Biblioteca IES Agra de Raíces.

3/4/18

Amar e outros verbos, Penúltimas tendencias, La lección de August, Maus...


Durante as pasadas semanas levamos a cabo as seguintes lecturas nos distintos grupos:



Os "Arroases de Gures" dedicaron dúas reunións ao comentario de Amar e outros verbos de Ana María Fernández (con ilustracións de Xosé Cobas). Na segunda delas, o día 21 de marzo, todos os compoñentes do grupo leron os seus poemas preferidos. Valoran moito a sinxeleza e profundidade de poemas que falan de cousas que todos sentimos, pensamos e facemos. Agora xa están con As aventuras de Pelusa, de Xelucho Abella Chouciño.






Os "Arroases de Ézaro" tamán dedicaron dúas sesións á poesía, neste caso a Penúltimas tendencias de Carlos Negro e tamén dedicaron unha das dúas reunións á lectura dos poemas que máis lles motivaron. A dictadura das modas, a escravitude do modelo estándar de beleza, a tiranía do espello conducen aos mozos e sobre todo ás mozas á alienación e mesmo á perda da súa propia identidade.




Os "Arroases de Estorde" están con La lección de August da colombiana Raquel Jaramillo Palacio, que nos amosa oito visións distintas dun feito, a asistencia ao colexio, por primeira vez, de Auggie (August), que naceu co Síndrome de Treacher Collins, que provoca enormes deformacións craneofaciais. O respeto ao diferente e a superación da frustración de ser diferente son dous dos temas máis delicados e interesantes que trata este libro levado ao cine.



As "Baleas de Caneliñas" analizaron con gozo e interés o apaixoante, orixinal e poliédrico Maus de Art Spiegelman. Esta banda deseñada (protagonizada por animais que se comportan como persoas) ten tres liñas de argumento entrecruzadas: a que narra a tortuosa relación do mozo debuxante Art Spiegelman con seu pai o vello xudeu polaco Vladek Spiegelman, a odisea de Vladek Spiegelman sobrevivindo á persecución dos nazis e a que conta as dúbidas como creador do propio Art Spiegelman.

No hay comentarios:

Publicar un comentario