Biblioteca IES Agra de Raíces.

24/2/20

Encontro literario da poetisa Victoria Carande co club de lectura de 4º ESO ("Baleas de Caneliñas")

O pasado mércores, 19 de febreiro, celebrouse, na Biblioteca do IES Agra de Raíces, o encontro literario da poetisa Victoria Carande cos membros do club de lectura de 4º ESO ("Baleas de Caneliñas"), organizado conxuntamente por Libros coma area! e polo Club de Letras do centro. A autora, que está a promocionar a súa obra Litoral interior (Sonetos de Luxemburgo), respondeu con luxo de detalles ás preguntas que integraron a entrevista preparada polo alumnado e que versaron sobre os comezos da súa actividade poética, o significado do título do poemario, os escritores nos que se inspira ou os núcleos temáticos da súa produción artística.

Ademais, recitou algún dos sonetos que forman parte de Litoral interior e animou ao alumnado presente no acto a facer o propio, pois suliñou a importancia da voz para transmitir sentimentos e emocións. 

Asimesmo, resaltou a relevancia do soneto como composición estrófica fundamental na poesía europea, que é quen de misturar a esplendorosa tradición aurisecular da que procede coa modernidade. Sinalou tamén as súas concomitancias coa música, especialmente co fado, interpretando con grande destreza un dos seus favoritos. 











Finalmente, a autora demostrou a súa xentileza ao emprestarnos algúns dos exemplares de sonetos procedentes da súa biblioteca para expoñelos durante uns días no centro. 






Pola súa parte, os membros do club prepararon uns marcapáxinas para conmemorar o encontro literario coa autora. 




Encontro da poetisa Victoria Carande co club de lectura do profesorado

O club de lectura do profesorado do centro mantivo un encontro literario coa poetisa Victoria Carande o pasado martes, 18 de febrero, organizado por Libros coma area! e polo Club de Letras do IES Agra de Raíces. A autora, que está a presentar a súa obra Litoral interior (Sonetos de Luxemburgo), reflexionou cos integrantes do club sobre a importancia do soneto como perfecta forma de expresión artística, que aúna a tradición do Século de Ouro, período no que foi profusamente cultivado, coa modernidade. Victoria Carande considera que esta composición estrófica é ideal para describir a beleza da vida cotiá e para sublimala á categoría de arte. 

A escritora falou tamén das súas fontes, dos comezos da súa actividade poética nas redes sociais e do público fiel que a segue cada venres pola mañá, momento no que engade un soneto novo no seu Facebook. Ademais, compartiu e leu cos membros do club os seus poemas máis significativos, falando do seu sentido e suliñando as distintas partes da súa obra a través dun debuxo que anticipa cada bloque temático: a natureza, os espazos idóneos para ler e escribir, os distintos lugares polos que transcorreu a súa vida...

Grazas, Victoria, pola túa xentileza ao compartir connosco o teu arte.


16/2/20

Celebración do Día de San Valentín e o Día de Rosalía

A Biblioteca do IES Agra de Raíces decidiu conmemorar de maneira conxunta para este curso o Día de San Valentín (14 de febreiro) e o Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro). Para iso, organizouse unha exposición con obras da autora galega, ou ben que xiran arredor da súa traxectoria literaria. Podedes visitala na nosa biblioteca ao longo destes días e animarvos a levar algún dos seus textos en empréstito. 


Ademais, os axudantes da biblioteca de 4º ESO prepararon unhas postais co selo de Rosalía, que repartiron polas clases, convidando aos seus compañeiros/as a enviar ao destinatario que eles elixisen unha mensaxe de amizade, de amor ou algún verso da autora de Padrón para celebrar as dúas datas coma se dun canto á convivencia harmónica que tanto anhelaba Rosalía se tratase. 

A actividade gozou dun éxito clamoroso. Durante toda a semana do 10 ao 14 de febreiro, o buzón disposto para a ocasión na biblioteca do centro non deixou de recibir postais. As nosas voluntarias clasificaron toda a correspondencia durante a mañá do venres para entregar todas as tarxetas ese mesmo día.





Moitas grazas a todos/as pola vosa participación na actividade e por festexar connosco dúas datas tan significativas. Asimesmo, queremos expresar o noso agradecemento especialmente aos voluntarios da biblioteca que traballaron arduamente estas últimas semanas na confección, distribución e reparto das postais rosalianas da amizade e do amor!

13/2/20

Materiais creados polo alumnado arredor da visita de Ana Santiso ao centro

Para a preparación do encontro literario con Ana Santiso, o alumnado do IES Agra de Raíces elaborou diversos materiais que foron expostos na biblioteca do centro o pasado día 10 de febreiro. As alumnas do club de lectura de 1º ESO confeccionaron dous xogos de mesa arredor da obra Cidade Cemento: un puzzle e unha actividade de creación de pareados a partir das palabras clave do álbum ilustrado. 








Prepararon tamén un vídeo compilatorio arredor da traxectoria literaria da autora.



Pola súa parte, os alumnos de 4º ESO que participan no Club de Letras redactaron a súas propias versións en inglés da historia plantexada por Ana Santiso en Cidade Cemento. A súa profesora e coordinadora do Club de Letras, Mercedes Teijeiro, impulsou e dinamizou esta actividade entre o seu alumnado, con magníficos resultados, tal e como podedes ver nas seguintes imaxes.





Os estudantes de Debuxo artístico de 1º Bacharelato, da man da súa profesora Mirta Pequeño, deseñaron orixinais caricaturas da autora. Algunhas delas foron expostas no salón de actos do centro para a primeira parte do encontro coa artista e outras integraron a exposición montada para a ocasión na biblioteca.








Finalmente, creáronse tamén marcapáxinas para conmemorar esta visita, que foron repartidos entre os asistentes ao obradoiro de escritura creativa.



Obradoiro de escritura creativa con Ana Santiso

O pasado luns, 10 de febreiro, Ana Santiso visitou o noso centro para manter un encontro literario co alumnado do club de lectura, do Club de Letras, da materia de Coeducación para o século XXI e cos estudantes de 4º ESO. Tal e como informamos nun post anterior, a autora realizou unha presentación da súa obra e da técnica gráfica que emprega para dito auditorio no salón de actos do instituto, de 10.25h a 12.05h.

A continuación, de 12.25h a 14.05h, Ana Santiso dirixiu un obradoiro de escritura creativa, no que participaron os membros dos distintos grupos de lectura do centro, do Club de Letras e o alumnado da materia de Coeducación de 1º Bacharelato. A autora propiciou entre os alumnos a creación dun texto poético orixinal. Para iso, tomaron como modelo os poemas da súa obra Cidade Cemento. Sobre esta base, os estudantes compuxeron odas a aqueles lugares que evocaron a través da imaxinación. Velaquí podedes ver algúns exemplos:









Alumnos como Helena García (4º ESO), Érika Cives (2º ESO), Sofía Van Der Zwan (1º ESO), Lois Fraga (4º ESO) ou Isabel e Melisa Touriñán (1º Bacharelato) animáronse a compartir co resto do auditorio os textos que crearon no obradoiro, léndoos en voz alta. Queremos agradecerlles desde aquí a eles aos demais alumnos que asistiron ao evento o traballo realizado, a boa disposición e a atención sostida en todo momento.