e rapazas colleran prestados libros dos fondos do centro visitado.
Finalmente dicir que esta actividade foi todo un éxito e xa nos citamos para realizar outras actividades conxuntas no futuro.







No hay comentarios:

Publicar un comentario