Biblioteca IES Agra de Raíces.

25/4/17

EN PRIMAVERA SEGUEN AS REUNIÓNS

Os ARROASES DE GURES leron A chamada do salvaxe, dura historia de cans e neves, trasunto quizás doutras vidas. Este libro, o máis coñecido de Jack London, conta a vida de Buck, can mestura de San Bernardo e Collie que, despois de ser roubado da casa do seu dono, o xuíz Miller, e tras ser entregado para pagar unha débeda de xogo, pasa, como can de trineo, por varias mans, case sempre pouco agarimosas, ata recibir a chamada do salvaxe, a do seu pasado na natureza, que o leva a ser, de novo, libre como os lobos.
Os arroases víronse, en xeral, impresionados pola crudeza das imaxes narradas, polo sangue, as lavazadas e as dentadas e, aínda que valoraron a calidade literaria do libro, non o pasaron moi ben, agás excepcións.



Os ARROASES DE ESTORDE remataron A illa do tesouro, a obra mestra de Robert Louis Stevenson. Gozaron e sufriron coas aventuras e desventuras de Jim Hawkins na busca do tesouro e intentando arruinar, coa axuda de Ben Gunn os plans dos piratas de John Silver.





Os ARROASES DE ÉZARO disfrutaron pasando medo coas Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz. Non quixeran os nosos arroases verse nunha casa cos habitantes que tiña a casa de indianos que, con tanta ilusión, mercou Adrián Novoa no concello de Doroña. 


As BALEAS DE GURES colléronlle moito cariño ao señor Linh e a súa neta, personificación do cariño do vello oriental pola súa terra, polo seu país, pola súa lingua, por todo aquilo que perdeu. De todo iso, só recuperou o agarimo da amizade que lle regala Bark no seu banco no medio da grande cidade impersonal que non coñece a ninguén.

No hay comentarios:

Publicar un comentario