Biblioteca IES Agra de Raíces.

20/5/18

ROTEIRO MULTIDISCIPLINAR "AS AVENTURAS DE PELUSA"


O pasado 15 de maio, os nosos Areeiros, en compañia dos membros do club de lectura Ghuaidelai do IES "Fin do Camiño" de Fisterra, emprendemos a esperada actividade Mosquetín-Allo-Pelusa.

MAR TURQUESA EN MALPICA

A nosa primeira etapa foron os Batáns do Mosquetín, no Concello de Vimianzo, onde Adriana e Manuel nos explicaron con moito detalle as características do conxunto etnográfico, composto por tres batáns e seis muíños, todos eles movidos pola auga do río Grande.

CHEGANDO AO MOSQUETÍN
Os batáns son uns grandes mazas que se utilizaban para compactar o tecido das mantas (facendo un ruído infernal), e os muíños do Mosquetín eran moi famosos na contorna pola gran calidade do produto final.

FOTO DE FAMILIA NOS MUÍÑOS E BATÁNS DO MOSQUETÍN

De aí pasamos ás Torres do Allo, no Concello de Baio-Zas, un dos pazos máis antigos de Galicia, levantado pola familia Gomes de Rioboo na Idade Media, aínda que desa época só data a torre norte, pois a torre sur e o resto do edificio son do século XVIII.
O máis ilustre habitante deste pazo foi o insigne naturalista galego Víctor López de Seoane, quen casou en 1869 coa la viúva de Nicolás María Rui-Gomes Rioboo, convirtíndose así na primeira muller que herdou o pazo. Crese que foi Víctor López de Seoane quen prantou os impresionantes plátanos e os carballos do camiño que leva ata o pazo dende a estrada.
As explicacións correron a cargo de Estefanía, a guía das Torres do Allo, que tamén nos preparou unha xincana que resultou moi emocionante para os máis de 40 alumnos e alumnas que alí estabamos.

FOTO DE FAMILIA NAS TORRES DO ALLO
Dende hai uns vinte anos as Torres do Allo son un museo da Deputación da Coruña que mesmo ofrece visitas guiadas teatralizadas durante os meses de verán, a cargo de "Os Quinquilláns".

ACCESO DE CARBALLOS ÁS TORRES DO ALLO
Malpica era xa o noso destino final: mentres estabamos a comer na praia de Area Maior (bocatas cun suave sol), uníronsenos os membros do club de lectura do IES "Maximino Romero de Lema" de Baio.

COMENDO EN AREA MAIOR, MALPICA
E finalmente, o prato forte da nosa actividade o roteiro polo cabo de Santo Hadrián ata a ermida do mesmo nome, escenario de As Aventuras de Pelusa, o libro de Xelucho Abella Chouciño que estivemos lendo estas últimas semanas.

TOXOS, VENTO, LUZ E MAR
A nosa guía deste roteiro multidisciplinar foi Rocío Romar Roel, profesora de Sociais do IES "Urbano Lugrís" de Malpica que, tomando como pretexto a localización de cada episodio do libro, falounos da fauna, a flora, a xeoloxía e a antropoloxía cultural da zona.

ROCÍO ROMAR ROEL TRANSMITE CULTURA
Ao longo do percorrido, referímonos moitas veces ao libro, e mesmo fixemos tres lecturas, que foron as seguintes:

1. Ao principio do noso percorrido, xunto á Fonte do Silveiral, a nosa Arroaz de Gures Carla Fernández Fandiño leu o fragmento onde os homes violentos, ás ordes de Malasaña, con forquitas, fouciños e algunhas escopetas, conseguen facer que Pelusa e a cadeliña mutilada Sabuxa caian ao abismo. 

XUNTO Á FONTE DO SILVEIRAL

2. Mái adiante, xunto ás ondas que batían coa marea chea, Aroa Lema Trillo fixo, tamén Arroaz de Gures, fixo a lectura do fragmento de As aventuras de Pelusa onde se fala da lenda malpicá da Pedra da Serpe e da súa explicación científica. Segundo di a lenda, Santo Hadrián esmagou co seu pé unha serpe (que quedou embutida na rocha), dando así fin á praga que asolaba a zona. Os científicos din que en realidade a serpe non é tal, senón un filón de seixo intruído nun gneis... cunha forma un pouco caprichosa. 


AROA LEMA TRILLO LE O FRAGMENTO SOBRE A PEDRA DA SERPE

3. E finalmente, despois da subida ata a Ermida de Santo Hadrián, Daniel Mouzo Trillo, das nosas Baleas de Caneliñas, fixo a lectura de "Mesmo onde remata a estrada en que os seus amos a abandonaron, érguese unha pequena ermida...", onde tamén se fala da fonte "coa pía de pedra traballada", preto dos panos brancos que penden de silvas e ramas, coas que a véspera se San Xoan lavan a cara os que confían neste rito como solución para as súas verrugas e outros males...

DANIEL MOUZO TRILLO FAI A SÚA LECTURA

E así, entre a Ermida de Santo Hadrían e as máxicas illas Sisargas, demos fin ao noso roteiro multidisciplinar polo cabo de Santo Hadrián.




ÁLBUM DE FOTOS ROTEIRO BATÁNS - ALLO - MALPICA

18/5/18

CELEBRANDO O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O pasado día 16 de maio, para conmemorar que ao día seguinte se celebraba o Día das Letras Galegas, publicamos un díptico que incluía o poema "O idioma é a chave" de Manuel María, un texto de "Sempre en Galiza" e unha viñeta de Castelao referidos á situación da lingua galega na súa época e un texto da obra de teatro "Comedia bífida" de Manuel López Singala. Alumnos e alumnas do centro (a maioría membros do club de lectura) leron en alto estes textos en cada un dos grupos, ao longo da xornada.




Ademais, en colaboración co ENDL, enchemos de palabras galegas a nosa "Árbore das Palabras", situada na entrada do centro.